Amosando publicacións coa etiqueta lingua galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lingua galega. Amosar todas as publicacións

27 de feb. de 2022

SÉCHU SENDE. COMEZAR A FALAR GALEGO

Achegamos a charla íntegra do escritor e sociolingüista Séchu Sende no noso centro o día da inauguración do #Desafío galego (17 de febreiro). Presentou o noso compañeiro Marcos Abalo, tamén escritor.
Séchu Sende aborda cuestións que acompañan o proceso de pasar a falar a lingua galega.

Achegamos tamén o audiovisual que fixemos para presentar a Séchu Sende e que proxectamos no vestíbulo do noso centro.

21 de feb. de 2022

"Se cambias de lingua, cambias de vida"

"Se cambias de lingua, cambias de vida" é unha frase que Séchu Sende toma dun verso de Dereck Walkot e que nós tomamos tamén para titular esta entrada. No primeiro vídeo que podes ver abaixo destas liñas, o autor de Made in Galiza reflexiona sobre o paso de ser castelanfalante a ser galego falante. Explica todo o que iso comportou para el: provocoulle unha maneira distinta de ver o mundo e de relacionarse con el.

 

No segundo vídeo "Somos Legiom" podemos escoitar ao Rabelo, un artista que fai rap, música de raíz e música electrónica. Disidente, rebelde, reivindicativo, combativo e moi orixinal, O Rabelo é todo un fenómeno social. Coñecímolo como A Rabela cantando regueifas, nada menos. Podes seguilo en Youtube, onde ten moitos seguidores, e tamén na súa interesante páxina web. O Rabelo vai estar connosco para actuar no noso patio o día 23, Día de Rosalía, para o peche do Desafío Galego.


O terceiro vídeo é de Dakidarria, banda ska, reggae, ritmos urbanos e punk-rock galega, referencia da nosa música contestataria desde hai 18 anos. Xuntáronse para ensaiar en 2003 tras o desastre do Prestige e gravaron a maqueta “Diskordia nas Rías Baixas”. Logo gravaron discos en distintos selos. A maioría das súas letras comezaron sendo en castelán pero, co tempo, tomaron conciencia do problema lingüístico e comezaron a gravar en galego, ademais de teren cantado nunha decena de linguas (catalán, éuscaro, asturiano…). Nas súas letras critican o capitalismo, a globalización, o consumismo e a alienación, e defenden o internacionalismo, a liberdade dos pobos e a diversidade cultural. Na canción “Pobo de artistas”, que podes oír ao final, cantan tamén O Rabelo, Tanxugueiras e un montón de artistas máis que aparecen nos créditos do final.


No cuarto vídeo, Traumita, temos ao Rabelo falando sobre a Lingua Galega. 


 

19 de feb. de 2022

Comezou o Desafío Galego con Séchu Sende

O pasado xoves 17 de febreiro comezou o Desafío Galego con moito éxito. A actividade, organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, involucra ao alumnado de Bacharelato a comprometerse a cumprir obxectivos co fin de empregar e divulgar o idioma galego por todos os ámbitos sociais: escolar, familiar, virtual... 

Con algúns que se apuntaron a última hora, suman 223 os alumnos e alumnas dispostas!


Pulseiras que identifican aos implicados no Desafío.
Nota de prensa que publicou La Voz de Galicia anunciando o comezo da actividade
No acto de inauguración tivemos a fortuna de contar coa estimulante presenza de Séchu Sende no Salón de Actos.
Séchu Sende é narrador, poeta, filólogo, sociolingüista, autor teatral, activista social, promotor e dinamizador cultural, ilustrador, profesor de lingua e literatura galega... e -seguro que esquezo algo- tamén domador de pulgas! É que non para! 
O escritor falou do seu libro de relatos Made in Galiza, obra heteroxénea e atípica que supuxo, desde a súa publicación en 2007, todo un fenómeno social dentro e fóra das nosas fronteiras (Non hai fronteiras!). No libro, Sende aborda o conflito lingüístico con grande acerto, botando man de moitos e variados ingredientes: humor, ironía, lirismo, parodia, denuncia, realidade, fantasía... 
Como a obra é coñecida polo alumnado, pois está posta como libro de lectura en Segundo de bacharelato, Séchu relatou a orixe dalgúns relatos, elementos que influíron na súa conciencia e na súa reflexión sociolingüística.

Fíxose pouco o tempo para un tema tan importante. A ver se podemos contar con el outra vez en breve.

Foto de Sechu Sende durante a charla tirada por Jorge Meis.  
Acompaña a nota de prensa do Diario de Ferrol do 18 de febreiro.
O acto presentouno Marcos Abalde, profesor de Lingua e literatura Galega no noso centro e tamén escritor, dramaturgo e poeta.





CARTEL ANUNCIADOR E OUTRAS IMAXES DO ACTO DE INAUGURACIÓN
 

4 de feb. de 2022

223 alumnos comezan a falar galego

A partir do xoves 17 de febreiro Ferrol contará con 223 galegofalantes máis. O 50% do alumnado de bacharelato do IES Concepción Arenal súmase ao #DesafíoGalego. Esta iniciativa do Equipo de Dinamización da Lingua Galega consiste en que o estudantado active a lingua e a conciencia lingüística. 140 alumnos de 1º de bacharelato e 83, de 2º de bacharelato van participar no #DesafíoGalego e comprométense a cumprir obxectivos concretos para estenderen o idioma propio de Galicia a todos os ámbitos (escolar, familiar, virtual...)   

Nos días previos, o alumnado que desexe formar desta comunidade de aprendizaxe asinará un “Compromiso de participación” e seralle entregada unha pulseira identificativa do #DesafíoGalego. Profesorado, persoal non docente e ANPA están informados desta actividade e procurarán falar galego co alumnado implicado. Deste xeito procúrase normalizar todos os espazos: aulas, despachos de dirección, orientación, conserxaría, secretaría, cafetaría, biblioteca... O#DesafíoGalego foi creado para o Programa Innovative Language Teaching in a Bilingual Country, dentro do Proxecto Erasmus KA2.

Ao final do #DesafíoGalego, o alumnado participante debe entregar unha redacción (arredor de 400 palabras) ou ben un vídeo (arredor de 4 minutos) onde se recolla unha reflexión sobre a experiencia (dificultades, apoios, descubertas, valoración...). Para alén disto, terá que cubrir unha enquisa de valoración.

Para acadar o obxectivo final propóñense as seguintes metas diarias. Segundo o seu ritmo, o alumnado poderá gradualas:

Xoves, 17 de febreiro. 

  • Inauguración do acto a cargo de Sechu Sende; filólogo, escritor e profesor. Ademais compartir a súa experiencia como activista lingüístico é autor do célebre Made in Galiza.
  • O primeiro paso é falar galego entre o alumnado que forma parte da actividade e empregalo nas redes sociais, dando a coñecer a cultura galega co hashtag #DesafíoGalego: música, filmes, vídeos, gastronomía, rutas de sendeirismo, paisaxes...
Venres, 18 de febreiro.
  • O segundo paso sería falar sempre galego na aula e en todo o instituto.
Sábado, 19 de febreiro

  •  Na familia.
Domingo, 20 de febreiro.
  • Coas amizades que non pertenzan ao círculo escolar.page1image19292416 page1image19295296 page1image19296064 page1image19297024 page1image19294720 page1image19288768
Luns, 21 de febreiro.
  • Nas actividades extraescolares (deportivas, académicas, lúdicas)
Martes, 22 de febreiro.
  • Vivir sempre en galego (medios de transporte, comercio, farmacia, médico, xulgado, rúa...)

Mércores, 23 de febreiro. Día de Rosalía de Castro. 

  • Clausura da actividade: Peche musical co Rabelo, artista trans pontevedrés que mestura o rap cos con xéneros propios da tradición galega como a regueifa.

PREMIOS:

  • Mellor redacción: vale de 100 euros para mercar material nunha libraría.
  • Mellor vídeo: vale de 100 euros para mercar material nunha libraría.

Os traballos entregaranse o venres, 25 de febreiro. Os premios outorgaranse á semana seguinte.

Concepción Arenal High School

O IES Concepción Arenal participa, desde hai tres anos, no Programa de Erasmus + chamado Lang Teaching in Bilingual Country ILG 2019-1-UK01-KA201-061951, proxecto de intercambio con países que posúen dúas linguas oficiais, neste caso Irlanda, Gales e Galicia.

O proxecto consiste en analizar os métodos actuais do ensino dos dous idiomas oficiais e colaborar para producir pautas que garantan a competencia lingüística nas dúas linguas por parte do alumnado. Na comarca participan como socios colaboradores o CFR, o IES As Telleiras de Narón e o CPR Plurilingüe Valle-Inclán de Ferrol.

Dentro das actividades encadradas neste grupo de traballo, o pasado 27 de Xaneiro recibimos a visita dos socios de Gales e Irlanda. No Equipo de Dinamización Lingüística do centro elaboramos unha presentación onde, logo de presentarlles as características do noso centro, nos centramos na exposición do ensino das linguas e no reparto dos usos lingüísticos. Así mesmo, recolle unha brevísisma visión panorámica da situación da nosa lingua e literatura.

Pasámolo a vídeo e podes velo aquí.