Unha vez máis, festexamos con ledicia que o noso IES Concepción Arenal ten alumnado galardoado no Certame Literario Carmela Loureiro, que este ano celebrou a súa sétima edición.
O certame, que reúne a once centros escolares de Ferrol e comarca, está convocado polo Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra (CENL), en homenaxe a unha muller que foi docente e presidenta da CENL e que se dedicou con intensidade á promoción da nosa lingua e cultura.
A entrega de premios tivo lugar onte, sábado, 26 de xuño, no patio do Centro Cultural Torrente Ballester, nun acto presidido polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato. Asistiron tamén a concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados, e os edís –e profesores do noso centro – Suso Basterrechea (FeC) e María do Mar López (BNG), así como Martina Aneiros (PP).
Ademais dos nove galardóns previstos, repartíronse a maiores doce accésits, o cal, segundo o alcalde, reflicte o alto nivel dos textos presentados (microrrelatos, micropoemas e pezas de microteatro).
Os 67 traballos entregados foron valorados por un xurado conformado por Rosa Aneiros, Manuel Rei, Cristina Prados, Beatriz Bascoy, Candela Ranhal e Jéssica Criado.
As alumnas premiadas do noso centro cursan primeiro de bacharelato (categoría D do certame) e son: Ana Belizón Freire, de 1ª A, que levou o primeiro premio na modalidade de micropoesía co poema “San Xoán”; Natalia Gómez García (1ª A) polo microrrelato “A vella casa familiar” e Laura Álvarez Chaos (1ª E) polo microrrelato “A nova utopía”.
Parabéns ás tres autoras!
Ana Belizón, primeiro premio de poesía, entre a escritora Rosa Aneiros e o profesor Manuel Rei. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario