O Laboratorio de Apoderamento Lingüístico de Ferrolterra é un proxecto piloto de dinamización do uso do galego entre a mocidade, o cal foi deseñado pola asociación ferrolá Rexenerando e está financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do programa TeCe Redes.
Catro centros de Ferrolterra desenvolven neste mes de outubro e en novembro esta primeira edición: son, ademais do IES Concepción Arenal, o IES Carvalho Calero, o IES Sofía Casanova e o IES Punta Candieira de Cedeira. Haberá unha sesiónintercentros o 11 de novembro. Marcos Abalde é o profesor encargado no noso centro.
Trátase dun proxecto que aborda a cuestión lingüística dun xeito innovador, incorporando novas ferramentas e dando espazo ás emocións e á propia experiencia. Desenvólvese nos meses de outubro e novembro e esta primeira edición consta de dúas sesións de 100 minutos entre o 13 e o 27 de outubro, e unha sesión intercentros o 11 de novembro. O alumnado voluntario exporá as propostas e recursos recompilados previamente, unha serie de accións activadoras da lingua nos seus contextos máis próximos.
O acto de peche celebrarase o 29 de novembro para compartir publicamente as propostas de intervención lingüística resultantes e celebrar a potencia creativa e o compromiso activo da mocidade co noso idioma.
Queremos pór remate a esta entrada cos primeiros versos do poema “Ítaca” do poeta grego Kontantino Kavafis. Parabéns ao alumnado implicado e ao profesor Marcos Abalde.
“Cando emprendas a túa viaxe cara a Ítaca
pide que o camiño sexa longo,
cheo de aventuras, cheo de experiencias.
Non debes temer nin os lestrigóns nin os cíclopes,
nin a furia do airado Poseidón.
Nunca tales monstros acharás na túa ruta
se o teu pensamento se mantén elevado,
se unha exquisita emoción inunda a túa alma e o teu corpo”.
Desexámoslles unha feliz e frutífera viaxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario