22 de mar. de 2013

Viaxe a Turquía-Comenius


Os catro alumnos do noso centro diante da mesquita Santa Sofía, símbolo de Istambul. Construída durante o mandato de Justiniano entre os anos 532 e 537, é unha obra mestra da arte bizantina.

Globo na Capadocia
A finais de 2011, catro alumnos de 1ºESO, apuntámonos a un Proxecto Comenius .
Este proxecto dedícase a un tema durante dous anos seguidos. Terminado este período trátase outro tema. Cando nós entramos nel, empezou o tema da auga. O proxecto chámase: Water: The spring of life.
Neste momento, o noso instituto non traballa só, faino en colaboración con outros catro centros de: Italia, Estonia, Francia e Turquía.
Como parte do proxecto, a principio deste curso, viaxamos a Turquía desde o 2 ao 7 de outubro, xunto con dous profesores, Paco Gallego e María José Campello.
A primeira noite da nosa viaxe fixemos escala en Istambul e aproveitamos para visitar a cidade e os seus lugares máis importantes: A Mesquita Azul, Santa Sofía, O Gran Bazar, As Cisternas Turcas e pasear polas súas rúas.
Ao día seguinte da nosa chegada a Istambul, pola tarde, continuamos a nosa viaxe cara a Nevsehir (Capadocia), onde se atopa o colexio de Turquía que forma parte do proxecto.
Dous profesores turcos viñéronnos a buscar ao aeroporto de Kayseri xunto con dúas nenas. Despois, xuntámonos todos no hotel no que se ían  aloxar os profesores mentres cada un de nós foise cun neno e un profesor turco á casa do último.
Ao longo da nosa estancia en Nevsehir, cada un dos países presentou os seus traballos elaborados nos centros, aínda que a maioría do tempo visitamos o lugar.
Demos varias camiñadas por distintos vales da Capadocia,  visitamos o Val das Chemineas das Fadas, demos paseos por diversos pobos, visitamos unha mesquita, un día pola noite fomos a ver bailar ás Dervishes, fixemos unha visita á cidade subterránea de Derinkuyu, etc. E tamén tivemos unha sorpresa, que foi unha viaxe en globo sobre a Capadocia ás seis da mañá.
Foi unha experiencia preciosa, unha viaxe prometedora, repetiriámolo, pero como o fixemos esta vez. Foi unha forma de practicar o inglés e coñecer máis a fondo os costumes turcos,  xa que nos aloxamos cada un de nós  en casa dun profesor cun alumno turco .

Val das Chemineas das Fadas.Capadocia (Turquía). A erosión tallou aquí formas de magnífica beleza.

Entrevista a Tino Seco

MARTA CASTRO ROMANÍ
ANDREA DEIBE GARCÍA
 
2ºA de ESO


—Para comezar, gustaríanos coñecer un pouco en que consiste ser director e darnos unha idea do que fai. Cales son as principais funcións dun director?
—O director é o máximo responsable de todo o que pasa no instituto, realmente non fai nada concreto, xa que case todas as funcións de organización e de coordinación repártense entre os membros do equipo directivo, como os xefes de departamento e o profesorado. Digamos que o director é o maior organizador. Se ves o traballo dun director observarás que é asinar, convocar reunións e dirixilas. As funcións globais do director resúmense na coordinación de todo o equipo do Centro e a máxima responsabilidade do mesmo.

—Que pensaches cando soubeches que ías ser director?
—Realmente non mo comunicaron, xa que o proceso de ser director, excepto nalgúns casos onde ninguén quere selo, é voluntario; eu tomei a iniciativa de presentarme ao cargo, escoller un equipo, un proxecto e levalo ao Claustro e presentalo. Formouse unha comisión de selección formada por membros do centro, e esta decisión non me  chegou dun día para o outro, non foi unha sorpresa.

—Pódesnos dicir o que máis che gusta de ser director?
—(Risas) É complicado. A min paréceme un traballo moi interesante, pero... non sei, tal vez as funcións que non son de día a día, non me gusta a burocracia de día a día, gústanme as tarefas de organización e de planificación do centro, pero non para resolver problemas inmediatos, senón para un futuro próximo ou para cursos vindeiros.

—Cansa moito ser director? Estás case todo o día ocupado, vémoste de aquí para alá...
—Si, ben (risas) é moi distinto ser un profesor normal e corrente como fun durante moitos anos, a túas responsabilidades limítanse a dar clases e sabes o que vai a ser o día porque planificas as túas clases e segues os teus horarios; pero cando es director isto cambia, aínda que teñas preparado o día a día nunca sabes que vai pasar, e hai días moi intensos con problemas e conflitos que non contabas que pasaran.

—Gústache máis ser director ou profesor?
—Ambas as cousas me gustan, as dúas teñen a súas vantaxes e inconvenientes, agora mesmo estou bastante motivado para a tarefa que estou desenvolvendo, é dura e complicada, é máis difícil do que parece, pero agora mesmo estou máis centrado e apetéceme máis a tarefa de director, aínda que tamén  me gusta moito a de profesor. 

—Pasando un pouco á parte da túa "historia" no instituto e como te sentes... desde cando levas dando clase neste Centro?
—Levo vinte anos dando clases aquí.

—É moito tempo! Non botas de menos dar clases despois de tanto tempo exercendo como profesor?
—Ben, claro, moitos días, moitas veces, sempre che vén á cabeza "Qué ben estaba eu dando clase", (risas), xa que non era tan conflitivo nin había tanta tensión como agora. Gústame ser profesor, e, evidentemente, sigo dando algunha clase, pero o que máis ocupa o meu tempo son as tarefas de director. Si que é verdade que sempre pensas, como dixen antes, "quen me mandaría a min meterme nisto", pero eu tomei unha decisión e teño moi claro as miñas tarefas e responsabilidades e os inconvenientes e vantaxes.

—Pero, estás contento neste Centro?
—Si, evidentemente podería cambiar de Centro sen problema, pero non se trata só de estar contento, trátase tamén de estar polo labor de que o centro sexa a idea que eu teño, e se o consigo vou  estar máis contento. Hai que tomar parte activa nos proxectos, son só estar contento.

—Cambiou moito a túa relación cos alumnos dende que en vez de ser o profesor de Educación Física, te ven como o director?
T: Non cabe dúbida que a relación que tes cos teus alumnos cando es profesor, sobre todo de Educación Física, cambia moito cando es director.  É certo que moitos alumnos, sobre todo alumnos que lles dei desde fai tempo, como por exemplo, os cursos de Bacharelato, lles é difícil asumir unha relación distinta, quizás nalgúns casos cústalles traballo asimilar o cambio de rol.

—Cres que ti cambiaches dende que eras profesor, ata agora? Fisicamente xa sabemos que si, cambiaches o teu chándal e vas moi arranxadiño, pero a túa personalidade é a mesma?
—Non, claramente, non fai falla ir de chándal cando non tes clase de Educación física, e sobre todo sendo director, sobre todo de cara a persoas do profesorado ou do Centro que non se esperan que un director vaia en chándal, ademais as clases que teño son en nocturno, así que non teño que ir con chándal pola mañá, pero ben, eu sigo sendo o mesmo, aínda que o meu comportamento é distinto, xa que non é o mesmo papel o dun profesor que o dun director, así como o seu comportamento. Cando cheguei ao Centro tiña uns pensamentos que agora xa non teño, as persoas evolucionan,  pero iso non significan que sexan distintas. Posiblemente nuns anos cambie de novo os meus pensamentos, pero non dun ano a outro.

—Xa chegando ao final, queremos saber novas iniciativas. Que cousas  che gustaría cambiar agora que es director?
—Loxicamente hai aspectos que hai que cambiar, ben, non tanto cambiar, senón resolver os problemas que temos no centro. O problema principal que temos é o rendemento académico, hai que buscar que titulen máis alumnos e mellorar o rendemento, non significa que o que temos agora sexa malo, pero non temos que satisfacernos con algo que podería ser moito mellor. Ese cambio sería o principal e sería moi favorable. Como conseguilo? Por agora non o sei, estamos buscando medidas, non é un concurso ou competición con outros Centros, senón que axudaríamos aos alumnos do instituto. Tamén hai outros obxectivos que teríamos que mellorar, como a resolución de conflitos entre alumnos, e outros obxectivos máis insignificantes pero tamén importantes.

—Cres que os alumnos e profesores aceptarán estes cambios?
—Si, este é un Centro con fama de arrastrar moitas inercias, e moitas veces atopámonos con medidas que sempre se fixeron dunha forma e que non se cambian porque son unha tradición, e moita xente non quere cambiar estes métodos, por iso hai algúns cambios moi ben recibidos e outros non. Aquí sempre as decisións e os cambios preséntanse nos órganos de consulta e estes cambios serán democráticos, e evidentemente sempre haberá persoas afectadas ou que non están de acordo, aínda que sempre poderemos dar marcha atrás, porque se me equivoco non teño ningún problema en rectificar ou modificar o feito.

—Xa rematamos coa entrevista, moitas grazas pola atención.
—Grazas a vós.

10 de feb. de 2013

Cosendo sombras

ÁNXELES SEOANE


Convidada polo Departamento de Normalización e Dinamización Lingüística asistín o 28 de  setembro á estrea, no Auditorio Torrente Ballester, da peza teatral Cosendo sombras, da autora Pim Patinho. Embargoume a emoción case dende o principio.
         O espazo escénico é un obradoiro de costura perto do Hospital de Caridade, en Ferrol,  onde se mesturan dun xeito natural, a Sra. Amelia, as súas aprendizas, clientas acomodadas e xentes de aquí e de acolá, procedentes dos barrios de fóra de portas, da propia Madalena, da outra banda e das aldeas veciñas, que coa súa presenza, directa ou indirecta no discurso teatral, van tecendo un tapiz intrahistórico da nosa Historia máis recente do século XX.
Un momento da representación de "Recendo Sombras"
O tempo de ambientación vai dende a 2ª República (Acto I) ate ós miserentos primeiros anos da posguerra (Acto II).  Dunha situación confortable, leda e  chea de ilusións no Acto I: Elvira, a moza da Madalena,  quere  ir a Universidade, Rosiña gosta de ir á escola de D. Amaro- mestre que segue os preceptos da Institución de Libre Enseñanza-, Irene está namorada, Carme  vai casar,  fan teatro, rin,  recitan versos, discuten amigablemente e até se fan cóxegas. De cando en vez, pasan polo obradoiro Xurxo o mandadeiro, Manuel o mariñeiro de Mugardos e Emilio o subministrador de patacas e así progresivamente imos familiarizándonos coa veciñanza. Algúns incluso mocean ás costas de dona Amelia. Pasamos ao Acto II, estruturado en dúas partes (Febreiro 1937 e marzo de 1941), onde todo vai mudando a peor. O intuímos xa a través da linguaxe eufemística que dona Amelia e as súas  aprendizas  do obradoiro empregan para non asustar a Rosiña. O estoupido da guerra civil torna o acolledor obradoiro nun lugar tristeiro, preñado de medos, inseguridades, enfermidade, ausencias e morte. Malia todo iso, perdura o amor, o compromiso, a tenrura e a solidariedade.
Nas súas conversas os visitantes do obradoiro van introducindo referencias a personaxes ilustres (Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Castelao…) e outros carismáticos da contorna mais próxima como Carvalho Calero, Amadita García, Xaime Quintanilla, o mestre López Bouza, sen esquecer outros de moita sona por  outras razóns: Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart . Estas referencias literarias, sociopolíticas e culturais apórtanlle á obra un valor testemuñal  único.
      Cosendo sombras é unha emotiva testemuña que nos fai reflexionar sobre os erros cometidos no pasado, é tamén un xeito de reivindicar a Memoria histórica do pasado: medos, denuncias sen fundamento, tortura, fusilamentos, ausencia de liberdades, perda de dereitos fundamentais, fame, enfermidade, morte de inocentes. En definitiva,  miseria física e espiritual do ser humano.
Cosendo sombras ten ademais un marcado carácter didáctico. Obra pensada non só para a posta en escena, senón especialmente para traballar na aula. Concibida como unha ampla unidade didáctica, na que a  súa autora Pim Patinho, vos convida  a revisar o modus vivendi das xentes de entón, cos seus oficios singulares: costureiras, mariñeiros, redeiras, mandadeiros, lavandeiras, labregos, traballadores do naval. Convídavos  tamén a valorar certos costumes da época: mocear, pasear o vespertino, merendar chocolate, convidar con guindas, visitar os presos, viaxar en lancha. Interesante para desenvolver na aula é o estudo da rica temática (República, Golpe de estado, Ideoloxías, Igrexa, Galeguismo, Guerra Civil, Posguerra,…). Outros aspectos salientables son os fitos históricos que atinxen máis de preto o noso Ferrol e a súa comarca, así como as diferenzas de vida entre o rural e o urbano e mesmo entre campo, industria e mar.
Dicíavos ao inicio deste comentario, que tanto a  posta en escena como  o seu contido,  emocionáronme  dende o principio. É unha obra moi pensada , cun guión  moi ben artellado estruturalmente. As personaxes , polo que din e polo que fan, teñen peso e entidade psicolóxica propia, por iso son quen de engaiolarnos e conmovernos. Eu, sentinme especialmente identificada cos sucesos referidos á guerra civil acontecidos,  na miña aldea (San Mateo de Trasancos, Narón), postos en boca do labrego Emilio. Estas desoladoras historias de presos, escapados, emparedados, de sindicalistas fusilados,  coñecíaas  dende a miña nenez, porque eran os dramáticos contos que miña avoa me contaba, nas longas noites   de inverno, ao carón da lareira. Souben, ao rematar a función,  que a autora  empregou como fontes para a documentación da súa obra a  dúas Nenas da Guerra: Juana de Segundo, natural de S.Mateo, e Antía Peña, da Graña. Para elas toda a miña admiración e homenaxe.

Pim Patinho conseguiu, dalgún xeito, que todas esas sombras esvaecidas na nosa memoria, recuperen o protagonismo  merecido. Son os heroes e as heroínas anónimas, que sen transcender a Historia con maiúsculas, fixeron grande a historia do noso pobo.

Pim Patinho, no centro da imaxe, é profesora de Lingua e Literatura Galega do IES "Carvalho Calero" de Caranza, Ferrol.

9 de feb. de 2013

Excursión a Pontevedra

PABLO PAZ COTILLA
1º A BACH.

O martes 15 de xaneiro os alumnos de 1º A, B, C e F de bacharelato visitamos os petróglifos de Campo Lameiro e unha exposición de gravados de Picasso en Pontevedra. Saímos de Ferrol cedo pola mañá, para chegarmos o antes posible e comezar a nosa excursión no Centro de Interpretación de Campo Lameiro, onde tivemos a oportunidade de ver os famosos petróglifos, inscricións feitas en pedra na Idade de Bronce, que despois de moitos milleiros de anos continúan estables no seu estado orixinal, así como esvarar a algunha profesora que non andou moi estable, pero que conseguiu recuperarse con moito estilo.

A continuación, visitamos unha recreación dun poboado da Idade de Bronce e unha exposición aclaratoria, con filme incluído, sobre a cultura dos nosos devanceiros prehistóricos.

Xa pasado o mediodía dixemos adeus ao Parque e marchamos cara a Pontevedra, onde nos esperaba un paseo polas rúas desta capital galega e un auténtico tesouro en pintura, verdadeiros gravados de Pablo Picasso traídos especialmente a Pontevedra grazas á Fundación Caixa Galicia.
Nesta parte da visita tivemos non só a oportunidade de observar e marabillarnos ante estes gravados, senón que grazas aos traballadores do Centro puidemos realizar por grupos as nosas propias obras de arte que trouxemos connosco de volta á Ferrol.
E desta maneira, despois dunha longa pero ben empregada xornada en terras pontevedresas volvemos a Ferrol.






PRESENTACIÓN CON IMAXES DA EXCURSIÓN;
 ALGÚNS GRAVADOS FEITOS NO OBRADOIRO:

3 de feb. de 2013

Entrevista a Iria Grandal


RAÚL LOMBA MAROÑO (1º B Bach.)

Esta vez contamos cunha desas persoas que non fai falta que a presentemos. Non hai tanto, Iria Grandal esperaba nas míticas cadeiras verdes do noso Centro a que tocara o timbre e poder saír ao recreo ou irse para casa ao rematar unha dura mañá de estudo. Agora, Iria é unha das grandes promesas do deporte español e este verán cumpriu un soño que calquera deportista quere cumprir ao longo da súa carreira deportiva, participar nuns Xogos Olímpicos.


Iria Grandal en Londres xunto ao Támesis. Detrás, o Palacio de Westminster,
sede do Parlamento Británico coa súa Torre do Reloxo, o Big Ben.


—Boas, Iria, o tiro con arco non é un deses deportes que calquera neno ou nena queira practicar e menos aquí en Ferrol. Cal foi o motivo polo que escolliches este deporte?
Foi por tradición familiar, comezou miña nai a tirar, logo enganchouse o meu pai; meu irmán daquela facía fútbol sala e deixouno para tirar con arco. Eu non podía ser menos e aos 8 anos deixáronme coller un arco por primeira vez.

Iria Grandal co seu arco nos XX.OO. de Londres
—A túa clasificación para os Xogos Olímpicos de Londres foi unha sorpresa pola túa xuventude. O obxectivo era Río 2016 pero adiantácheste catro anos. Como foi a experiencia en Londres 2012?
Moi boa, aprendín moito, disfrutei como unha cativa e fortaleceume como persoa e como deportista para continuar co duro traballo outros catro anos máis.

—Nalgún momento, dende que te enteiraches de que Hyeonju Choi (ouro por equipos en Londres 2012) era a túa rival en dezaseisavos de final, pensaches que se decidiría nunha frecha de desempate?
Teño que dicir que prefería que gañara a italiana na eliminatoria de antes para poder enfrontarme a ela en lugar da coreana, pero sempre digo que as coreanas son as favoritas mais non son invencibles. Eu saín coa intención de gañar, coma sempre, e fun centrándome frecha a frecha, sen pensar nin tan sequera nunha frecha máis adiante da que estaba a tirar. É verdade que logo vas vendo que o tes máis doado o mais difícil, pero os deportistas sempre comezamos coa única idea da vitoria.

—Moitas ganas de que chegue Río 2016? Cal é o obxectivo?
Aínda queda moito tempo, non podería dicir cal é o obxectivo. En primeiro lugar, este ano teño cousas que arranxar que deixei de lado esta tempada pasada, logo pensaremos na clasificación e, se consigo clasificarme (que non é doado), poñereime un obxectivo, dependendo sempre do nivel e da traxectoria que leve a cabo estes anos.

—Parece que en tiro con arco, como en moitos deportes, só se compite cada catro anos cando chegan os Xogos Olímpicos pero nós sabemos que isto non é así. En que campionatos tes pensado participar?

Este ano en poucos, a crise afecta enormemente ao deporte español e case non hai cartos. Ademais, ao ser ano despois dos Xogos non é importante competir tanto. Gustaríame poder acudir ao Campionato do Mundo absoluto que é en outubro deste ano que vén, pero, como xa dixen, o máis importante para min é solucionar algúns problemas que teño dende hai tempo.

—En que pensa unha cando está no campo de tiro representando a España?

Só estaba a gozar; o meu adestrador, ben aconsellado pola psicóloga que temos, traballou moi ben e fixo que non me puxera nerviosa durante a competición.

—Saques de honor, fotografías, entrevistas… en que cambiou a túa vida?

No meu caso, en Ferrol e en Narón coñéceme máis xente, teño recoñecementos por deportistas ou organismos dedicados ao deporte como pode ser o Rácing ou o equipo de fútbol sala do Artilleros, do que son madriña. Aparte diso, a miña vida continúa a ser como era, hai que baixar da nube e poñerse a traballar outros catro anos máis.

—Deixando de lado o mundo do deporte, que recordos tes do “Masculino”?

Os mellores recordos supoño que son os bocadillos do “Canario” que aínda agora vou a mercalos cando veño a Ferrol e sobre todo o meu último ano aquí, nas clases de Latín con Inés, eramos tres persoas e ademais de aprender moitísimo, pasabámolo moi ben.

—Agora estudas periodismo en Madrid… É Iria unha boa estudante ou quedámonos coa Iria arqueira?

Os deportistas de alto nivel somos bos estudantes, mais non temos moito tempo para organizarnos. Gustaríame ter todo o tempo do mundo e sacar a carreira en catro anos. Nós non podemos facer iso, nos anos preolímpicos e olímpicos case deixamos de lado a Universidade para adestrar mañá e tarde. É duro pero temos que labrarnos un futuro, xa que o tiro con arco non nos dará de comer nun futuro.


Iria Grandal en Londres. Detrás, o Victoria Memorial e o Buckingham Palace.

Antes de rematar con esta pequena entrevista propóñoche facer estas preguntas curtas:

—No mundo do tiro con arco, cales son os teus ídolos?

Sung-Hyun Park, única arqueira de arco olímpico (tanto de mulleres coma de homes) en pasar dos 1400 puntos.

—Do cero ata o dez, que nota lle pos a Iria Grandal como deportista?

Agora mesmo un 6. Aos deportistas de alto nivel a xente poñeríanos un 10 polo esforzo e sacrificio, o que pasa é que nós non o vemos como sacrificio, gústanos o que facemos e facémolo por pracer. Sempre se pode dar un pouquichiño máis do 100%.

—Receita para o triúnfo:

Traballo, esforzo, paciencia e constancia. E despois, humildade.

— Carta branca:

Grazas por acordarvos da arqueira, aínda que xa pasaron meses dos Xogos Olímpicos. É un orgullo que na túa cidade a xente te recoñeza cando dis o teu nome e ver o apoio continúo agradézoo moitísimo. Sempre se necesita. Grazas.

