19 de feb. de 2022

Comezou o Desafío Galego con Séchu Sende

O pasado xoves 17 de febreiro comezou o Desafío Galego con moito éxito. A actividade, organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, involucra ao alumnado de Bacharelato a comprometerse a cumprir obxectivos co fin de empregar e divulgar o idioma galego por todos os ámbitos sociais: escolar, familiar, virtual... 

Con algúns que se apuntaron a última hora, suman 223 os alumnos e alumnas dispostas!


Pulseiras que identifican aos implicados no Desafío.
Nota de prensa que publicou La Voz de Galicia anunciando o comezo da actividade
No acto de inauguración tivemos a fortuna de contar coa estimulante presenza de Séchu Sende no Salón de Actos.
Séchu Sende é narrador, poeta, filólogo, sociolingüista, autor teatral, activista social, promotor e dinamizador cultural, ilustrador, profesor de lingua e literatura galega... e -seguro que esquezo algo- tamén domador de pulgas! É que non para! 
O escritor falou do seu libro de relatos Made in Galiza, obra heteroxénea e atípica que supuxo, desde a súa publicación en 2007, todo un fenómeno social dentro e fóra das nosas fronteiras (Non hai fronteiras!). No libro, Sende aborda o conflito lingüístico con grande acerto, botando man de moitos e variados ingredientes: humor, ironía, lirismo, parodia, denuncia, realidade, fantasía... 
Como a obra é coñecida polo alumnado, pois está posta como libro de lectura en Segundo de bacharelato, Séchu relatou a orixe dalgúns relatos, elementos que influíron na súa conciencia e na súa reflexión sociolingüística.

Fíxose pouco o tempo para un tema tan importante. A ver se podemos contar con el outra vez en breve.

Foto de Sechu Sende durante a charla tirada por Jorge Meis.  
Acompaña a nota de prensa do Diario de Ferrol do 18 de febreiro.
O acto presentouno Marcos Abalde, profesor de Lingua e literatura Galega no noso centro e tamén escritor, dramaturgo e poeta.





CARTEL ANUNCIADOR E OUTRAS IMAXES DO ACTO DE INAUGURACIÓN
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario