15 de dec. de 2013

Piccolo Tomás

Gala Dacosta Diehl

A primeira vez que falei con Tomás era de noite.
A viaxe estaba sendo do máis pracenteira; visitaramos Roma, que eu tanto desexaba coñecer, e despois instalarámosnos naquel idílico hotel de Paestum.
El xa rematara de cear, pero nós aínda non comezaramos.
O camareiro, que era moi simpático, quíxonos amosar o seu entusiasmo ao ver que eramos españois, e exclamou: “Viva la Espagna!”.
Entón, Tomás, dende a súa mesa, contestou: “Viva la Espagna? Non! Viva l' Italia!”. Todo o restaurante riu con aquel comentario. Eu non imaxinaría que aquel italiano de orixe belga se fose namorar de min, sobre todo porque tiña cinco anos.
Ao día seguinte, pola mañá, o mesmo camareiro da noite anterior serviunos o almorzo.
Notaba as miradas dos demais hóspedes do hotel cravándose sobre min como espadas. Non eran miradas de reproche nin nada polo estilo.
Tan só ollos curiosos que buscaban un entretemento.
E o entretemento era eu, que me convertera no divertimento daquel lugar.
O pequeno Tomás anunciara que eu era a súa moza, e o rumor estendérase a unha velocidade abraiante.
Durante a miña estancia en Paestum tiven a ese neno pegado a min como unha lapa. Sempre me topaba con el, fixera o que fixese.
Cando lía no xardín, cando ceaba ou cando ía á praia.
A mañá do meu retorno foi un momento tráxico para o pequeno Tomás.
Recordo que o día amencera más fresco que de costume.
O xardín estaba coidado ata o máis mínimo detalle, os piñeiros mecían o vento entre as súas ramas ata convertelo nun suave murmurio, e ao lonxe distinguíase o xemido do mar e as ondas rompendo á súa beira.
Todo o mundo estaba expectante. Tomás saudoume coa súa acostumada vitalidade, pero eu tiven que dicirlle a verdade.
— Adeus, Tomás— despedinme. Debeu notar o meu ton de voz afectado e pareceu estrañarse.
— Adeus. Entón, ¿mañá véxote?— preguntou confuso e inocente.
— Non, Tomás— intentaba ser explícita—. Mañá non me verás-custábame moito expresarme no meu pésimo italiano.
— Hoxe vanse. Vanse á súa casa, a España-aclarou o seu pai.
O pobre Tomás quedou aflixido. Sen dicir nada, achegouse a min. Eu aniqueime, e o pobre acariñoume o pelo, mentres balbucía, consternado.
Non dixo nada máis. Miroume cunha expresión inefable.
Afasteime, díxenlle adeus coa man e subín ao coche.
Cando o coche saía pola entrada, escoitei un berro:
— Adeus, Gala! Viva la Espagna!
Non souben a expresión da súa cara porque non mirei atrás. Dábame demasiada pena o pequeno Tomás.

1 comentario: