12 de xan. de 2019

Conferencia de Núñez Singala

Manuel Núñez Singala, sempre xeneroso, volveu visitar o noso instituto, esta vez o 16 de outubro. O alumnado de Segundo de Bacharelato, que ten a súa celebrada Comedia Bífida entre as lecturas do curso, tivo ocasión de oír a súa sempre amena palabra nunha conferencia titulada “A lingua galega: unha oportunidade”. Singala, profesor, escritor e Director so Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, reflexionou sobre o tema dos prexuízos lingüísticos, os estereotipos e a súa repercusión nos usos. Este tema, ademais de formar parte da programación lectiva de Segundo, urxe ser tratado en profundidade, e máis aínda tendo en conta a preocupante realidade lingüística do alumnado do noso centro.

Singala durante a súa conferencia no Salón de Actos do centro.


Algúns alumnos acompañan a Singala e amosan o seu libro Comedia bífida (2007). A obra é unha alegoría que reflexiona sobre a nosa situación sociolingüística. Con humor e a xeito de farsa aparentemente desenfadada, afronta un tema tan serio que, no fondo, é de traxedia: nela axuíza actitudes e crenzas sociais tan estendidas que, de mantérense no tempo, conducirán á morte do noso idioma.

11 de xan. de 2019

Ferrol rebelde

0 martes 9 de outubro, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) levou a 57 alumnos e alumnas de bacharelato (1ºC e 1ªG) a unha Visita guiada polo centro histórico de Ferrol, un servizo que o Concello pon a disposición dos cidadáns con carácter gratuíto. As profesoras Belén Castelao e Ana Vizoso acompañaron a visita guiada pola mañá e, pola tarde, foron Belén Roca e Ana Dopico as encargadas.
A actividade tivo como obxectivo que o alumnado coñecese de que xeito a nosa cidade estivo na vangarda do compromiso cos movementos socio-económicos, políticos, culturais e lingüísticos no primeiro terzo do século XX.

.
Belén Roca (no centro,  con gafas) con alumnos e alumnas do centro. Foto: Ana Dopico. 


Fóra do mapa



O alumnado de Artes Escénicas do IES Concepción Arenal, acompañado pola profesora Belén Roca, que imparte esta materia no noso centro, foi partícipe, o 29 de setembro, das actividades enmarcadas no programa do III FESTIVAL DE ARTES ESCÉNICAS DE FERROL: “Fóra do mapa”. No Festival, organizado e financiado polo Concello de Ferrol, os espazos máis peculiares do barrio de A Magdalena convertéronse no escenario de orixinais representacións teatrais.

O obxectivo da actividade foi achegar o alumnado ao teatro contemporáneo representado en lugares descontextualizados, resaltando o patrimonio artístico e arquitectónico da cidade de Ferrol.


22 de dec. de 2018

Lidia González

LIDIA GONZÁLEZ TEIJIDO ‒inesquecible alumna do noso centro e, con toda certeza, futura grande doutora‒ obtivo o mellor expediente nas probas de Selectividade de Galicia (13,96 sobre 14). No mes de xullo, a Universidade de Santiago de Compostela organizou un acto de homenaxe e recoñecemento aos mellores alumnos galegos no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. No seu discurso en representación dos alumnos agasallados, Lidia, expuxo unhas palabras tan interesantes (a importancia dos soños, a adquisición e práctica dos valores...) que non merecen ser esquecidas. Están reproducidas na web do noso instituto, pero tamén as reproducimos aquí.

Lidia durante o seu discurso no Palacio de Congresos. Compostela.

