Amosando publicacións coa etiqueta Samaín. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Samaín. Amosar todas as publicacións

15 de out. de 2024

CONCURSO DE VIDEORRELATOS DE MEDO. Samaín 2024.

O que sempre se chamou e se segue a chamar Día de Defuntos, chamámolo agora, desde hai unhas tres décadas, Samaín. Esta palabra que procede do gaélico irlandés, Samhaim, significa "fin do verán". Trátase dunha milenaria celebración de orixe pagá que dalgún xeito seguiu arraigada en Galicia. Lástima que por culpa da adopción da versión norteamericana, Halloween, ficase xa case reducida a unha festa de disfraces, unha especie de entorilo macabro. 

Co Samaín, os antigos celtas celebraban a transición do estío ao inverno na noite que vai do 31 de outubro ao 1 de novembro. Segundo a tradición, esa noite o tempo queda abolido e o tránsito entre o mundo dos vivos e o mundo dos mortos é posible: os mortos, os heroes, e os deuses poden transitan polo noso mundo e os vivos podemos transitar polo alén.

Para a celebración do Samaín 2024, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal organizou un concurso de vídeorrelato orais de medo. Está dirixido a alumnado de todos os cursos do noso centro, co obxectivo de incentivar e normalizar o uso oral da nosa lingua na creación e recreación de historias.


Presentaránse cun título e indicando autoría e o curso e grupo ao que se pertence.

Libre formato. Pode ser unha adaptación dunha historia xa existente, popular ou literaria, ou de creación propia. O relato oral do conto realizarase en vídeo. Pode presentarse un vídeo persoal no que as/os participantes se caractericen e/ou editen o vídeo mediante filtros, música, etc.; ou empregar o vídeo como material de apoio para o relato oral do conto por parte das/dos participantes.

DURACIÓN MÁX: 5 minutos.

 PRAZO de  PRESENTACIÓN: Antes do luns 21 de outubro.

 ENTREGA: Enviar ao correo o correo do EDLG edlg.foradeportas@gmail.com

 PREMIOS: Un único premio por categoría. (Vale 25€ material escolar)

 CATEGORÍAS: Hai tres:

*   1º ESO e 2º ESO

*   3º ESO E 4º ESO

*   Bacharelato e Ciclos Formativos.

23 de out. de 2023

Concurso de epitafios

                                                    BASES DO CONCURSO


Epitafios en galego
é un concurso de elaboración de epitafios organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal para a celebración do Samaín 2023, dirixido ao alumnado, co obxectivo de incentivar e normalizar o uso da nosa lingua na creación artística.

1º Os epitafios elaboraranse en galego.

2º Cada alumna/o poderá participar unha soa vez.

3º Os epitafios poden ser creacións propias ou empregar citas célebres que teñan relación coa temática.


4º Permítese a decoración do modelo de lápida que se entrega para a elaboración do epitafio. 

5º A participación no concurso realizarase ata o día 30 de outubro. As/os participantes deberán:
    - Elaborar o modelo de lápida co seu epitafio.
    - Anotar o seu nome e grupo na parte posterior do modelo. 

6º Exporanse os epitafios para a súa visibilidade por parte da totalidade do persoal do instituto na biblioteca do instituto. Cada lápida será identificada cun número único que se empregará para a votación. 

7º No caso de que o número de epitafios exceda o espazo para a exposición, realizarase unha selección previa por parte do EDLG.

8º Xunto coa exposición, instalarase unha urna de votación, así como, papeletas para que cada membro da comunidade educativa poida emitir un único voto ao que considera o mellor epitafio. No caso de que unha mesma persoa emita máis dun voto, considerarase unicamente o primeiro voto que leve o seu nome que se extraia da urna.

9º Concederanse dous premios de 10€ en vales para consumo na cafetería do instituto aos dous epitafios con máis votos antes o 31 de outubro.

Se queres, podes ver a seguinte presentación para inspirarte no teu epitafio!!


Concurso de vídeo-contos de medo

BASES DO CONCURSO DE VÍDEO-CONTOS DE MEDO

#Instacontos de medo é un concurso de vídeo-contos orais de medo organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal para a celebración do Samaín 2023, dirixido a alumnado e profesorado, co obxectivo de incentivar e normalizar o uso oral da nosa lingua na creación e recreación de historias.

