Un curso máis volveu o Grupo de teatro Arjé do IES Breamo de Pontedeume.Desta volta, o pasado 8 de outubro, representou Nai Coraxe no salón de actos do noso Centro para o alumnado de segundo de bacharelato e os da optativa de literatura universal. Cunha ducia e algo máis de actores, algúns dos cales xa nos é moi familiar, fixeron a delicia do noso alumnado durante máis de hora e media. Recollemos aquí uns breves fragmentos das impresións que tiraron os alumnos de Universal do espectáculo.
Na miña opinión
todos os actores tiñan moi boa entoación e dicción. Malia isto, e aínda que soe
contraditorio, a mellor actuación, sen ningunha dúbida, foi a da moza muda,
Catarina. A dificultade que entraña facer dunha persoa muda é moi grande e
desenvolverse desa forma polo escenario expresando tanto sen dicir palabra.
Conseguir comunicar todo o que comunica esa rapaza sen dicir nada, paréceme
algo espectacular.
[…]
En resumo,
paréceme unha obra fenomenal e este Grupo (que xa tiña visto noutras ocasións)
paréceme moi bo, sobre todo para ser actores da nosa idade. Vin grupo de
adultos que non lles chegan aos talóns. Merecen un grande recoñecemento.
FANY SÁNCHEZ
LÓPEZ, 1º G
Na escenografía, o
que máis me atraeu é a carreta ambulante de Nai Coraxe, o seu único sustento,
na obra obxecto que se transforma en varios escenarios. Os sons da música van
moi compasados coas escenas representadas.
Os valores que
salientan na obra son: valentía, por parte de Catarina que seguiu tocando o
tambor para avisar as persoas da cidade da chegada dos soldados, aínda que
estivese en perigo; amor, da nai polos seus fillos; perseveranza de Nai Coraxe;
amizade cara a Yvette e o cociñeiro; egoísmo e cobiza do diñeiro… A mensaxe da
obra pode ser: sacar vantaxe das desgrazas dos demais pode saír caro.
ALEXANDRA
ARREDONDO, 1º G
A obra trata sobre
a guerra, cunha posta en escena que se podería considerar perfecta. O escenario
e a decoración teñen un estilo minimalista, nos que só usaban un carro que
contiña todo o necesario para o funcionamento da obra.
BORJA PUENTES, 1º
F
A obra conta con
diferentes personaxes e gran variedade de interpretacións. Polo xeral, todos os
personaxes tiveron unha boa posta en escena, cunha boa entoación e boa mímica.
Por suposto, cabe destacar a excelente interpretación da filla menor de Nai
Coraxe, que non era un personaxe nada doado. A rapaza era muda, pero a actriz
logrou empatizar co público sen necesidade de empregar as palabras. Outro
personaxe sobresaliente foi a propia protagonista, Nai Coraxe; por parte da
actriz, moi boa actuación, cunha entoación excelente.
Polo xeral, o
decorado era moi minimalista, demasiado para o meu gusto. O único elemento
empregado na representación deste drama foi un carro, que resultou ser
tremendamente versátil, xa que funcionou de mesa, taberna, fogar e, por
suposto, de propio carro.
ELENA PICALLO, 1º
F
Nai Coraxe é unha
obra escrita por Bertolt Brecht, que nos conta unha emotiva e cruel historia
sobre a guerra. A obra representada polo Grupo de teatro de Pontedeume era unha
versión ambientada no século XX, o cal penso que é unha decisión acertada, pois
fixo que o público (a maior parte xuvenil) se sentise máis cerca dos
personaxes.
A posta en escena
estivo ben realizada e moi profesional. Con elementos non moi numerosos
lograron cautivarme…, aínda que teño que ser crítica coa maquillaxe, sendo Nai
Coraxe a única excepción. O sangue non era realista nin as barbas e os bigotes.
En xeral, a ambientación, a estética pareceume das mellores cousas xunto á
música. A elección musical e os ruídos, sempre sincronizados, fixeron a obra
moito máis emotiva.
MARTA CASTRO,
1º G
Nai Coraxe
representa a vida cotiá dunha pequena familia que ten que abordar os conflitos
bélicos que ocorren no país, intentando vender provisións aos soldados. Dá que
pensar en que o que para moitas familias é unha miseria, desgraza, morte e
desfeita, para outras é o único modo de vivir.
CARLOS RIVERA, 1º
G
Gustoume o
escenario aínda que cando se estaban a cambiar deberían de pechar as luces para
que non se vise. O moble principal era un carro de cabalos, pero tirado por
persoas, que servía para vender produtos e para taberna. As luces non cobraban
importancia, a diferenza coa música que estaba ben e acorde coas escenas.
Ao longo de toda a
obra realízanse tres cambios de escenario. A carreta sempre sengue presente,
dando a entender que é o elemento central da obra.
Creo que os temas
que trata esta obra son as miserias da guerra, os conflitos relixiosos, a
persecución e o enrolamento no exército…
LUCÍA CABAÑAS, 1º
G
Ningún comentario:
Publicar un comentario