RAÚL LOMBA MAROÑO (1º B Bach.)
Esta vez contamos cunha desas persoas que non fai falta que a presentemos. Non hai tanto, Iria Grandal esperaba nas míticas cadeiras verdes do noso Centro a que tocara o timbre e poder saír ao recreo ou irse para casa ao rematar unha dura mañá de estudo. Agora, Iria é unha das grandes promesas do deporte español e este verán cumpriu un soño que calquera deportista quere cumprir ao longo da súa carreira deportiva, participar nuns Xogos Olímpicos.
Iria Grandal en Londres xunto ao Támesis. Detrás, o Palacio de Westminster,
sede do Parlamento Británico coa súa Torre do Reloxo, o Big Ben.
|
—Boas, Iria, o tiro con arco non é un deses deportes que calquera neno ou nena queira practicar e menos aquí en Ferrol. Cal foi o motivo polo que escolliches este deporte?
Foi por tradición familiar, comezou miña nai a tirar, logo enganchouse o meu pai; meu irmán daquela facía fútbol sala e deixouno para tirar con arco. Eu non podía ser menos e aos 8 anos deixáronme coller un arco por primeira vez.
Iria Grandal co seu arco nos XX.OO. de Londres |
—A túa clasificación para os Xogos Olímpicos de Londres foi unha sorpresa pola túa xuventude. O obxectivo era Río 2016 pero adiantácheste catro anos. Como foi a experiencia en Londres 2012?
Moi boa, aprendín moito, disfrutei como unha cativa e fortaleceume como persoa e como deportista para continuar co duro traballo outros catro anos máis.
—Nalgún momento, dende que te enteiraches de que Hyeonju Choi (ouro por equipos en Londres 2012) era a túa rival en dezaseisavos de final, pensaches que se decidiría nunha frecha de desempate?
Teño que dicir que prefería que gañara a italiana na eliminatoria de antes para poder enfrontarme a ela en lugar da coreana, pero sempre digo que as coreanas son as favoritas mais non son invencibles. Eu saín coa intención de gañar, coma sempre, e fun centrándome frecha a frecha, sen pensar nin tan sequera nunha frecha máis adiante da que estaba a tirar. É verdade que logo vas vendo que o tes máis doado o mais difícil, pero os deportistas sempre comezamos coa única idea da vitoria.
—Moitas ganas de que chegue Río 2016? Cal é o obxectivo?
Aínda queda moito tempo, non podería dicir cal é o obxectivo. En primeiro lugar, este ano teño cousas que arranxar que deixei de lado esta tempada pasada, logo pensaremos na clasificación e, se consigo clasificarme (que non é doado), poñereime un obxectivo, dependendo sempre do nivel e da traxectoria que leve a cabo estes anos.
—Parece que en tiro con arco, como en moitos deportes, só se compite cada catro anos cando chegan os Xogos Olímpicos pero nós sabemos que isto non é así. En que campionatos tes pensado participar?
Este ano en poucos, a crise afecta enormemente ao deporte español e case non hai cartos. Ademais, ao ser ano despois dos Xogos non é importante competir tanto. Gustaríame poder acudir ao Campionato do Mundo absoluto que é en outubro deste ano que vén, pero, como xa dixen, o máis importante para min é solucionar algúns problemas que teño dende hai tempo.
—En que pensa unha cando está no campo de tiro representando a España?
Só estaba a gozar; o meu adestrador, ben aconsellado pola psicóloga que temos, traballou moi ben e fixo que non me puxera nerviosa durante a competición.
—Saques de honor, fotografías, entrevistas… en que cambiou a túa vida?
No meu caso, en Ferrol e en Narón coñéceme máis xente, teño recoñecementos por deportistas ou organismos dedicados ao deporte como pode ser o Rácing ou o equipo de fútbol sala do Artilleros, do que son madriña. Aparte diso, a miña vida continúa a ser como era, hai que baixar da nube e poñerse a traballar outros catro anos máis.
—Deixando de lado o mundo do deporte, que recordos tes do “Masculino”?
Os mellores recordos supoño que son os bocadillos do “Canario” que aínda agora vou a mercalos cando veño a Ferrol e sobre todo o meu último ano aquí, nas clases de Latín con Inés, eramos tres persoas e ademais de aprender moitísimo, pasabámolo moi ben.
—Agora estudas periodismo en Madrid… É Iria unha boa estudante ou quedámonos coa Iria arqueira?
Os deportistas de alto nivel somos bos estudantes, mais non temos moito tempo para organizarnos. Gustaríame ter todo o tempo do mundo e sacar a carreira en catro anos. Nós non podemos facer iso, nos anos preolímpicos e olímpicos case deixamos de lado a Universidade para adestrar mañá e tarde. É duro pero temos que labrarnos un futuro, xa que o tiro con arco non nos dará de comer nun futuro.
Iria Grandal en Londres. Detrás, o Victoria Memorial e o Buckingham Palace.
|
Antes de rematar con esta pequena entrevista propóñoche facer estas preguntas curtas:
—No mundo do tiro con arco, cales son os teus ídolos?
Sung-Hyun Park, única arqueira de arco olímpico (tanto de mulleres coma de homes) en pasar dos 1400 puntos.
—Do cero ata o dez, que nota lle pos a Iria Grandal como deportista?
Agora mesmo un 6. Aos deportistas de alto nivel a xente poñeríanos un 10 polo esforzo e sacrificio, o que pasa é que nós non o vemos como sacrificio, gústanos o que facemos e facémolo por pracer. Sempre se pode dar un pouquichiño máis do 100%.
—Receita para o triúnfo:
Traballo, esforzo, paciencia e constancia. E despois, humildade.
— Carta branca:
Grazas por acordarvos da arqueira, aínda que xa pasaron meses dos Xogos Olímpicos. É un orgullo que na túa cidade a xente te recoñeza cando dis o teu nome e ver o apoio continúo agradézoo moitísimo. Sempre se necesita. Grazas.
Un saludo y un beso enorme para Iria de su profesora de Latín Inés.
ResponderEliminarTe recuerdo con mucho cariño y sigo tu evolución sintiéndome muy orgullosa de haberte conocido.