1º As historias contaranse en galego.

2ºAs historias poden ser de base popular, de base literaria ou creacións propias.

3º O relato oral do conto realizarase en vídeo. Pode presentarse un vídeo persoal no que as/os participantes se caractericen e/ou editen o vídeo mediante filtros, música, etc.; ou empregar o vídeo como material de apoio para o relato oral do conto por parte das/dos participantes.

4º As/os participantes concursarán individualmente ou en grupo, pero sempre respectando o tempo máximo de participación de 3 minutos. Poderán participar cun máximo dunha historia.

5º A inscrición no concurso realizarase antes do día 29 de outubro. As/os participantes deberán:

  • -  Seguir a conta de Instagram do EDLG: @foradeportas

  • -  Subir o vídeo a través da súa conta de Instagram, etiquetar a @foradeportas e empregar o

    hastag #instacontos

  • -  Debe figurar no pé da publicación o nome e apelidos e grupo das/dos participantes.

    6º Concederanse ao alumnado dous premios de 10€ en vales para consumo na cafetería do instituto aos dous #instacontos de medo con máis gústames antes do 1 de novembro.

23 de out. de 2022

Samaín 2022

O Equipo de Dinamización Lingüística do centro organizou dúas actividades para celebrar a festa do Samaín. 

• Concurso de cabazas decoradas
• Concurso de relatos de terror (aproximadamente 150-200 palabras).

QUE É O SAMAÍN? 


Hai unhas tres décadas que ao tradicional Día de Defuntos, cristianizado co nome de Todos os Santos, lle chamamos Samaín. Esta palabra procede do gaélico irlandés, Samhaim, que significa "fin do verán". É unha antiquísima celebración europea de orixe pagá, que conservou arraigo no nosa Terra, como tamén en Irlanda. 


Co Samaín, os antigos celtas celebraban a transición do estío ao inverno na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro. Segundo a tradición, nesa noite é máis fácil transitar entre os dous mundos: os vivos polo mundo dos mortos -o Alén-  e os mortos polo noso mundo. 


Nin truco nin trato. A adopción internacional da versión norteamericana, Halloween, ficou nun sucedáneo consumista que a deixou reducida a pouco máis que unha festa de disfraces. 


Calacús. En moitos lugares mantívose a tradición de empregar cabazas como decoración nesta festividade. A variedade de cabaza que se traballa é a Cucurbita maxima que dá un froito grande, arredondado. Chámase tamén caiota, calacú e cabaceira. En Mugardos os rapaces metíanlles unha vela no seu interior e, pola noite, percorrían a vila... Castañas non faltaban para comer.

  Fotografía de José Antonio Gil Martínez. Casa dos druidas, Vigo 2008
               



1 de nov. de 2021

Premios Samaín 2021

As actividades do Samaín organizadas polo EDLG do centro remataron esta semana e, o venres 29, foron entregados no salón de actos os premios dos tres concursos convocados.

No concurso de microrrelatos de medo, o xurado, reunido en dobre sesión os días 26 e 27 de outubro, acordou galardonar do seguinte xeito:

  • O 1º premio do bacharelato (10 € e lote de libros) levouno o relato titulado "Toc" de Melina Pardo Ramos (2ºC). Cristina Castro (2º C) mereceu un accésit (lote de libros) polo seu relato "Vilarmaior no 31 de outubro".
  • O 1º premio da ESO (10 € e lote de libros) levouno o relato "O noso novo inferno" de Roi González Casal, de 3ºC. Sara López Villar (2º B) levou un accésit (lote de libros) polo seu relato "A casa encantada".
Alumnas premiadas no concurso de microrrelatos de terror.

Alumnas premiadas no concurso de calacús decorados: Sara Núñez Portela (1ºC ESO), Sara Jiménez (4ºD ESO) e Vanesa López Díaz (4ºC ESO).

Gañadores do concurso de recoñecer as Almas en pena, todos de 1º H: Sabrina Cobo Rey, Iago Dopico Orjales, Daniel Fernández Lorenzo e Sara Fontao Lorenzo.