Señor Reitor, autoridades representantes dos organismos e institucións, profesores, compañeiros e familiares, boas tardes a todos. En primeiro lugar gustaríame agradecer a vosa presenza neste día tan especial, así como o labor da Universidade de Santiago de Compostela organizando este conmemorable acto.
Hoxe teño a honra e o pracer de dirixirme a vós en nome de todos os estudantes que rematamos este ano o Bacharelato e realizamos as probas de acceso á universidade. Aínda que pode semellar unha tarefa difícil, representar un grupo tan rico e heteroxéneo, pódese dicir que todos os seus integrantes, entre os que me inclúo, compartimos nestes últimos anos experiencias que dalgunha maneira conectan as nosas historias e nos reúnen aquí hoxe. Esta viaxe, que nos levou ata este momento, parece imposible de recoller cunhas poucas palabras, pero de seguro será lembrada por todos nós coa intensidade que a caracteriza, e é que mentres tentabamos resistir esa carreira contrarreloxo, chea de nervios e tensión, semellaba que o tempo escapaba sen solución. Aínda así, non deixamos un minuto sen espremer e sen aproveitar, tendo sempre a mirada posta nas nosas esperanzas e nos nosos soños. Pero, como ben dixo o noso querido Castelao “o verdadeiro heroísmo consiste en converter os soños en realidades e as ideas en feitos”. Por iso, hoxe pódese dicir que todos nós somos heroes, experimentando as gratificantes sensacións que provoca ver os obxectivos cumpridos e obter o recoñecemento por todo o esforzo realizado, é agora cando despois de conseguir superar o desafío máis esixente, descubrimos como as nosas aspiracións cobran vida diante dos nosos ollos.
Non obstante, aínda que pareza que chegamos á meta, aínda somos pezas que se manteñen unidas grazas a todos os hoxe aquí presentes, que conseguiron que o día de mañá, antes que médicos, enxeñeiros, periodistas ou artistas, sexamos persoas. Os nosos profesores, que nos inculcaron valores coma o amor ao traballo ou a curiosidade intelectual e que nos transmitiron coñecementos para que, seguindo o exemplo da parábola dos talentos, os fagamos medrar, devolvendo á sociedade a esperanza que deposita cada día en nós. Pero tamén as nosas familias, que guiaron os nosos pasos dende o comezo desta aventura, e estiveron ao noso carón celebrando os nosos éxitos e apoiándonos nos momentos máis difíciles. Todos eles serviron de cimento para ir construíndo, pouco a pouco, esa escaleira que nos permitirá chegar a un lugar onde poderemos observar o mundo que nos rodea cunha nova visión, que nos descubra aquilo que permanecía agochado ata o de agora.
Así, imos decatándonos de que malia que despois dun duro traballo se atopa unha grata recompensa, aínda queda moito lenzo sobre o que pintar. E é que non se trata de como empeza a nosa historia, nin tampouco de como remata, é o camiño, as súas fochas e a forma en que as superamos o que nos fai medrar e ser mellores. De agora en diante tócanos loitar polo noso futuro, aquel que desexamos, sen deixar que os nosos medos ocupen o lugar das nosas ambicións.
Vivimos nun mundo no que debemos esforzarnos cada día por lograr unha sociedade que se vexa expresada nunha convivencia sa, un respecto mutuo e na cal a práctica dos valores non sexa unha casualidade. É por iso, que a educación, que comeza cunha simple pregunta, se constitúe hoxe como a arma máis poderosa, ademais de ser a mellor inversión para lograr un futuro no que non sexa suficiente con nacer persoas, senón que tamén teñamos que chegar a selo.
Así, non podo rematar doutra maneira que lembrando o meu paso polo Instituto Concepción Arenal, que ten a honra de levar o nome dunha gran muller, cunha vida protagonizada pola entrega e o compromiso que non só nos recorda a importancia de loitar por conseguir un mundo máis xusto, senón tamén o privilexio que supón poder acceder ao saber con dereito e liberdade. “Abride escolas e han de pechar os cárceres” foron algunhas das súas verbas máis célebres, palabras que sen dúbida demostran que aínda debemos seguir traballando para liberar unha sociedade prisioneira de si mesma.


(Podes ver o vídeo da súa intervención en http://tv.usc.es/mmobj/index/id/3624)

21 de maio de 2017

III Certame Carmela Loureiro

Suso Basterrechea, Lidia González, Jorge Suárez,  Inés Lamas, Cristovo Castro e a nosa Directora, María Estraviz.

