Amosando publicacións coa etiqueta Viaxes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Viaxes. Amosar todas as publicacións

12 de xan. de 2019

Excursión Santiago- Soutomaior- Pontevedra

"A derradeira leición do mestre" (1945)

O día 30 de outubro e acompañados polos profesores Belén Castelao, Manuel Rei, Fernando R. Lamela, Cecilia Vigo e Ana Dopico, 90 alumnos de Segundo de Bacharelato do noso centro foron de excursión por Compostela, Soutomaior e Pontevedra, no marco dunha actividade organizado polo EDLG: "O escritor e a súa terra".

A visita tivo unha tripla finalidade: homenaxear os escritores Mª Vitoria Moreno  e Antón Fraguas (Letras Galegas 2018 e 2019, respectivamente), empregar a lingua galega e coñecer a realidade lingüística da cidade de Pontevedra. Despois da recepción por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, realizaron un percorrido literario e cultural polo centro histórico.

Aproveitando a ocasión, fíxose en Compostela unha visita a Cidade da Cultura do monte Gaiás, onde foi visitada a exposición “Castelao Maxistral”, que homenaxea o papel dos mestres e mestras na construción do ensino público no 1º terzo do século XX, até a chegada da Guerra. A exposición exhibe por primeira vez en Galicia  'A derradeira leición do mestre‘, óleo sobre tea de 2 metros de altura pintado polo rianxeiro no exilio bonaerense e considerado por moitos o 'Guernica galego'.

A excursión tamén incluíu unha visita a Soutomaior para coñecer o seu castelo medieval, construído no século XII.



Alumnos e profesores do IES Concepción Arenal na Praza Alonso de Fonseca, xunto á igrexa de Santa María a Maior. Pontevedra.


15 de dec. de 2013

Uns días en Kethna

LARA CASTRO LEMA 
4º ESO-C

Hai uns meses, formando parte de “Comenius “, un proxecto ecolóxico da Unión Europea, tiven a sorte de poder viaxar cunhas cantas persoas máis, a unha congregación dos cinco países participantes no proxecto. Así que fomos a dirixirnos cara o norte, case ata o teito de Europa, a Estonia.
Neste considerablemente pequeno país confluíron as culturas turca, Estonia, italiana, francesa e por suposto, a española. Pero non vou falar de toda a viaxe porque a verdade, coñecín a tantas persoas, cousas e lugares que probablemente, isto acabaría semellando unha novela. E é que as viaxes bríndante moitas historias que contar aínda que sexas unha nena, ou máis ben, sobre todo por iso.
Teño que aclarar que o país anfitrión acolleunos nas casas dos rapaces e rapazas participantes en Comenius.
Cando chegamos a Kethna, un pequeno pobo a unha hora distante da capital e onde se atopaban os nosos anfitrións, esperamos a que viñeran a recollernos. Creo falar por todos cando digo que nos sentíamos como cartas sen destino, extraviadas e devoltas a un remite ao que non pertencían, esperando que nos aceptasen.
A miña nena chamábase Diana e con dezaseis anos vivía nun piso do antigo réxime ruso, que ademais de ser o típico bloque de cemento inexpresivo, lucía a “marabillosa” pegada do que foi un incendio que queimou xustamente a parte do edificio na que se aloxaba Diana. O piso estaba preto do instituto e compartíao co seu irmán máis vello, a quen non puiden coñecer por circunstancias que carecen de importancia.
Chamoume e eu seguina, deixando a miña irmá atrás, comezando xa a botala de menos. Acompañábaa unha rapaza que semellaba ser da súa idade e que me presentou como Kelly, a súa veciña e amiga.
Leváronme primeiro a casa para que me instalara, mentres Diana me falaba (sempre en inglés) dos seus plans, esforzándose con toda a súa alma para que eu me sentise cómoda, nunha situación que rara vez o é.
A miña anfitrioa era xenial, pero era desas persoas que so deixan saborear a súa xenialidade cando se constrúe unha confianza mutua, e a verdade e que o primeiro día as dúas estabamos un tanto superadas polas nosas circunstancias: ela quería que non me sentise incómoda e eu quería facerlle entender que non me sentía incómoda (valla a redundancia), pero ningunha das dúas sabía como. E é que moi ao meu pesar, a miña perspicacia ao expresarme afúndese bastante cando me vexo de súpeto nunha situación na que teño que empregar outro idioma, e ata que me afago, podo dar a impresión de non comprender nada ou de ser condescendente. O segundo é o que máis odio.
Sorprendeume moito un xesto de Diana que me demostrou que ela tamén estaba insegura, e que me tranquilizou en certo modo. E é que de súpeto preguntoume, ante a mirada interesada de Kelly: “En España tedes algún prototipo de persoa nórdica? Quero dicir, dise algo de nós?” Eu quedei pensando un segundo e díxenlles: “Non que eu sepa. Algo como que? Indicáronme unha lenda urbana que agora non recordo e volvinlles dicir que nunca escoitara nada parecido. Eu só quería tranquilizalas e facerlles entender que non tiña ningún tipo de prexuízo cara elas, pero en realidade sabía que moitas persoas pensan que os nórdicos son fríos, no sentido de que non expresan os seus sentimentos, pero por algunha razón non atopei conveniente dicirllo, pois mentres eu non o crese, non tiñan de que preocuparse.
Despois dunha visita turística pola casa e de instalar a maleta no chan do meu cuarto, Diana e Kelly leváronme ao único establecemento de Kethna onde podías comprar comida.