Os protagonistas de Almas en pena, coa profesora Belén Roca, organizadora do concurso e directora da Performance.
------------------------------------------------

A continuación, podedes ler aquí os catros relatos premiados:

TOC 

A pesar da súa idade seguía conservando os rituais da superstición infantil, dándolles, co tempo, a forma dun trastorno compulsivo: comprobaba varias veces que a porta exterior tivese a chave pasada, que as ventás estivesen pechadas, que o gas quedase cerrado. As zapatillas ao pé da cama, perfectamente aliñadas. A roupa do día seguinte milimetricamente colocada.

Cando todo estaba en orde, deitábase. Na cama repasaba mentalmente todo o proceso: porta, ventás, gas… Ollar baixo a cama sería demasiado. Non puido evitalo, asomou a cabeza. Non había nada debaixo da cama.

Estaba case durmida. Pero, o gas… cerraría a panca totalmente? Parvadas! Ergueuse dun pulo para asegurarse. Quedou contrariada: as zapatillas espalladas, a roupa no chan, as ventás e a porta abertas… e ese olor a gas. Non era posible. Estaba certa de que todo quedara en orde, ou non… non sabía. Ía berrar, pero aguantouse para non espertar a ninguén. Repetiu todo o ritual.

Volveu, por fin, á cama. Tranquilizouna  o brazo do compañeiro de alcoba arredor da súa cintura e o seu alento na caluga. Pechou os ollos. Abriunos de novo. O terror apoderouse dela: acababa de caer na conta de que facía anos que vivía soa. 

Melina Pardo Ramos. 2º H BAC 



VILARMAIOR NO 31 DE OUTUBRO

Era un día normal, trinta e un de outubro dun ano coma calquera outro. Coma todos os anos, en Vilarmaior, os rapaces ás dez da noite colliamos os candís e iamos ata o cemiterio a xogar. Era costume visitar  todas as casas intentando asustar aos veciños, pero hoxe víase todo raro, a longa noite non deixaba apreciar o camiño. Ao chegar á última casa, fomos polo percorrido máis curto, e sen decatarnos xa estabamos no cemiterio. Empurrei a porta para entrar; sentina conxelada e quedei paralizada; oíase o forte vento que parecían voces, cando de súpeto se apagaron os candís dun sopro. Os rapaces empezaron a alterarse pero eu seguía paralizada, gritábanme e non reaccionaba. Pero, entre toda a escuridade apareceu un candil; estaba colgando e parecía que non o levaba ninguén. Empezaron a soar as campás da Igrexa, o candil achegábase cada vez máis a nós; e a medida que se aproximaba aumentaba o vento, malia que o seu candil non se apagaba. Eu non podía deixar de miralo, ata que meu irmán me agarrou e botamos a correr.

 Todos os rapaces din que era un veciño farto das nosas brincadeiras, pero eu sempre pensarei que esa noite xogamos coa morte.


Cristina Castro Freijomil.  2ºC BAC


O NOSO NOVO INFERNO

Todos coñecemos o clásico logo de Coca Cola, pero... alguén sabe a súa historia?

Eu fíxenme esa mesma pregunta e, despois, empecei a buscar na Rede. Descubrín varias cousas, como era de esperar: que era un símbolo antigo, algunha persoa... mais non puiden evitar fixarme nun enlace onde dicía que era un símbolo satánico, xa que nunha antiga lingua latinoamericana “Coca” significa “Noso” e “Cola”, “Inferno”. Esta teoría sostiña que a marca comercial xa nos estaba a dar certas advertencias. Seguín lendo máis sobre esta hipótese, a que por certo se chama Complectus, e continuaba dicindo que o seu slogan  deliciosa e refrescante, tamén está sacado desa lingua antiga e que quería dicir “bebe e morre”.

Despois disto, e xa canso de tanta estupidez, collín o portátil e púxenme a ver a televisión mentres tomaba unha Coca Cola, en forma de ironía á hipótese.

Nunha destas, mentres cambiaba de canle, vin unha noticia na que se dicía: “A xente morre por tomar Coca Cola”. Eu quedei abraiado e tirei o meu refresco pola ventá.

Decidín ir durmir mentres uns ollos vermellos me miraban dende un armario e se  retorcían de dor. Logo, saíu de dentro do roupeiro unha criatura semellante a un demo e díxome: “A curiosidade matou o gato, neno”, e,  acto seguido, atravesoume coas súas unllas longas e afiadas.