O sábado, 13 de maio, no centro cultural “Torrente Ballester”, tivo lugar a entrega de premios do III CERTAME LITERARIO CARMELA LOUREIRO convocado conxuntamente polo Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística (CENL) de Ferrolterra.
Carmela Loureiro Montero foi profesora no IES “Fernando Esquío”de Neda e Presidenta da CENL moitos anos até a súa morte en maio do 2014. Dedicou o seu tempo e o seu saber á lingua e aos máis novos. A súa traxectoria persoal e profesional é un exemplo do labor anónimo e xeneroso de moitos profesionais do ensino na difusión da cultura e do idioma entre a mocidade.
O xurado estivo composto por Xil López (CENL), Álvaro Montes (Concelleiro de Normaliza-ción), Clara Vizoso García e Roi Saiz Mallo (alumnos propostos pola CENL) e a escritora María Casanova. Todos quixeron destacar a sorprendente e imaxinativa calidade dos orixinais presentados neste ano.
Nesta III Edición podía participar alumnado de Primaria, Bacharelato e Ciclos de todos os centros do concello e aqueles da comarca que forman parte da CENL. Dos 19 centros presentados achegáronse 83 traballos das tres categorías que había:
·         Microrrelato (menos de 150 palabras)
·         Micropoesía  (seis versos)
·         Microteatro  (menos de 600 palabras, novidade da pasada edición).
O noso Centro destacou entre todos os da comarca, obtendo tres premios na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos, un en cada modalidade.
  • 1º premio de Micropoesía: Namorado o tempo de Inés Lamas Cartelle (2ºE Bac)
  • 1º premio de Microteatro: A noite sen estrelecer de Cristovo Castro García (2ºC Bac)
  • Accésit de microrrelatos: A inxenuidade dos máis teimudo de Lidia González Teijido (1º Bac)

Como premio, os gañadores das distintas categorías recibiron cadansúa tablet. Os traballos premiados serán publicados polo Concello en papel e en formato dixital.
Entregaron o premio Jorge Suárez, Alcalde de Ferrol e Pim Patinho, Presidenta do CENL.

Lidia González Teijido, Inés Lamas Cartelle e  Cristovo Castro García.

Os textos premiados foron os seguintes:

NAMORADO O TEMPO

Quizais o amencer
se fundiu co ocaso,
derretido o tempo.

Quizais a eternidade
sexa  o máis pequeno,
namorado o tempo.

Inés Lamas Cartelle

A INXENUIDADE  DO MÁIS TEIMUDO

Alto aí, un momentiño…! Quen lle dixo a vostede que a quería acompañar? Un paxariño, di? Pois non lle digo que non, que aínda son ben latriqueiros. Deixareino pensar, pero xa lle digo agora que non, que non vou con vostede. Que por que? Pois por que vai ser? Que lle vou dicir á muller e aos nenos? Que non, que non. Mire ben, que seguro que hai outro que a quere acompañar na súa viaxe. Así que teño que ser eu, non? Pois entón vai ter que convencerme. Que di que me promete? Vida eterna e un bo descanso? Pois dixérao antes! Apúntome! Aínda que… debería avisar primeiro na casa, non vaia ser que se asusten se non volvo á hora. Ai, xa os avisa vostede de contado? Entón amañado! Imos, logo?