Percorrín con curiosidade os estantes do pequeno ultramarino buscando marcas que hai tamén en España (ata nun supermercado podes atopar un referente cando te sentes perdido) e sorprendeume o feito de que entre centos de produtos , só atopei brillando entre o marketing estranxeiro, unha palabra sobre un cartón verde: “Activia”. Non puiden evitar rir, o que estrañou ás miñas compañeiras que, tras coñecer o meu reencontro idílico cuns iogures, insistiron en comprarmos. Convidáronme a uns doces típicos cun nome impronunciable, e así, unidas polo sabor frío e doce dun alimento, pululamos polos arredores de Kethna, mentres elas interpretaban o seu papel de guías fantasticamente.
Chegamos ao cume do momento cando decidiron levarme polo bosque onde adoitaban pasear. Era un conxunto sinxelo de árbores xemelgas, un ecosistema simple (todo o simple que pode ser un ecosistema) pero aínda así, pareceume moi bonito. O camiño desembocaba nunha ponte que sobrevoaba un fío de auga e que á súa vez, apoiaba o seu extremo na linde dun prado. Era un prado enorme e extremadamente verde. Sempre penso, ao tentar describilo, que é como eses campos infinitos nos que se perden as vidas dos soldados, entre canóns e traxes azuis, brancos ou vermellos, nos que un comandante altivo, no cume do seu cabalo, da un discurso motivador aos ollos descompostos e mortos de medo que escrutan as súas posibilidades de volver a casa, antes de lanzarse polo campo verde, berrando, ata manchalo de vermello. Non o entendo, pero esa foi a miña impresión daquela extensión chá e apracible.
Sentamos as tres na ponte, e cos pés bailando no aire e cara a cara co solpor, comezaron a falarme do que esperaban da vida, da situación do seu país e das dificultades que esa situación impoñía ao seu futuro. Ese intre tan sinxelo foi sen dúbida un dos meus favoritos de toda a viaxe, e para min, foi un descanso para os meus nervios e combustible para as miñas expectativas.
Compartín a experiencia con moitas persoas diferentes, e en realidade, Diana case nunca era unha de elas. Creo que probablemente atopei unha complicidade maior con outros rapaces e rapazas, que con ela só tiña cando estabamos na casa. Pero dalgunha forma fomos construíndo unha rutina xuntas, que aínda que fugaz, uniunos considerablemente.
E coma sempre, chegou o momento da despedida.
Abracei a todos os que tiña que abrazar e chorei cos que tiña que chorar, que para a miña sorte ou para a miña desgraza, foi a totalidade do equipo Comenius, mesmo os que regresaban comigo para España.
E entre tanto choro, Diana achegóuseme cos brazos abertos e comecei a chorar aínda máis. Entón, esa nena que tiña a calidade intrínseca, a lenda nórdica de non mostrar os seus sentimentos, comezou a chorar. Deume unha bolsa con agasallos para a miña familia e para min, e un debuxo que o seu irmán pequeno me fixera e dedicara esa mesma mañá, cando o coñecín. Ao ver esa flor chea de cores, torta e esmirrada, e as doces palabras que me escribira, case me rompo en anaquiños.
- Moitísimas grazas! É precioso - díxenlle. Non podía falar, semellaba que me amarraran a gorxa cunha corda ardendo. Abrazámonos outra vez e díxenlle que a ía botar moito de menos, mollándolle todo o ombro coas miñas bágoas. Ela díxome o mesmo, e cando cría que xa rematara, que agora tocábame chorar por outro dos meus amigos ollou cara min, e esforzándose por dicir as palabras axeitadas dixo: "Xa sabes". E deseguido miroume, chorando e nun español perfectamente pronunciado soou un: "A miña casa é a túa casa".
Conmoveume de tal forma que me dixera iso que comecei a chorar moito máis que antes, e aínda que a atadura que oprimía a miña gorxa xa esnaquizara as miñas cordas vocais, díxenlle como puiden que a miña tamén era a súa casa. E como unha carta extraviada que volve ao seu remite, desta vez ao que pertencía, retornamos á casa, deixando no teito de Europa un país moi pequeno, pero cheo de persoas moi grandes. Lara Castro Lema 4º ESO-C