11 de xan. de 2013

"Enrugas", a película

O pasado 18 de decembro, no marco da colaboración entre a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística e o Concello de Ferrol, alumnos de 1º de bacharelato do noso centro visitaron o Cine Dúplex para ver a película Enrugas. Algúns deles dannos a súa opinión sobre a obra nas seguintes recensións:

Dous fotogramas de Enrugas (2011), multi-
premiadofilme de animación 2D para publico
adulto, dirixido por Ignacio Ferreras e
producido en Galicia (Perro Verde Films).
 ALEXANDRE DACOSTA DIEHL 
(1º E BACH.)
Na miña opinión, a película Enrugas é moi útil para facer reflexionar a un e informalo sobre a realidade, porque eu, polo menos, antes de vela, non era moi consciente da situación dalgúns anciáns que viven encerrados nun Centro para a terceira idade. Xa tiña oído falar antes que en moitas destas residencias non trataban ben os anciáns que vivían nelas, pero tras ver a historia de Emilio, xunto ao seu compañeiro de cuarto, Miguel, abriume os ollos e fíxome pensar no monótona e triste que pode chegar a ser a vida nun Centro desta clase. Tamén a personaxe de Miguel, o compañeiro de cuarto e posterior amigo do protagonista, axuda a un a pensar en que as aparencias enganan e que alguén non ten por que ser o que pensamos a primeira vista, xa que Miguel parece vil e insensible en moitas ocasións, porque se aproveita da penosa situación e condición mental doutros anciáns para lucrarse. Todo isto fai pensar ao protagonista que a carteira, o reloxo e uns calcetíns llos roubaba este. Emilio descobre ao fin que el non lle roubara eses obxectos e fora cousa del mesmo, que comezara a padecer os primeiros síntomas do alzheimer, o que os gardara, á parte de que o compañeiro de cuarto demostra o seu aprecio por Emilio e o seu lado bondadoso intentando salvalo cando pensaba que este ía afogar.


No libro Enrugas, escrito e debuxado
por Pablo Roca (Premio Nacional de Cómic
 2008) está baseada a película do mesmo título
XEREZADE ANSEDES (1º E BACH.)
Enrugas é unha película producida coa colaboración da TVE e da TVG. Trátase dunha historia dramática, aínda que con tintes humorísticos, na cal se mostra o cruel efecto do paso do tempo e do avance da vellez, que aparece como un proceso devastador capaz de acabar cos recordos de toda unha vida.
O protagonista é Emilio, un home de avanzada idade que sofre Alzhéimer. Debido ao difícil que é coidar a alguén con esta enfermidade, o seu fillo ingrésao nunha residencia de anciáns. Alí, Emilio comproba as duras condicións da vellez e, ademais, ten que superar os problemas que lle causa a súa enfermidade. En todo momento estará acompañado de Miguel, un residente que sabe aproveitarse das situacións dos seus compañeiros en beneficio propio, e que irá cambiando de parecer e de forma de actuar ao ter que tratar coa enfermidade de Emilio.
Todo este proceso dramático culminará nun final algo positivo, no que Emilio acaba consumido pola súa enfermidade, pero ten a Miguel, que o coida en todo momento.
TAMARA BRAÑAS SEÑOR (1ºE Bach.)

O tema principal desta historia é o Alzheimer. O protagonista da película é un ancián que nos seus tempos mozos fora o director dunha sucursal de banco. A súa familia méteo nunha residencia de anciáns e é alí onde este personaxe se dá conta de que padece esta enfermidade. A min, persoalmente, paréceme unha historia moi triste, aínda que o realizador da película intenta darlle un toque de humor, poñéndoa en debuxos… 
ANTÍA GRUEIRO CHEDA (1ºE Bach.)

Chamoume a atención a escena na que unha señora estaba mirando pola ventá. Ela pensaba que ía viaxando nun tren. Imaxinábase que as persoas que entraban na habitación eran os revisores ou novos pasaxeiros. Ela invitou a pasar a viaxe ata a última parada á señora que entrara na habitación. Gustoume a forma de interpretar os últimos anos da vida co traxecto que fai o tren á última parada, a morte.



NOELIA RAÑAL CANOSA (1ºE Bach.)

Recomendaríalle esta película á xente máis nova, porque lles serviría para darse conta da situación que padecen estas persoas e incluso os seus familiares, e dos efectos que a vellez pode chegar a provocar nas persoas maiores.