Lidia González Teijido

NOITE SEN ESTRELECER

ACTO 1

A escena transcorre nun interior escuro, amplo e sombrío. Nela aparecen moitas persoas durmindo no chan. Entre elas atópase un neno duns dez anos, incapaz de durmir. O neno empeza a bufar. Nese intre un home algo maior decátase do neno e incorpórase para falar con el.
Home: Durme rapaz, que necesitas as forzas.
Neno: (Segue mirando ao teito) Non son capaz (incorpórase) o chan está moi frío.
Home: Xa o sei mais necesitas enerxía, faime caso.
Neno: Enerxía? (con curiosidade xira a cabeza cara o home) Para que?
Home: (Queda pensando un momento) Acaso hoxe é o teu primeiro día aquí?
Neno: Si, señor.
Home: Comprendo… (cun xesto lúgubre) Durme.
(Pasa un anaco e o home empeza a rezar)
Neno: Que fas?
Home. Outra vez? (o neno está bufando) Díxenche que durmises.
Neno: E eu díxenche que non podo. Que era iso que facías?
Home: Unha estrela.
Neno: Unha estrela (con curiosidade) .
Home: Si, unha estrela de David.
Neno: E que é iso?
Home: Un amuleto (case chorando) para nos protexer.
Neno: De que?
Home: Rapaz mira que es curioso, dos males, de que, se non?
Neno: Ah, (sen comprendelo ben, pausa) a verdade é que boto en falta ver as estrelas, na miña casa de Praga víanse moi ben.
(O home queda calado, sen saber ben que dicir)
Neno: Estás durmido?
Home. Si, cala.
Neno: É que teño que preguntarche algo.
Home: O que?
Neno: Ti sabes onde estamos?
Home: (Queda calado un momento, despois, con voz balbuciente, di) En Treblinka.
Neno: E iso que é?
Home: Unha especie de… (a punto de chorar) refuxio…
Neno: Ah, (pausa) e sabes cando poderei ver o ceo?
Home: Mañá ao espertar.
Neno: Pero eu quero ver o ceo de noite que é cando hai estrelas.
Home. Creme xa terás tempo de ver o ceo (case de maneira sarcástica) .
(O neno ao fin queda durmido)

ACTO 2

(Á mañá seguinte aparece una fila de soldados, a escena acontece no mesmo interior, a diferenza é que agora hai algo máis de luz.)
Soldado 1: Espertade! (berrando)
Soldado 2: Os nenos á esquerda e os adultos á dereita! (en ton ameazante)
(O home camiña cara á fila dereita cando de repente o neno o agarra do brazo)
Neno: Ao final non me contestaches.
Home: (Afundido)
Neno: Cando poderei ver o ceo?
Home: Moi pronto rapaz (case chorando acaricia o cabelo do neno), moi pronto…

FIN

Cristovo Castro García

Se queres ver máis fotos do acto, podes velas na seguinte presentación que proxectamos no vestíbulo do instituto.

15 de nov. de 2015

Recitado Poético "Carvalho Calero"

O noso centro participou unha vez máis no Certame de Recitado Poético Carvalho Calero, en homenaxe ao escritor ferrolán. Celebrouse o venres 23 de outubro, no Centro Cultural que leva o seu nome no Inferniño.
O noso foi o único centro que levou un poema de autoría propia, motivo polo cal, recibimos unha mención especial.
Reproducimos a continuación o poema, o cal leva por título “Alma de árbore”, e dámoslle as grazas e os parabéns á súa autora, Estefanía Sánchez López.


ALMA DE ÁRBORE
         

Supoño que son una árbore.

Nunca conseguirei ser persoa,
Desas que se apoian nas miñas pólas
E contan historias de amor,
Tristura,
Incluso suicido.
Como esa corda que colga dunha das miñas pólas.
As pólas que estiro como se fosen brazos,
Tratando de chegar ao ceo.
Achégase o cru inverno
E sinto como as miñas follas murchan e caen,
Deixándome desprovista de calor
E indefensa.
O xélido vento axítame unha e outra vez,
E non será estraño cando parta en dúas.
Así como o meu corazón.
As persoas falan del continuamente.
Eu non sei  se o teño,
Mais non quero telo
Se lles fai tanto dano como din.
Si sei que algo dentro de min está roto.
Ese desexo de poder saír desta cortiza que me envolve
E vagar libre polo mundo.
Pero supoño que só me queda observar as miñas follas caer.
E, cando menos o espere,
Dareime conta de que esas follas son os anos.
E cando a última caia…
Ben, supoño que entón o meu espírito será libre.

25 de out. de 2015

NAI CORAXE

Un curso máis volveu o Grupo de teatro Arjé do IES Breamo de Pontedeume.Desta volta, o pasado 8 de outubro, representou Nai Coraxe no salón de actos do noso Centro para o alumnado de segundo de bacharelato e os da optativa de literatura universal. Cunha ducia e algo máis de actores, algúns dos cales xa nos é moi familiar, fixeron a delicia do noso alumnado durante máis de hora e media. Recollemos aquí uns breves fragmentos das impresións que tiraron os alumnos de Universal do espectáculo.