Aventura nunha canoa

Noa Castro Lema

Hai xa case medio ano daquel soleado día de maio e aínda así parece que só pasaron uns días. Sigo sorrindo ao recordar aquela xornada na que tantas cousas aprendín, e resúltame divertido pensar nos múltiples erros e decisións que nos levaron a ter que descender -por non dicir arrastrarnos- seis kilómetros nunha canoa sospeitosamente pesada, polo río máis exasperante e lento que calquera ser humano que viva a súa vida a unha velocidade normal, teña visto xamais. Atopábamonos Lara, Eva e máis eu na metade daquela lingua de auga, alternando cinco minutos de remo e outros tantos de descanso -varios máis de descanso- baixo o sol abrasador do mediodía. Aquel traxecto infernal semellaba non ter fin e as nosas forzas esgotábanse pouco a pouco. A pesar de todos os contratempos, estabamos ao sur de Estonia, un lugar onde a beleza da natureza fai que o cansazo pase desapercibido.
Levabamos case tres horas no río e todo semellaba indicar que xa percorréramos máis da metade do camiño cara o punto de encontro, no que agardaban os nosos amigos con auga e comida pero sobre todo, onde nos agardaba un pequeno e precioso embarcadoiro sobre o que nos tirariamos a descansar en canto pisásemos terra. Foi entón cando se nos caeu a alma aos pés ao ver, uns poucos metros máis adiante, o cadáver gordo e grande dunha árbore, que algún temporal deixara caer "oportunamente" sobre o leito do río, pechándonos o paso.
Falámolo durante uns minutos e todas estabamos de acordo en que non íamos volver atrás despois do esforzo sufrido e cando nos encontrabamos a menos da metade de camiño: tiñamos que subir a canoa por enriba do tronco. Tras escoitar as pertinentes observacións de Eva, vimos claramente o camiño a seguir. Acto seguido, arredamos todo o posible a canoa do obstáculo e comezamos a remar con ímpeto cara a zona do tronco que parecía estar máis afundida na auga. Aínda experimento as ganas de soltar unha gargallada cando penso no cómica que debeu resultar a escena vista dende fóra, xa que, ao chegar ao tronco, véndonos xa no outro lado, exclamamos ao unísono un berro de vitoria que foi interrompido cando a canoa freou en seco sobre o madeiro proxectándonos cara adiante. Eva deuse de fociños contra as costas de Lara que ía no medio e Lara asestou ao tempo unha cabezada nas miñas costas, facéndome caer de xeonllos sobre a parte dianteira da canoa, co tempo xusto para apoiar as mans no bordo e manter o equilibrio para non envorcar a inestable embarcación. Unha vez recuperamos as nosas posicións, aínda aparruladas polos golpes, comezamos a pensar en como saír daquela situación:
— Intentemos empurrar a canoa cara atrás, porque se seguimos impulsándoa sobre o tronco pode que nos quedemos atrapadas enriba e xa non poidamos ir en ningunha dirección - dixo Eva, cuxa expresión normalmente alegre, tornara nun aceno de preocupación.
Á miña irmá e a min pareceunos razoable, así que todas apoiamos os remos sobre o madeiro e fixemos forza para intentar impulsarnos fóra daquela trampa. Despois dun par de minutos deixándonos a pel, asumimos que era imposible volver atrás, xa que a canoa estaba firmemente atrapada e unhas pólas impedían o seu desprazamento.
— Parade!-berrou Lara- non podemos ir cara atrás, ademais, se seguimos forzando os remos van romper, e non creo que teñades ganas de remar coas mans.
— Pois só nos queda continuar cara adiante. Poderiades intentar liberar a canoa por detrás, se o conseguides podemos arrastrala cara o outro lado e chegará un punto no que o seu propio peso faraa caer cara adiante pouco e pouco- suxerín eu, despois de pensalo un momento.
Lara e Eva, que non descartaban ningunha opción que puidese axudarnos a saír daquela lea, comezaron a apartar as ramas e anacos de troncos que nos mantiñan atrapadas, e tras uns cantos minutos, a canoa pareceu liberarse un pouco, así que Lara me indicou:
— Noa, agarra forte esa póla que sobresae á esquerda e tira dela cara ti, pero intenta non desestabilizarnos.
Eu fixen o que me dicía, mentres elas daban impulso á canoa, dando fortes sacudidas cara adiante con toda a forza do corpo sen levantarse dos asentos. Desta forma logramos avanzar pouco e pouco, cada vez máis animadas ao ver que estabamos liberando a canoa, o que nos aportaba a forza que xorde do esgotamento cando ves que o teu obxectivo está cada vez máis preto. Levounos un longo cuarto de hora, pero ao final, a canoa pasou ao outro lado do tronco deslizándose na auga, acompañada polas nosas exclamacións de alivio e alegría. Despois de recuperar o alento, collemos os remos e comezamos a avanzar novamente. Case unha hora máis tarde, divisamos un embarcadoiro feito de madeira pintada de vermello, desentoando coa paisaxe, á beira dun pequeno claro. Por un lado, o claro estaba rodeado de auga e polo outro do frondoso bosque, cuxas árbores alzábanse con rectitude cara o ceo, coloreadas de centos de tons verdosos e iluminadas polo reflexo máxico do Sol na auga, que facía que o río parecese de ouro. Tardamos uns dez minutos en pisar terra, sempre motivadas polos espaventos e berros de alento dos nosos amigos. En canto chegamos deixámonos caer sobre as táboas do embarcadoiro, e tras sacar da auga a nosa canoa, os nosos amigos imitáronnos.
Alí tendidos, mirando ao ceo, contámoslles a nosa pequena aventura, mentres comiamos galletas de chocolate e bebiamos Coca Cola, repoñéndonos entre risas daquela esgotadora xornada.

