Fóra de Portas
Blog do EDLG do IES Concepción Arenal de Ferrol
16 de maio de 2024
14 de mar. de 2024
Nuria Vil amadriñou o Desafío Galego e preestreou o seu videopoema "Delincuente"
Nuria Vil durante a charla, sentada xunto ao seu libro Simún |
O escritor Sechu Sende foi o padriño da primeira edición do Desafío Galego; o youtuber Olaxonmario apadriñou a segunda, e nesta terceira edición do Desafío Galego foi a poeta e recitadora Nuria Vil quen veu para amadriñar esta actividade.
Nuria é unha das voces emerxentes da poesía galega, unha artista polifacética que entende a poesía como elemento integrante dun proxecto multidisciplinar e que debe achegarse á xente.
Ela é referente en Galicia como creadora de poesía oral, do emprego da palabra falada, de relatos sonoros… Andou en grupos de teatro, tocou o saxo e a guitarra, participou en torneos de slam, desenvolveu centos de recitais, de performances… O seu libro Simún, publicado en 2021, vai xa pola cuarta edición. Moi activa no mundo das redes sociais, converteuse nunha importante instagrammer e youtuber, combatendo o machismo, o racismo, a LGTBfobia... Ademais, dá clases de galego, é monitora de ocio e tempo libre, colabora en diversas plataformas de crowfunding... Tamén se adentrou no mundo da dobraxe, e, agora, está inmersa no audiovisual.
Non contábamos con iso, pero tivo a xenerosidade de sorprendernos coa preestrea -non está totalmente rematada- da súa curtametraxe “Delincuente”, inédita. O proxecto, un intenso videopoema, está baseado na figura de Eduarda “A Maradona”, unha delincuente xuvenil do convulso Vigo dos oitenta. Foi ideado, segundo nos contou na charla, a partir dunhas palabras da poeta Xela Arias: “Se non tivese o recurso de esparexer os pantasmas nos signos das letras, é ben seguro, sería delincuente”. Nuria, que cre no poder transformador da poesía, recitou algúns textos seus e alentou o alumnado comprometido no Desafío no uso da nosa lingua.
Nuria contoulle á rapazada de bacharelato presente no salón de actos as súas experiencias lingüísticas- Estudou Galego e Castelán nas universidades de Vigo e Compostela. explicou que motivou seu cambio de idioma, e tamén as reaccións da xente por tal actitude. Ela, dixo, tomou dúas decisións lingüísticas na súa vida: a primeira cando con vinte anos deu o paso a falar galego, pouco usado na súa cidade natal (Vigo comparte con Ferrol o triste honor de ser o espazo urbano galego con menor número de falantes); a segunda decisión foi cando optou por incorporar ao seu galego os trazos fonéticos da súa zona: o seseo e a gheada, trazos estigmatizados do galego popular. As dúas foron decisións contracorrente, sen dúbida.
Nuria foi escoitada por un atento alumnado, que ao remate da charla fixo diversas preguntas.
O acto foi presentado polo profesor Marcos Abalde, escritor e xefe do departamento de Lingua e Literatura Galega do noso centro.
NURIA VIL RECITA O POEMA "REZO POR TI" (FRAGMENTO)
GALERÍA DE FOTOS DA CHARLA
NOTICIA DO ACTO en Diario de Ferrol (14/3/2024)
11 de mar. de 2024
Nuria Vil, Madriña do Desafío Galego 2024
6 de mar. de 2024
Comeza o #DesafioGalego 2024!
“Se cambias de lingua, cambias de vida"
(Séchu Sende).Para esta edición contaremos como madriña a poeta e instagrammer Nuria Vilán Prado, máis coñecida como "Nuria Vil". Defínese como “resitadora” e busca hibridar a palabra con formas de arte experimental e performática cun discurso fortemente marcado pola vindicación social. A súa intervención terá lugar o mércores 13 de marzo, de 10.30h a 12.10 h, no salón de actos do IES Concepción Arenal.