Na miña opinión todos os actores tiñan moi boa entoación e dicción. Malia isto, e aínda que soe contraditorio, a mellor actuación, sen ningunha dúbida, foi a da moza muda, Catarina. A dificultade que entraña facer dunha persoa muda é moi grande e desenvolverse desa forma polo escenario expresando tanto sen dicir palabra. Conseguir comunicar todo o que comunica esa rapaza sen dicir nada, paréceme algo espectacular.
[…]
En resumo, paréceme unha obra fenomenal e este Grupo (que xa tiña visto noutras ocasións) paréceme moi bo, sobre todo para ser actores da nosa idade. Vin grupo de adultos que non lles chegan aos talóns. Merecen un grande recoñecemento.
FANY SÁNCHEZ LÓPEZ, 1º G

Na escenografía, o que máis me atraeu é a carreta ambulante de Nai Coraxe, o seu único sustento, na obra obxecto que se transforma en varios escenarios. Os sons da música van moi compasados coas escenas representadas.
Os valores que salientan na obra son: valentía, por parte de Catarina que seguiu tocando o tambor para avisar as persoas da cidade da chegada dos soldados, aínda que estivese en perigo; amor, da nai polos seus fillos; perseveranza de Nai Coraxe; amizade cara a Yvette e o cociñeiro; egoísmo e cobiza do diñeiro… A mensaxe da obra pode ser: sacar vantaxe das desgrazas dos demais pode saír caro.
ALEXANDRA ARREDONDO, 1º G

A obra trata sobre a guerra, cunha posta en escena que se podería considerar perfecta. O escenario e a decoración teñen un estilo minimalista, nos que só usaban un carro que contiña todo o necesario para o funcionamento da obra.
BORJA PUENTES, 1º F

A obra conta con diferentes personaxes e gran variedade de interpretacións. Polo xeral, todos os personaxes tiveron unha boa posta en escena, cunha boa entoación e boa mímica. Por suposto, cabe destacar a excelente interpretación da filla menor de Nai Coraxe, que non era un personaxe nada doado. A rapaza era muda, pero a actriz logrou empatizar co público sen necesidade de empregar as palabras. Outro personaxe sobresaliente foi a propia protagonista, Nai Coraxe; por parte da actriz, moi boa actuación, cunha entoación excelente.
Polo xeral, o decorado era moi minimalista, demasiado para o meu gusto. O único elemento empregado na representación deste drama foi un carro, que resultou ser tremendamente versátil, xa que funcionou de mesa, taberna, fogar e, por suposto, de propio carro.
ELENA PICALLO, 1º F

Nai Coraxe é unha obra escrita por Bertolt Brecht, que nos conta unha emotiva e cruel historia sobre a guerra. A obra representada polo Grupo de teatro de Pontedeume era unha versión ambientada no século XX, o cal penso que é unha decisión acertada, pois fixo que o público (a maior parte xuvenil) se sentise máis cerca dos personaxes.
A posta en escena estivo ben realizada e moi profesional. Con elementos non moi numerosos lograron cautivarme…, aínda que teño que ser crítica coa maquillaxe, sendo Nai Coraxe a única excepción. O sangue non era realista nin as barbas e os bigotes. En xeral, a ambientación, a estética pareceume das mellores cousas xunto á música. A elección musical e os ruídos, sempre sincronizados, fixeron a obra moito máis emotiva.
MARTA CASTRO, 1º  G

Nai Coraxe representa a vida cotiá dunha pequena familia que ten que abordar os conflitos bélicos que ocorren no país, intentando vender provisións aos soldados. Dá que pensar en que o que para moitas familias é unha miseria, desgraza, morte e desfeita, para outras é o único modo de vivir.
CARLOS RIVERA, 1º G

Gustoume o escenario aínda que cando se estaban a cambiar deberían de pechar as luces para que non se vise. O moble principal era un carro de cabalos, pero tirado por persoas, que servía para vender produtos e para taberna. As luces non cobraban importancia, a diferenza coa música que estaba ben e acorde coas escenas.
CANDELA QUINTíA, 1º F

Ao longo de toda a obra realízanse tres cambios de escenario. A carreta sempre sengue presente, dando a entender que é o elemento central da obra.
Creo que os temas que trata esta obra son as miserias da guerra, os conflitos relixiosos, a persecución e o enrolamento no exército…
LUCÍA CABAÑAS, 1º G