Piccolo Tomás

Gala Dacosta Diehl

A primeira vez que falei con Tomás era de noite.
A viaxe estaba sendo do máis pracenteira; visitaramos Roma, que eu tanto desexaba coñecer, e despois instalarámosnos naquel idílico hotel de Paestum.
El xa rematara de cear, pero nós aínda non comezaramos.
O camareiro, que era moi simpático, quíxonos amosar o seu entusiasmo ao ver que eramos españois, e exclamou: “Viva la Espagna!”.
Entón, Tomás, dende a súa mesa, contestou: “Viva la Espagna? Non! Viva l' Italia!”. Todo o restaurante riu con aquel comentario. Eu non imaxinaría que aquel italiano de orixe belga se fose namorar de min, sobre todo porque tiña cinco anos.
Ao día seguinte, pola mañá, o mesmo camareiro da noite anterior serviunos o almorzo.
Notaba as miradas dos demais hóspedes do hotel cravándose sobre min como espadas. Non eran miradas de reproche nin nada polo estilo.
Tan só ollos curiosos que buscaban un entretemento.
E o entretemento era eu, que me convertera no divertimento daquel lugar.
O pequeno Tomás anunciara que eu era a súa moza, e o rumor estendérase a unha velocidade abraiante.
Durante a miña estancia en Paestum tiven a ese neno pegado a min como unha lapa. Sempre me topaba con el, fixera o que fixese.
Cando lía no xardín, cando ceaba ou cando ía á praia.
A mañá do meu retorno foi un momento tráxico para o pequeno Tomás.
Recordo que o día amencera más fresco que de costume.
O xardín estaba coidado ata o máis mínimo detalle, os piñeiros mecían o vento entre as súas ramas ata convertelo nun suave murmurio, e ao lonxe distinguíase o xemido do mar e as ondas rompendo á súa beira.
Todo o mundo estaba expectante. Tomás saudoume coa súa acostumada vitalidade, pero eu tiven que dicirlle a verdade.
— Adeus, Tomás— despedinme. Debeu notar o meu ton de voz afectado e pareceu estrañarse.
— Adeus. Entón, ¿mañá véxote?— preguntou confuso e inocente.
— Non, Tomás— intentaba ser explícita—. Mañá non me verás-custábame moito expresarme no meu pésimo italiano.
— Hoxe vanse. Vanse á súa casa, a España-aclarou o seu pai.
O pobre Tomás quedou aflixido. Sen dicir nada, achegouse a min. Eu aniqueime, e o pobre acariñoume o pelo, mentres balbucía, consternado.
Non dixo nada máis. Miroume cunha expresión inefable.
Afasteime, díxenlle adeus coa man e subín ao coche.
Cando o coche saía pola entrada, escoitei un berro:
— Adeus, Gala! Viva la Espagna!
Non souben a expresión da súa cara porque non mirei atrás. Dábame demasiada pena o pequeno Tomás.

14 de abr. de 2013

Comenius. Viaxe á Normandía.

INÉS BOUZA MORGADE
1º A ESO


No aeroporto de Porto esperando embarcar rumbo a Paris!

Viaxe a Normandia (Francia) do 6 ao 10 Marzo do 2013

 A viaxe a Normandia foi fantástica. Todos o pasamos xenial, coñecemos nenos doutros países (Francia, Turquia, Estonia, Italia), aprendemos moito sobre a auga, que é o tema do proxecto, e visitamos sitios moi bonitos.
         O primeiro día, mércores 6  de Marzo, saímos do Instituto ás 5:00 h. da mañá, xa que o noso voo saía sobre as 11:00 do Porto, destino París.
Alí esperamos o autobús que nos levou a unha pequena cidade, moi bonita, preto de Rouen, Grand Quevilly, onde chegamos ás 19:00 h.
Por fin en París… esperando o autobús cara a  Grand-Quevilly.
Visitamos o colexio ao día seguinte, xoves 7,  onde fixemos moitas actividades cos nosos compañeiros de proxecto (Estonia, Turquía, Italia e Francia): talleres de música, películas, incluso circo!


Á entrada do Instituto, coas compañeiras italianas
 
O terceiro día, presentamos os nosos traballos sobre a auga: xogos de mesa (Pingüin 007, o Xogo da Gota de Auga) e expuxemos todo o traballo que realizamos no curso. Ese día comemos nun centro de formación profesional, para futuros “chefs”, típica comida francesa, que estaba riquísima.
         Esa mesma tarde visitamos a cidade veciña de  Rouen, típica cidade normanda, cuns edificios moi bonitos.

Na Rue du Gros–Horloge (Rúa do Grande Reloxo),  no casco histórico de
Rouen. O nome fai referencia ao famoso reloxo astronómico do século XIV.

Os brancos Cantís de Étretat, no Sena Marítimo, co seu famoso "Ollo de agulla", que tan ben pintara Claude Monet.


22 de mar. de 2013

Viaxe a Turquía-Comenius


Os catro alumnos do noso centro diante da mesquita Santa Sofía, símbolo de Istambul. Construída durante o mandato de Justiniano entre os anos 532 e 537, é unha obra mestra da arte bizantina.

Globo na Capadocia
A finais de 2011, catro alumnos de 1ºESO, apuntámonos a un Proxecto Comenius .
Este proxecto dedícase a un tema durante dous anos seguidos. Terminado este período trátase outro tema. Cando nós entramos nel, empezou o tema da auga. O proxecto chámase: Water: The spring of life.
Neste momento, o noso instituto non traballa só, faino en colaboración con outros catro centros de: Italia, Estonia, Francia e Turquía.
Como parte do proxecto, a principio deste curso, viaxamos a Turquía desde o 2 ao 7 de outubro, xunto con dous profesores, Paco Gallego e María José Campello.
A primeira noite da nosa viaxe fixemos escala en Istambul e aproveitamos para visitar a cidade e os seus lugares máis importantes: A Mesquita Azul, Santa Sofía, O Gran Bazar, As Cisternas Turcas e pasear polas súas rúas.
Ao día seguinte da nosa chegada a Istambul, pola tarde, continuamos a nosa viaxe cara a Nevsehir (Capadocia), onde se atopa o colexio de Turquía que forma parte do proxecto.
Dous profesores turcos viñéronnos a buscar ao aeroporto de Kayseri xunto con dúas nenas. Despois, xuntámonos todos no hotel no que se ían  aloxar os profesores mentres cada un de nós foise cun neno e un profesor turco á casa do último.
Ao longo da nosa estancia en Nevsehir, cada un dos países presentou os seus traballos elaborados nos centros, aínda que a maioría do tempo visitamos o lugar.
Demos varias camiñadas por distintos vales da Capadocia,  visitamos o Val das Chemineas das Fadas, demos paseos por diversos pobos, visitamos unha mesquita, un día pola noite fomos a ver bailar ás Dervishes, fixemos unha visita á cidade subterránea de Derinkuyu, etc. E tamén tivemos unha sorpresa, que foi unha viaxe en globo sobre a Capadocia ás seis da mañá.
Foi unha experiencia preciosa, unha viaxe prometedora, repetiriámolo, pero como o fixemos esta vez. Foi unha forma de practicar o inglés e coñecer máis a fondo os costumes turcos,  xa que nos aloxamos cada un de nós  en casa dun profesor cun alumno turco .

Val das Chemineas das Fadas.Capadocia (Turquía). A erosión tallou aquí formas de magnífica beleza.

9 de feb. de 2013

Excursión a Pontevedra

PABLO PAZ COTILLA
1º A BACH.

O martes 15 de xaneiro os alumnos de 1º A, B, C e F de bacharelato visitamos os petróglifos de Campo Lameiro e unha exposición de gravados de Picasso en Pontevedra. Saímos de Ferrol cedo pola mañá, para chegarmos o antes posible e comezar a nosa excursión no Centro de Interpretación de Campo Lameiro, onde tivemos a oportunidade de ver os famosos petróglifos, inscricións feitas en pedra na Idade de Bronce, que despois de moitos milleiros de anos continúan estables no seu estado orixinal, así como esvarar a algunha profesora que non andou moi estable, pero que conseguiu recuperarse con moito estilo.

A continuación, visitamos unha recreación dun poboado da Idade de Bronce e unha exposición aclaratoria, con filme incluído, sobre a cultura dos nosos devanceiros prehistóricos.

Xa pasado o mediodía dixemos adeus ao Parque e marchamos cara a Pontevedra, onde nos esperaba un paseo polas rúas desta capital galega e un auténtico tesouro en pintura, verdadeiros gravados de Pablo Picasso traídos especialmente a Pontevedra grazas á Fundación Caixa Galicia.
Nesta parte da visita tivemos non só a oportunidade de observar e marabillarnos ante estes gravados, senón que grazas aos traballadores do Centro puidemos realizar por grupos as nosas propias obras de arte que trouxemos connosco de volta á Ferrol.
E desta maneira, despois dunha longa pero ben empregada xornada en terras pontevedresas volvemos a Ferrol.