Nuria Vil |
O Desafío galego concluirá o venres 22 de marzo cunha excursión a Ourense, onde o profesor e investigador Manuel Rei Romeu presentará o libro “Otero Pedrayo no IES Concepción Arenal”. Neste texto recóllese o manuscrito inédito de Ramón Otero Pedrayo atopado no arquivo do centro, onde o membro da Xeración Nós recrea a súa experiencia como alumno e a motivadora influencia de certos profesores do instituto histórico de Ourense que actualmente leva o seu nome.
11 de nov. de 2023
10 de nov. de 2023
Taller de escritura
Comezamos o vindeiro xoves 15 de novembro no 2º recreo na aula 46 (segundo andar). Reunirémonos cada quince días para propoñervos actividades coas que poñer en práctica técnicas de escritura que vos axuden a mellorar a vosa destreza, así como, facer un seguimento do voso traballo para presentar fermosas creacións literarias aos múltiples concursos que se organizan ao longo do ano académico e nos que se reparten marabillosos premios, tanto económicos como de material.
Non o penses máis e participa! Vémonos o próximo xoves 15 no 2º recreo na aula 46!
23 de out. de 2023
Concurso de epitafios
Epitafios en galego é un concurso de elaboración de epitafios organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal para a celebración do Samaín 2023, dirixido ao alumnado, co obxectivo de incentivar e normalizar o uso da nosa lingua na creación artística.
Concurso de vídeo-contos de medo
BASES DO CONCURSO DE VÍDEO-CONTOS DE MEDO
#Instacontos de medo é un concurso de vídeo-contos orais de medo organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal para a celebración do Samaín 2023, dirixido a alumnado e profesorado, co obxectivo de incentivar e normalizar o uso oral da nosa lingua na creación e recreación de historias.
1º As historias contaranse en galego.
2ºAs historias poden ser de base popular, de base literaria ou creacións propias.
3º O relato oral do conto realizarase en vídeo. Pode presentarse un vídeo persoal no que as/os participantes se caractericen e/ou editen o vídeo mediante filtros, música, etc.; ou empregar o vídeo como material de apoio para o relato oral do conto por parte das/dos participantes.
4º As/os participantes concursarán individualmente ou en grupo, pero sempre respectando o tempo máximo de participación de 3 minutos. Poderán participar cun máximo dunha historia.
5º A inscrición no concurso realizarase antes do día 29 de outubro. As/os participantes deberán:
- Seguir a conta de Instagram do EDLG: @foradeportas
- Subir o vídeo a través da súa conta de Instagram, etiquetar a @foradeportas e empregar o
hastag #instacontos
- Debe figurar no pé da publicación o nome e apelidos e grupo das/dos participantes.
6º Concederanse ao alumnado dous premios de 10€ en vales para consumo na cafetería do instituto aos dous #instacontos de medo con máis gústames antes do 1 de novembro.
22 de out. de 2023
III Certame Coreografíate
O evento é un apoio á música realizada en galego como forma de comunicación e divulgación da lingua e música galega.
Os ensaios do Grupo de Baile do IES Concepción Arenal terán lugar os martes e os xoves no primeiro recreo na Aula 46.
O xénero musical é de escolla libre. A canción que bailarán nesta edición as nosas rapazas e rapaces é "Lisístrata" de Casandra, que podes escoltar no seguinte vídeo:
14 de xuño de 2023
IX Certame Literario Carmela Loureiro
Este certame permite concursar na modalidade de microrrelato, micropoesía ou microteatro, con catro categorías en cada modalidade: primaria, 1º e 2º de ESO, 3º e 4º de ESO e Bacharelato e Ciclos formativos. Outra vez o IES Concepción Arenal conta con alumnado premiado no certame, que este ano vai pola IX edición.
Carmela Loureiro foi unha profesora en Ferrolterra, presidenta da CENL durante anos, que dedicou o seu tempo e o seu saber á lingua e aos máis novos. A súa traxectoria persoal e profesional é un exemplo do labor anónimo e xeneroso de moitos profesionais do ensino na difusión da cultura e do idioma entre a mocidade.
A entrega de premios será o día 21 de xuño ás 19.00 h. no Centro Cultural Torrente Ballester.
ALUMNADO PREMIADO
- 1° premio de microrrelato para Miriam Veiga Díaz (2° G bach) polo relato "Tornouse en odio"
- Accésit de microteatro para Elliot Bouza Dopico pola peza titulada "A confesión".
A entrega de premios será o día 21 de xuño ás 19.00 h. no Centro Cultural Torrente Ballester. Parabéns aos dous!
TEXTOS PREMIADOS
TORNOUSE EN ODIO
Ás veces é difícil dicir a verdade. Iso foi o que pensou Renato cando se achegou ao corpo da súa muller na cociña. Non quería crer que a matara, pero os feitos eran evidentes.
Oxalá puidera retroceder no tempo e evitar a discusión. Pero agora era tarde. Tiña que enfrontarse á verdade e ás consecuencias dos seus actos. A policía viría axiña e non podería ocultar o que fixera.
Xa non había marcha atrás. O seu amor tornarase en odio nun momento de rabia. Renato lamentou o que fixera, pero agora tiña que asumir a súa culpa. A verdade era cruel, pero tiña que ser honesto consigo mesmo e coa súa muller. O asasinato fora a súa tráxica verdade.
Lugar: Sala de interrogatorios policiais
Escena 1:
(Brais, angustiado e chorando, está sentado nunha cadeira nunha sala de interrogatorios da policía. Entra Adrián, un detective e senta diante del.)
Adrián: (sentando) Ben, comecemos polo principio. Cóntame o que pasou.
Brais: (chorando) Non podo crer que o fixera. Mateino.
Adrián: (sorprendido) A quen mataches?
Brais: (bufando) Á miña exparella. Non puiden máis. Era abusivo, controlador. Un só minuto máis dese inferno e podería que atentase contra a miña vida. (Algo axitado e nervioso)
Adrián: (asentindo) Ei, tranquilo rapaz, agora estas a salvo. Comecemos polo principio. Que te levou ao asasinato?
Brais: (tremendo) Sempre estaba enfadado, sempre criticándome, facéndome sentir que nunca fun suficiente. Tentei deixalo moitas veces, pero sempre me atopou, sempre me ameazou, quería acabar comigo e coa miña familia... Non sabía que facer.
Adrián: (escéptico) E por iso o mataches?
Brais: (cos ollos baixos) Si.
Adrián: (inclinándose) Brais, por que viñeches aquí? Para confesar?
Brais: (saloucando) Xa non podía vivir coa culpa. Necesitaba dicirllo a alguén, confesar. Síntoo moito.
Adrián: (tomando notas) Vale, continuaremos esta investigación. Grazas pola túa honestidade.
Escena 2:
(Días despois, Brais está de volta na sala de interrogatorios, esta vez sen Adrián. Está máis tranquilo, máis composto)
Adrián: (entrando) Bos días, Brais. Como te sentes?
Brais: (asentindo) Estou ben, máis tranquilo.
Adrián: (en serio) Necesito facerche algunhas preguntas máis sobre a noite do asasinato.
Brais: (asentindo de novo) Está ben.
Adrián: (inclinándose) Necesito saber se houbo outros factores implicados na túa decisión de matar o teu ex.
Brais: (facendo unha pausa, logo falando lentamente) Descubrira que estaba a ver a outra persoa. Ameazou con matarme a min, ao meu amante e á miña familia se non volvía con el. Tiña medo. Non sabía que máis facer.
Adrián: (asentindo) Xa vexo. Podes dicirme máis sobre a persoa que estabas vendo?
Brais: (sorrindo debilmente) Era marabilloso. Amable, cariñoso, todo o que o meu ex non era. El entendíame, tratoume como un igual. Sentín que estivese vivo por primeira vez en anos.
Adrián: (estudándoo) E como coñeciches a esta persoa?
Brais: (dubida) A través do traballo. Era o meu colega.
Adrián: (asentindo) Xa vexo, e que foi o que fixo que fósedes máis que iso?
Brais: (cun sorriso) Puiden ser sincero con el, dalgunha forma sentín que non ía xulgarme por ser quen era. Veño dunha familia algo conservadora, os meus amigos do colexio sempre se burlaron de min e da miña orientación sexual. El facíame sentir comprendido, non me sentía inferior, non sentía que estivese mal, era un alivio pasar tempo con el e ser quen era sen que me xulgasen. Namoreime perdidamente. Saiamos ás escondidas cando rematabamos a xornada e iamos pasear onde ninguén nos fose atopar. A adrenalina facíame sentir libre. Por primeira vez sentíame feliz, por primeira vez non tiña medo de expresarme... Todo era como eu sempre quixen que fose.
