O oito de marzo foi xornada de conmemoración: celebrouse o Día Internacional da Muller. O día anterior, o luns día 7, contamos coa presenza na nosa biblioteca da ensaísta Aurora Marco, que veu var unha charla ao alumnado de 4º da ESO sobre o seu libro Irmandiñas. Aurora, é autora de diversas publicacións que buscan recuperar, visibilizar, valorizar e homenaxear mulleres que a historia oficial, tan androcéntrica ela, oculta, escurece e discrimina sistematicamente.
Nesta liña están:
·As precursoras. Achegas para o estudo da escrita feminina(Galiza 1800-1936), 1993, La Voz de Galicia.
·Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras, 2002, Edicións do Castro.
·Dicionario de mulleres galegas. Das orixes a 1975, 2007, Edicións A Nosa Terra.
·Mulleres na guerrilla antifranquista galega, 2011, Laiovento.
·Elas, 2015, A Xanela Editorial.
O seu libro Irmandiñas, publicado por Laiovento en 2020, céntrase na presenza das mulleres no movemento galeguista xerado a partir das Irmandades da Fala (1916-1936), cuxas vidas e obras ficaron sumidas na sombra.
En pleno século XXI, os dereitos das mulleres seguen a ser cuestionados. Cada 25 de Novembro e cada 8 de Marzo, os movementos feministas mobilízanse nunha xornada de conmemoración, por un lado, e de loita, por outro.
O feminismo é un movemento social que loita pola igualdade de dereitos entre homes e mulleres en todos os ámbitos: social, político, laboral... Procura concienciar a sociedade ante a alarmante situación de violencia, dominación e opresión exercida polo patriarcado. O feminismo non é, como moitos cren, o reverso do machismo, a loita por favorecer os dereitos femininos por enriba dos masculinos.
Achegamos unha presentación que fixemos no ano 2018 para conmemorar o Día da Muller. Nela se relata o longo e duro proceso da conquista de dereitos das mulleres, proceso que, obviamente, non está rematado.
En pleno século XXI, os dereitos das mulleres seguen a ser cuestionados. O feminismo é un movemento social que loita pola igualdade de dereitos entre homes e mulleres en todos os ámbitos: social, político, laboral... Procura concienciar a sociedade ante a alarmante situación de violencia, dominación e opresión exercida polo patriarcado. O feminismo non é, como moitos cren, o reverso do machismo, a loita por favorecer os dereitos femininos por enriba dos masculinos. É un movemento de loita contra a discriminación e desigualdade.
Achegamos unha presentación que fixemos no ano 2018 para conmemorar o Día da Muller. Nela se relata o longo e duro proceso da reivindicación e conquista de dereitos das mulleres, proceso que, obviamente, está moi lonxe de darse por rematado.
Conta a lenda que Valentín era un crego cristián que na Roma do século III se dedicaba a casar en segredo a soldados nas adegas dos cárceres do Imperio. Sabedor deste feitos, o emperador Claudio II, que prohibirá as vodas dos mozos do exército por consideralas un impedimento para a eficiencia militar, mandou a captura e execución do relixioso.
Isto non é máis que unha lenda, pois non hai constancia histórica da existencia das accións deste mártir, o cal foi finalmente santificado coa finalidade de acabar coas lascivas festas Lupercais. O caso é que, desde a época medieval, ficou convertido en símbolo do amor humano. O propio papa que o santificara, Gelasius I, deixou en evidencia a súa falta de probas sobre os feitos que se lle atribuían.
Foi durante o século XIX cando, nos países anglosaxóns, comezou a tradición do intercambio de postais con mensaxes amorosas o día de San Valentín, o 14 de febreiro. Ao pouco, engadiuse o costume de agasallar a parella con rosas, bombóns e mesmo xoias. Pero non foi até ben entrado o século XX, cando as grandes empresas recolleron a figura de San Valentín e alentaron o seu padroado, pois atoparon nel un eficaz reclamo para aumentar as vendas.
A festividade foi eliminada do calendario eclesiástico en 1969, nun intento da Igrexa de eliminar do santoral católico aqueles santos de orixe lendaria. Pero aí segue a celebración ano tras ano, alentada por unha publicidade abafante.
Reutilizando parte do traballo publicado o 25N, aproveitamos a ocasión para, de novo, contribuír a desmitificar algunhas crenzas falsas sobre o amor, mitos que perpetúan os roles de xénero, fonte de desigualdade e violencia que compre neutralizar urxentemente.
Cada 25 de novembro celébrase desde 1999 o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres para denunciar esta terrible lacra social e reclamar políticas para a súa erradicación.
Nestes días divulgáronse datos escandalosos que nos afectan de cerca: desde 2003 houbo en Galicia 63 feminicidios (catro no que vai de ano); 6000 galegas denunciaron unha agresión machista no 2021; máis de 4000 están vixiadas por alto risco de violencia; os xulgados galegos abren dezasete novos casos cada día… E o problema vai en aumento: detéctase nas novas xeracións un preocupante retroceso, pois están a recuperar vellos estereotipos de xénero que deberían ir desaparecendo. Expertos galegos achacan isto ás mensaxes sexistas que se espallan nos medios de comunicación (nas redes, no cinema, na música…) e á pasividade das institucións. Nas escolas, faltan políticas de igualdade e actuacións educativas que axuden a previr a violencia de xénero. No noso centro quixemos contribuír a sensibilizar sobre esta tremenda pandemia con esta presentación que podedes ver en vídeo e en pdf.