PRESENTACIÓN CON IMAXES DA EXCURSIÓN;
 ALGÚNS GRAVADOS FEITOS NO OBRADOIRO:

10 de dec. de 2012

Visita a Compostela


Co motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2013 dedicado a Roberto Vidal Bolaño, o Equipo de Normalización Lingüística do IES "Concepción Arenal" organizou unha excusión á cidade do dramaturgo o pasado 25 de outubro. O alumnado de bacharelato, acompañados por varios profesores, visitou a Cidade da Cultura (polémico complexo arquitéctonico construído Monte Gaiás e deseñado por Peter Eisenman), as cubertas da Catedral (desde onde se goza dunha fermosa panorámica da capital galega) e o Museo do Pobo Galego (onde se atopa o Panteón de Galegos Ilustres, lugar onde descansan os restos, entre outros, de Rosalía de Castro).
As fotografías –algunhas moi fermosas e de grande calidade– que podes ver na seguinte presentación son de Marina Perez Zamora, Celia López Rodríguez, Ana Dopico Corral, Ánxeles Seoane Fernández e Cruz Pena Penabad.

1 de dec. de 2012

Sicilia, unha experiencia inolvidable.



ESPERANZA VÁZQUEZ DOPICO. 2º F Bach.



Cando o profesorado nos invitou a participar no proxecto de Comenius “WaterSpringOfLive” non podiamos imaxinar que as experiencias que iamos vivir grazas a el ían ser tan enriquecedoras e especiais para todos nós. Aceptar o compromiso de traballar nas actividades propostas polos distintos Departamentos durante todo o curso supuxo un esforzo que logo veriamos recompensado coa realización dunha viaxe a Augusta (Sicilia, Italia).

Foron cinco días moi  intensos, nos que participamos en numerosas actividades, e cargados de emocións porque volviamos ver aos rapaces e rapazas que coñeceramos cando viñeran a Ferrol en marzo.
O primeiro día e o último empregabámolos para facer a viaxe, que foi esgotadora polas numerosas horas de voo e polo tempo pasado nos aeroportos, nos cales tivemos que esperar para coller os enlaces dos distintos avións. 
O segundo día cada país expuxo o seus respectivos traballos no Liceo Clásico “Megara” (Augusta). Á hora de xantar as familias dalgúns dos alumnos preparáronos pratos típicos para que coñeceramos a súa gastronomía. Pola tarde visitamos as antigas salinas as cales están rodeadas por un entorno natural onde puidemos ver desde lonxe a cidade de Augusta.
Ao día seguinte, os alumnos anfitrións representáronos nas instalacións da Mariña un espectáculo variado formado por: un recital de poemas, unha canción, un baile…
Máis tarde fomos ver o pobo de Brucoli onde nos bañamos, tendo como paisaxe de fondo o volcán Etna. Pola noite ceamos todos xuntos nunha pizzería do centro do pobo. Foi divertido recordar as anécdotas vividas ao longo da xornada!
O último día de estancia en Augusta empregámolo en visitar Siracusa e as súas famosas ruínas romanas, a plantación de papiros, onde fomos en  barca, eo centro da cidade onde vimos unha posta de sol única. O peor deste día foi a despedida pola noite  das persoas  que xa non volveriamos ver ao día seguinte cando colléramos o autobús para ir ao aeroporto.
O día de regreso  a meirande parte tiñamos  unha sensación moi estraña no corpo: tiñamos ganas de volver ás nosas casas, coas nosas familias, e desexábamos quedarnos máis  tempo con toda a xente marabillosa que coñecéramos nesta experiencia. Como  podedes imaxinar, foi moi duro ter que despedirnos xa que neste tempo compartido sentímonos como unha grande familia. 
Para cada un de nós foi unha experiencia única que nos deu a oportunidade de coñecer  xente que xamais esqueceremos, a súa forma de valorar e vivir a vida nos respectivos  países, novas formas de comer, vestir, estudar, falar… que non poderíamos aprender de non ser polo proxecto Comenius.
 Invitamos a todo o mundo a participar nos proxectos futuros.