Adrián: (contaxiándose do sorriso) É unha bonita historia dende logo.
Brais: (borrando lentamente o sorriso e vendo aos ollos ao policía) Que vai pasar comigo?
Adrián: (suspira) Lamentablemente aínda que fose por motivo de defensa, non vas poder evitar o cárcere, con todo, o feito de que confesases si que vai reducir o tempo de condena. Aconsélloche conseguir un bo avogado.
Brais: (asentindo desanimado) Ben... Grazas por escoitarme, necesitaba soltalo todo.
(Adrián dedícalle un pequeno sorriso e sae da sala de interrogatorios para falar cun compañeiro.)
Adrián: A historia non é real. Este home traballa como escritor desde casa, hai alguén máis relacionado con isto e óleme a que podería ser o verdadeiro asasino.
Elliot Bouza Dopico
12 de xuño de 2023
Representación de "Quen non debe namorarse arestora"
2 de xuño de 2023
Matrículas de Honra 2023
Onte xoves, dous de xuño, foron entregadas doce Matrículas de Honra de Final de Bacharelato no presente curso escolar 2022-2023. Felicitamos o alumnado premiado e tamén ás outras doce persoas que igualmente obtiveron unha media de sobresaliente, e que, por só unhas décimas, ficaron ás portas de conseguir a matrícula.
Os nomes das destacadas alumnas (dez de doce!) e dos alumnos que obtiveron este recoñecemento son:
Raquel López García (Bac 2ºA)
Paula Martínez Rivera (Bac 2ºA)
Pedro Filgueiras Tenreiro (Bac 2ºC)
Alberto Soto Cantero (Bac 2ºA)
Laura Marchal da Silva (Bac 2ºG)
María Rodríguez Fuertes (Bac 2ºA)
Carmen Carracedo Fernández (Bac 2ºI)
Marina Pajón Area (Bac 2ºB)
Noa Cortizas Fernández (Bac 2ºG)
Carolina Gómez Pita (Bac 2ºA)
Lucía Oseira Amado (Bac 2ºA)
Alba Díaz-Caneja López (Bac 2ºH)
Parabéns por esta honra tan merecida!!! Desexámosvos un venturoso futuro e agardamos que gardedes un grato recordo do tempo que pasastes entre nós.
Nas fotografías aparece o alumnado galardoado xunto a Manuel Rei Romeu, Director do IES Concepción Arenal.
22 de maio de 2023
Encontro con Eva Mejuto
16 de maio de 2023
Fernández del Riego, Letras Galegas 2023
O Día das Letras Galegas dedícase este ano a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010). O Departamento de Lingua e Literatura do centro quere honrar, como todos os anos, a figura homenaxeada coa elaboración dunha presentación didáctica que achegue a súa vida e a súa obra.
10 de abr. de 2023
Mario Brión, "Olaxonmario", padriño do Desafío galego 2023
O IES Concepción Arenal ofrece un obradoiro sobre creación cultural e dixital contemporánea en galego. A actividade está dirixida ao alumnado participante do Desafío galego co obxectivo de dar a coñecer as vantaxes e oportunidades que ofrece a creación dixital e cultural en lingua galega.
O padriño do Desafío galego 2023 e responsable de impartir o obradoiro é o youtuber Mario Brión, máis coñecido como "Olaxonmario", proposto aos premios Mestre Mateo 2023 na categoría de Mellor Comunicador e premiado no Certame Youtubeiras nos anos 2020 e 2021, así como co Premio Meendinho 2022 pola súa actividade de divulgación cultural galega na rede.
A actividade terá lugar o mércores 12 de abril, ás 11.20 h.no salón de actos do IES Concepción Arenal. As persoas que participen coñecerán a evolución da creación musical e audiovisual contemporánea en lingua galega así como os novos medios e soportes ofrecen para a creación en galego e difusión do contido, xunto cos certames e proxectos dispoñibles para a súa participación. Certame Youtubeiras, Podgalego, Twitter, Twitch...