14 de feb. de 2015

I Certame Literario "Carmela Loureiro"

Paula García Cabanas e Paula García Domínguez con
Faustino Seco, Director do IES "Concepción Arenal"
Dúas alumnas do noso instituto foron galardoadas no I Certame Literario “Carmela Loureiro” organizado polo Concello de Ferrol e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra (CENL). As afortunadas son Paula García Domínguez ( 2º D Bach.), que recibiu o Primeiro Premio  de Microrrelatos na categoría Bacharelato e Ciclos Formativos polo microrrelato “Un número máis” e Paula Freire Cabanas,  (2º G Bach) que, na mesma categoría,  levou un Accésit na modalidade de Micropoesía polo poema "Atenea veu ao mundo gritando".  NORABOA ÁS DÚAS!!!

Os textos galardoados son os seguintes: 

UN NÚMERO MÁIS por  Paula García Domínguez

Xa cho advertira... “Non lle creas”. Díxenche. “Non é como ti pensas”. Mais, como ías ti facerme caso.
Unha venda sobre os teus ollos. Unha felicidade da que non queres espertar, mentres as túas bágoas son rexeitadas por todo e por todos. Agochadas na vergoña do que nunca será visto nin oído. Un sorriso falso, con palabras que ti mesma queres crer. El quéreme. É a miña culpa. Ai!, se puidese emendar os meus erros...
Deixaron de ser caricias, senón horribles flores roxas na túa pel; melodiosas palabras tornáronse en berros recriminantes. Unha besta que, dende o principio, non se molestou en ocultar as súas fouces.
Unha alfombra vermella e brillante, apagada e repleta dunha vida efémera, foi o único que quedou de ti. O último que o teu corpo expresou. Xa non tes que ocultarte, non tes nome. Xa es coñecida como un simple número máis.

ATENEA VEU AO MUNDO GRITANDO por Paula Freire Cabanas

Atenea veu ao mundo gritando,
Declamando versos de guerra.
Espero que a miña nena cuspa lume,
e faga do mundo unha lareira.
        Chamádeme nai de dragóns,
        Serei a vosa Khaleesi.

Na seguinte presentación poderás ver imaxes da entrega dos premios.

7 de xuño de 2014

A semente da xilbardeira

O venres 30 de maio, o Equipo de Normalización Lingüística do IES Concepción Arenal levou os alumnos de 1º de bacharelato ao Teatro Jofre a ver A semente da xilbardeira, representación a cargo do grupo de teatro Tixuca, do  IES “Carvalho Calero”. Alumnos dos grupos B e G deixáronos as seguintes impresións sobre a obra:
    Logo do grupo de teatro TIXUCA (Teatro
     Independente da Xuventude de Caranza).
  • A obra trata dunha profesora que lles conta aos seus alumnos como fora de pequena a durmir cuns amigos para esquecer a morte dun profesor que se sacrificara por eles. Pola noite soñan que están noutra época e cada un fala con personaxes históricos como un monxe, un irmandiño, una meiga... Este soño axúdalles a decidir o que queren facer na vida e que é  o que lle gusta a cada un. Na miña opinión é una obra estraña en canto ao argumento, pero está ben, sen facerlle una crítica moi moi positiva. Lois Rico Ocampo. 1º de Bach. B
  • A obra de teatro non me gustou moito, porque a trama non tiña moito sentido, porque falaban en galego-español, o son era un pouco malo….  Raúl Ferrández Bellas. 1º de Bach. B
  • Outra das xeniais obras do Grupo de teatro Tixuca do IES Carballo Calero. Foi una actuación moi entretida de comezo a fin. Aínda que ao principio non é nada claro o tema a tratar, pouco a pouco preséntase a excursión feita no pasado polos protagonistas e as consecuencias desa viaxe, pasando pola historia das Fragas do Eume e expresando con emotividade o noso rico pasado cheo de fauna, flora, frades, rebeldes, loitadores, bruxas…
  • Os actores parecéronme moi profesionais e sobre todo amantes do teatro. En conclusión, una moi boa experiencia grazas ao traballo dos artistas. Sara Silvar Prieto. 1º de Bach. B.
  • Unha obra divertida e, ademais, ambientada na actualidade, engancha. Raquel Barro Merlán. 1º de Bach. G
  • Unha obra entretida que se podería explotar un pouco máis. André Couce Vieira. 1º de Bach. G
  • A obra do venres estivo interesante, un vocabulario axeitado. Para min, estivo DPM. Téñenos que levar a ver máis obras así. É algo diferente e a min, polo menos, gústame. Sheila López Graña. 1º de Bach. G
  • Na miña opinión, para a idade e o percorrido dos actores e actrices, a obra estivo ben interpretada e escenificada. Aínda que houbo instantes de aburrimento. Abril Meizoso. 1º de Bach. G
  • A obra representada polo alumnado do Carballo Calero o venres pareceume bastante entretida, e non se me fixo nada pesada. Na miña opinión os personaxes tiñan moita personalidade, a trama era moi orixinal, ademais de que os actores fixeron moi ben o seu traballo. Sabela Mato Gómez .  1º de Bach. G
  • A obra estivo moi ben interpretada, e máis contando coa pouca experiencia do alumnado que a representaba. Baixo o meu punto de vista, a historia era bastante aburrida, pero os actores déronlle certa graza. Marina García Canedo. 1º de Bach. G
  • Pareceume unha obra moi simpática porque os actores fixérona moi amena. Gustoume moito a interpretación. Alba Mª Santamariña Fortuna. 1º de Bach. G