Roi González Casal, 3º C ESO

A CASA ENCANTADA

Era 31 de outubro e, coma calquera outro día, Xulia estaba na clase de Matemáticas. Era aburrida e púxose a falar con Carlos sobre o disfrace que levarían pola tarde. Estaban moi emocionados pensando no divertida que sería a festa de Samaín na casa de Marta, comendo doces e bailando todo o tempo. Tan contentos estaban que falaron demasiado alto e a profesora botounos fóra da aula.

Ao rematar a mañá, cada un foi á súa casa poñer o disfrace e logo ir á casa de Marta. Cando Xulia chegou estaba todo decorado con moitos adornos de Samaín, metía medo e todo! Ao entrar estaban todos os seus amigos: Marta levaba un disfrace de morcego, Carlos un de cabaza, Lois ía de momia e ela puxo o seu favorito: o de gato negro. Cando acabaron de merendar preguntáronlle á nai de Marta se podían pedir doces; dixo que si e comezaron a dar voltas polo barrio.

Despois de visitar moitas casas chegaron a unha un pouco estraña, pero decidiron chamar ao timbre igualmente. Apareceu unha señora coa cara tapada, non se podía recoñecer quen era. Preguntoulles que facían alí a esas horas da tarde cunha voz moi grave, que facía dubidar se era un home ou unha muller, e eles responderon que estaban a pedir doces. Ela díxolles que se os querían terían que acompañala ao interior da casa.

A Marta e a Xulia non lles parecía unha boa idea, pero Lois e Carlos parecían emocionados por saber que había no interior, así que decidiron seguilos. Ao entrar, a porta pechou facendo moito ruído, e a muller díxolles que como xa tiñan entrado non volverían marchar da casa, que quedarían nela o resto das súas vidas. Os nenos comezaron a pedir axuda a berros, pero ninguén os escoitaba. Entón, a muller descubriu a súa cara; era terrible, estaba desfigurada, e eles, ao vela, berraron ata quedar sen aire.

E así foi como morreron. 

Segundo din, as súas almas permanecen e permanecerán na casa por sempre. 

Sara López Villar. 2º ESO B

13 de out. de 2021

CELEBRAMOS O SAMAÍN


O Equipo de Dinamización Lingüística do centro organizou unha serie de actividades para celebrar a festa do Samaín. A macabra pero divertida noite do 31 de outubro está a chegar!

 

O tradicional Día de Defuntos desde hai tres décadas deuse en chamar co nome de Samaín, o cal procede do gaélico irlandés, Samhaim, que significa "fin do verán". Trátase dunha celebración europea milenaria de orixe pagá, arraigada no nosa Terra, e que por culpa da adopción da norteamericana, ficou xa case reducida a unha festa de disfraces. 

Co Samaín, os antigos celtas celebraban a transición do estío ao inverno na noite que vai do 31 de outubro ao 1 de novembro. Segundo a tradición, esa noite é máis fácil transitar entre os dous mundos: o dos vivos e o dos mortos. Os mortos poden transitan polo noso mundo e os vivos podemos transitar polo alén.

 

O EDNL organizou as seguintes actividades:


  • CONCURSO DE CABAZAS DECORADAS

Podedes empezar a tráelas a partir do 25 de outubro. Estarán expostas toda a semana e as tres mellores serán premiadas por un xurado con membros do profesorado e do alumnado. Sabías que a noite de Defuntos tamén se chama a noite dos Calacús, porque así se chama a variedade de cabaceira grande que se adoita empregar nesta festa?


  • CONCURSO DE RELATOS DE TERROR

Demostra o teu talento macabro e escribe un breve relato dunhas 150 ou 200 palabras. Premiaremos os tres mellores, pero seguro que todos meten medo.

 

  •  CONCURSO DE IDENTIFICACIÓN DE ÁNIMAS EN PENA

Haberá unha performance escenificada polo grupo de Artes Escénicas do instituto, dirixido por Belén Roca. Un fato de ánimas en pena percorrerán a xeito de zombis os nosos corredores no segundo recreo do venres 29 de outubro. Os primeiros e as primeiras alumnas en recoñecer os tétricos personaxes que representan (haberá pistas suficientes...) levarán un premio.

 

Animádevos e participade!