Amosando publicacións coa etiqueta Carvalho Calero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carvalho Calero. Amosar todas as publicacións

29 de out. de 2022

Recitado Carvalho Calero 2022

O pasado martes, 25 de outubro, tivo lugar o Recitado Carvalho Calero no Centro Cultural que leva o nome do ilustre ferrolán homenaxeado. O público, que enchía o aforo do local, puido gozar das distintas actividades organizadas en varios centros de Ferrolterra. Ademais do noso centro, tiveron representación alumnado dos institutos de Canido, Sofía Casanova e Saturnino Montojo de Ferrol, As Telleiras de Narón e o Carvalho Calero de Caranza; así como tamén o colexio Ludy e o CPI Atios de Valdoviño.

Despois de dous anos sen poder realizarse por mor da pandemia, volveuse deste xeito pór o colofón ao programa “Teatro con G”.  


Alumnado de Arte Escénicas antes e durante a súa actuación.

A proposta escénica que levou o alumnado de Artes Escénicas do noso centro, dirixido polo profesor Marcos Abalde, tivo unha unha grande acollida e foi moi aplaudida. 


En palabras de Belén Roca, que sabe ben disto,  "a composición foi moi delicada e natural, o texto, por suposto, extraordinario, e os artistas transmitirono con moita forza e lirismo". 

 

Traemos aquí o impoñente poema de Carvalho que interpretaron, e que poderás oír no vídeo, ao final deste texto. É pena que o son non teña unha mellor calidade da que ten. 


O texto, ben acompañado pola Sarabande de Haendel, describe maxistralmente o horror dos anos de Ditadura, un horror que non debe repetirse nunca máis.


Para rematar, damos os parabéns ao grupo, que, se ficaron impregnados dos versos de don Ricardo, de seguro procurarán "conquistar umha faísca de lume prometeico e ser

um pouco deuses".

 

COMO PUIDEMOS VIVER

 

Como pudemos

viver? Os olhos múltiplos e insones

de Medusa fixos em nós à espreita. 

As bocas das metralhetas 

apontando-nos. A censura

postal  —fatídico agoireiro— 

lendo as nossas entranhas. 

Os sacristaos passando lista

às portas das igrejas. Nos cafés,

os contertúlios anotando

as nossas reacçons perante

as notícias do rádio. 

Clitemnestra na cama. 

Na escola, os nossos filhos aprendendo

a condenar-nos, a 

desprezar-nos, a

denunciar-nos, a falarem na língua

com que insultados fomos e julgados 

réprobos, e na qual foi estendida

a acta que nos levou

ao paredom, ao cárcere, ao desterro;

a língua com que nos indultarom

para nos reinserir arrependidos 

no mundo que quigéramos 

substituir. Muitos morrerom, mas

nom falo agora desses mortos; falo 

dos que tiveron que viver morrendo 

entre os seus matadores, lendo a imprensa

que de lama os enchera, saudando

as insígnias contra as quais militaram.

Como pudemos

viver? E mais vivêmos.

E comêmos, dormímos, engendrámos

crianças: se havia quê comer, se havia 

leito para dormir ou para amar. 

E é que, assi como o home sossegado, 

bondoso e cortês, pode 

converter-se em malvado,

besta cruel; e a mulher terna e fina, 

em selvagem ouveante alimária:

assi tamém o home inquieto,

íntegro e valoroso pode 

transformar-se em sofrida

besta de carga ou tiro, e a mulher

que as teias acendia da vitória, 

em abatida fêmea

de miserenta espécie soterranha. 

Assi hienas e vermes,

formas de desumana humanidade, 

encarniçam-se, arrastram-se.

Nom haveria lobos

se nom houvesse anhos. 

Milhafre e pomba todos podemos ser. 

Isso é ser home: humilhar ao home

ou humilhar-se perante o home. Todos

podemos humilhar-nos e humilhar. 

Isso é ser home. Mister seria

para nos prevenir de sermos

bestas depredadoras ou servis, 

conquistar umha faísca 

de lume prometeico e ser

um pouco deuses, home e deus à par,

na força e na renúncia;

mas isso só é possível

sobranceando o humano,

cando águia é a hiena, e anjo o verme,

sobre a terra a voar,

segundo a desumana fórmula

de Friedrich Nietzsche ou de Cristo Jesus.



12 de maio de 2020

Recitado "Carvalho Calero" 2019



O 30 de outubro de 2019 na Capela do Centro Cultural Torrente Ballester, un ano máis, e para rematar o ciclo de Teatro con G, centros da comarca, levando a cabo variadas performances, recitaron versos de don Ricardo Carvalho Calero.
Participaron, nesta orde, o Colexio Ludy, Cpi Atios, Cristo Rey, IES Saturnino Montojo, IES Canido, IES Sofía Casanova, IES Carballo Calero, e,  rematando o acto, o noso centro,  o IES Concepción Arenal (minuto 46.33').
O recitado, con posturas plásticas colectivas, foi levado a cabo polo grupo do alumnado de Artes Escénicas do centro, dirixido por Belén Roca.  Recitaron composicións que fixeron con versos de Carvalho, agás o último poema que é "María Silencio“.  

Achegamos ese fermoso poema botando man da páxina 17 do monográfico que fixemos en 2014 sobre ilustre escritor e profesor.



As pitas baixo a choiva


A Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra fíxonos chegar o enlace a un amplo e moi interesante proxecto pensado para alumnado infantil relacionado con Ricardo Carvalho Calero, Letras Galegas 2020. 
Moitos dos grandes e diversos proxectos que a Asociación tiña proxectado para este tan desexado maio -por fin o profesor e intelectual ferrolán era homenaxeado!-, non se puideron levar a cabo dadas as excepcionais circunstancias motivadas pola pandemia do COVID-19.
Hai un ano naceu a idea de “As Pitas Baixo a Choiva”. O relato de Carvalho Calero, breve, entrañable e destinada ao público infantil, foi publicado por vez primeira en 1952 na revista Lar. En 2008, Edicións Embora fixo unha edición–agora reeditada – coas grafías do texto orixinal e engadindo fermosas acuarelas de Alberto Toval.
A peza teatral de Pepablo Patinho baseada no relato de Carvalho  As pitas baixo a choiva  estreouse con músicos ao vivo o pasado 23 de febreiro e tivo un enorme éxito. Pero a publicación e difusión do paquete integrado polo relato ilustrado de Carvalho Calero, o CD coa música e a Unidade Didáctica quedou no ar...
O CENL de Ferrolterra, de acordo con Edicións Embora decidiron compartir de balde todo este material audiovisual a través dunha plataforma creada coa finalidade de que poida ser difundida como se merece. 
Agradecemos esta xenerosa iniciativa, á cal podedes acceder aquí::http://aspitas.gal/


11 de maio de 2020

Vieiros de esperanza

Coa finalidade de divulgar a figura do escritor, lingüista e profesor  Ricardo Carvalho Calero do homenaxeado no Día das Letras Galegas, achegamos o documental Vieiros da esperanza (2014) do realizador ferrolán Antón Rodríguez. A obra formou parte do Traballo de Fin de Grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña e Antón Rodríguez contou coa colaboración técnica de Javier Gómez e Sergio Arango.

A peza audiovisual percorre, en 48 minutos de duración, diferentes etapas vitais de Carvalho e contén achegas de numerosas persoas que tiveron contacto con el ou estudaron a súa traxectoria profesional: Darío Villanueva, Xesús Alonso Montero, Víctor Freixanes, Araceli Herrero, Francisco Rodríguez e Xosé María Dobarro.


7 de ago. de 2019

Tres poemas de Carvalho Calero

Carvalho cunha alumna do colexio Fingoi (Lugo)
vestida para unha obra de teatro.
En 2010 celebrouse o centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero. Na Homenaxe que daquela tivo lugar no centro cultural ferrolán que leva o seu nome, nun acto organizado polo Concello e a Coordenadora de Equipas de Ferrolterra, o noso instituto colaborou cunha actividade que agora queremos rescatar en lembranza do ilustre escritor, por fin homenaxeado nas Letras Galegas do vindeiro ano.

Naquela ocasión, dúas alumnas que non esquecemos, as irmás Lara e Noa Castro, leron marabillosamente tres poemas de don Ricardo: "Ai, as preguntas" (do libro
Pretérito Imperfeito, 1980), "Ferrol, 1916" (de Futuro condicional, 1961- 1980) e "Calquer lugar é bo para morrer" (de Cantigas de amigo e outros poemas, 1980- 1985). Aquelas lecturas contaron co apoio audiovisual dunhas presentacións que foron elaboradas polo ENL do noso centro. Non temos aquí as fermosas voces de Lara e Noa, pero aquelas presentacións, agora pasadas a vídeo, podédelas ver a continuación.


15 de nov. de 2015

Recitado Poético "Carvalho Calero"

O noso centro participou unha vez máis no Certame de Recitado Poético Carvalho Calero, en homenaxe ao escritor ferrolán. Celebrouse o venres 23 de outubro, no Centro Cultural que leva o seu nome no Inferniño.
O noso foi o único centro que levou un poema de autoría propia, motivo polo cal, recibimos unha mención especial.
Reproducimos a continuación o poema, o cal leva por título “Alma de árbore”, e dámoslle as grazas e os parabéns á súa autora, Estefanía Sánchez López.


ALMA DE ÁRBORE
         

Supoño que son una árbore.

Nunca conseguirei ser persoa,
Desas que se apoian nas miñas pólas
E contan historias de amor,
Tristura,
Incluso suicido.
Como esa corda que colga dunha das miñas pólas.
As pólas que estiro como se fosen brazos,
Tratando de chegar ao ceo.
Achégase o cru inverno
E sinto como as miñas follas murchan e caen,
Deixándome desprovista de calor
E indefensa.
O xélido vento axítame unha e outra vez,
E non será estraño cando parta en dúas.
Así como o meu corazón.
As persoas falan del continuamente.
Eu non sei  se o teño,
Mais non quero telo
Se lles fai tanto dano como din.
Si sei que algo dentro de min está roto.
Ese desexo de poder saír desta cortiza que me envolve
E vagar libre polo mundo.
Pero supoño que só me queda observar as miñas follas caer.
E, cando menos o espere,
Dareime conta de que esas follas son os anos.
E cando a última caia…
Ben, supoño que entón o meu espírito será libre.