Pelos na lingua. Talía Teatro.

Cartaz de Kiko da Silva (kikodasilva.blogspot.com.es) 
e imaxe da representación (http://www.taliateatro.es)
O pasado xoves 29 de maio, o Equipo de Normalización Lingüística do IES Concepción Arenal levou os alumnos do grupo E de 1º de bacharelato ao Teatro Jofre a ver a representación de Pelos na lingua do Grupo Talía Teatro. Ofrecémosvos as impresións que nos deixaron algún alumnos.
  •  A obra teatral Pelos na lingua pareceume moi orixinal, por ofrecer dun feito tráxico, como é o pouco uso da lingua galega, una perspectiva cómica. Yago Basoa Fernández.
  • Esta obra encantoume porque defende o galego dunha forma graciosa e cómica. Eu falo galego, e a frase “todas as rapazas que falan galego teñen bigote”, fíxome moita graza. Laura Beceiro Sequeiro.
  • Unha obra enxeñosa, divertida e “desmelenada”. Unha forma moi orixinal de mostrar a realidade da nosa lingua galega. Cristina Seco Evia.
  • Pelos na lingua é una obra que á hora de defender o galego o fixo de maneira divertida. Trátase dunha obra moi orixinal que conseguiu facernos rir e pensar sobre o tema da nosa lingua. Eva Martín Millarengo.
  • A obra consegue facernos pensar e rir ao mesmo tempo. Moi boa! Ágata Nodar Barros.
  • A obra demostra como vemos o galego dunha maneira entretida; por iso nos damos conta da situación á vez que nos rimos. Asun Moreno Fernández.
  • Unha obra que salta en defensa do noso idioma mediante un humor satírico, irónico e burlesco. Moi divertida e recomendable. Antón Deive García.
  • A través da comedia podes darte conta tamén das cousas serias. Pelos na lingua fainos recapacitar sobre o galego sen parar de rir. Alicia Malde García.
  • A obra fainos entrar en razón. O galego é una lingua tan culta como as demais. Hai que falar a lingua do noso pobo, se non pode desaparecer. Carlos Fraga Pena.
  • A través desta obra podemos entrar en razón; temos que falar o galego, xa que se todos poñemos outra lingua por diante, este pode desaparecer, e iso suporía un problema, e máis estando en Galicia. Alberto Vega Aduriz.
  • Foi una obra moi boa, que che fai abrir os ollos sobre a nosa lingua. Graciosa e recomendable. David Hermida Pereiro.
  • É una obra incrible, utiliza o humor para facer apoloxía do uso do galego; algún skechts son memorables. Ramón Sixto Serantes.