15 de dec. de 2013

Aventura nunha canoa

Noa Castro Lema

Hai xa case medio ano daquel soleado día de maio e aínda así parece que só pasaron uns días. Sigo sorrindo ao recordar aquela xornada na que tantas cousas aprendín, e resúltame divertido pensar nos múltiples erros e decisións que nos levaron a ter que descender -por non dicir arrastrarnos- seis kilómetros nunha canoa sospeitosamente pesada, polo río máis exasperante e lento que calquera ser humano que viva a súa vida a unha velocidade normal, teña visto xamais. Atopábamonos Lara, Eva e máis eu na metade daquela lingua de auga, alternando cinco minutos de remo e outros tantos de descanso -varios máis de descanso- baixo o sol abrasador do mediodía. Aquel traxecto infernal semellaba non ter fin e as nosas forzas esgotábanse pouco a pouco. A pesar de todos os contratempos, estabamos ao sur de Estonia, un lugar onde a beleza da natureza fai que o cansazo pase desapercibido.
Levabamos case tres horas no río e todo semellaba indicar que xa percorréramos máis da metade do camiño cara o punto de encontro, no que agardaban os nosos amigos con auga e comida pero sobre todo, onde nos agardaba un pequeno e precioso embarcadoiro sobre o que nos tirariamos a descansar en canto pisásemos terra. Foi entón cando se nos caeu a alma aos pés ao ver, uns poucos metros máis adiante, o cadáver gordo e grande dunha árbore, que algún temporal deixara caer "oportunamente" sobre o leito do río, pechándonos o paso.
Falámolo durante uns minutos e todas estabamos de acordo en que non íamos volver atrás despois do esforzo sufrido e cando nos encontrabamos a menos da metade de camiño: tiñamos que subir a canoa por enriba do tronco. Tras escoitar as pertinentes observacións de Eva, vimos claramente o camiño a seguir. Acto seguido, arredamos todo o posible a canoa do obstáculo e comezamos a remar con ímpeto cara a zona do tronco que parecía estar máis afundida na auga. Aínda experimento as ganas de soltar unha gargallada cando penso no cómica que debeu resultar a escena vista dende fóra, xa que, ao chegar ao tronco, véndonos xa no outro lado, exclamamos ao unísono un berro de vitoria que foi interrompido cando a canoa freou en seco sobre o madeiro proxectándonos cara adiante. Eva deuse de fociños contra as costas de Lara que ía no medio e Lara asestou ao tempo unha cabezada nas miñas costas, facéndome caer de xeonllos sobre a parte dianteira da canoa, co tempo xusto para apoiar as mans no bordo e manter o equilibrio para non envorcar a inestable embarcación. Unha vez recuperamos as nosas posicións, aínda aparruladas polos golpes, comezamos a pensar en como saír daquela situación:
— Intentemos empurrar a canoa cara atrás, porque se seguimos impulsándoa sobre o tronco pode que nos quedemos atrapadas enriba e xa non poidamos ir en ningunha dirección - dixo Eva, cuxa expresión normalmente alegre, tornara nun aceno de preocupación.
Á miña irmá e a min pareceunos razoable, así que todas apoiamos os remos sobre o madeiro e fixemos forza para intentar impulsarnos fóra daquela trampa. Despois dun par de minutos deixándonos a pel, asumimos que era imposible volver atrás, xa que a canoa estaba firmemente atrapada e unhas pólas impedían o seu desprazamento.
— Parade!-berrou Lara- non podemos ir cara atrás, ademais, se seguimos forzando os remos van romper, e non creo que teñades ganas de remar coas mans.
— Pois só nos queda continuar cara adiante. Poderiades intentar liberar a canoa por detrás, se o conseguides podemos arrastrala cara o outro lado e chegará un punto no que o seu propio peso faraa caer cara adiante pouco e pouco- suxerín eu, despois de pensalo un momento.
Lara e Eva, que non descartaban ningunha opción que puidese axudarnos a saír daquela lea, comezaron a apartar as ramas e anacos de troncos que nos mantiñan atrapadas, e tras uns cantos minutos, a canoa pareceu liberarse un pouco, así que Lara me indicou:
— Noa, agarra forte esa póla que sobresae á esquerda e tira dela cara ti, pero intenta non desestabilizarnos.
Eu fixen o que me dicía, mentres elas daban impulso á canoa, dando fortes sacudidas cara adiante con toda a forza do corpo sen levantarse dos asentos. Desta forma logramos avanzar pouco e pouco, cada vez máis animadas ao ver que estabamos liberando a canoa, o que nos aportaba a forza que xorde do esgotamento cando ves que o teu obxectivo está cada vez máis preto. Levounos un longo cuarto de hora, pero ao final, a canoa pasou ao outro lado do tronco deslizándose na auga, acompañada polas nosas exclamacións de alivio e alegría. Despois de recuperar o alento, collemos os remos e comezamos a avanzar novamente. Case unha hora máis tarde, divisamos un embarcadoiro feito de madeira pintada de vermello, desentoando coa paisaxe, á beira dun pequeno claro. Por un lado, o claro estaba rodeado de auga e polo outro do frondoso bosque, cuxas árbores alzábanse con rectitude cara o ceo, coloreadas de centos de tons verdosos e iluminadas polo reflexo máxico do Sol na auga, que facía que o río parecese de ouro. Tardamos uns dez minutos en pisar terra, sempre motivadas polos espaventos e berros de alento dos nosos amigos. En canto chegamos deixámonos caer sobre as táboas do embarcadoiro, e tras sacar da auga a nosa canoa, os nosos amigos imitáronnos.
Alí tendidos, mirando ao ceo, contámoslles a nosa pequena aventura, mentres comiamos galletas de chocolate e bebiamos Coca Cola, repoñéndonos entre risas daquela esgotadora xornada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario