10 de nov. de 2023

Taller de escritura


Gústache escribir? Pois non  perdas a ocasión de perfeccionar a túa mestría participando no Taller de escritura que organizamos este curso o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e que impartirá a nosa compañeira María, profesora de Lingua Galega e Literatura no instituto. 

Comezamos o vindeiro xoves 15 de novembro no 2º recreo na aula 46 (segundo andar). Reunirémonos cada quince días para propoñervos actividades coas que poñer en práctica técnicas de escritura que vos axuden a mellorar a vosa destreza, así como, facer un seguimento do voso traballo para presentar fermosas creacións literarias aos múltiples concursos que se organizan ao longo do ano académico e nos que se reparten marabillosos premios, tanto económicos como de material.

Non o penses máis e participa! Vémonos o próximo xoves 15 no 2º recreo na aula 46!

23 de out. de 2023

Concurso de epitafios

                                                    BASES DO CONCURSO


Epitafios en galego
é un concurso de elaboración de epitafios organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal para a celebración do Samaín 2023, dirixido ao alumnado, co obxectivo de incentivar e normalizar o uso da nosa lingua na creación artística.

1º Os epitafios elaboraranse en galego.

2º Cada alumna/o poderá participar unha soa vez.

3º Os epitafios poden ser creacións propias ou empregar citas célebres que teñan relación coa temática.


4º Permítese a decoración do modelo de lápida que se entrega para a elaboración do epitafio. 

5º A participación no concurso realizarase ata o día 30 de outubro. As/os participantes deberán:
    - Elaborar o modelo de lápida co seu epitafio.
    - Anotar o seu nome e grupo na parte posterior do modelo. 

Exporanse os epitafios para a súa visibilidade por parte da totalidade do persoal do instituto na biblioteca do instituto. Cada lápida será identificada cun número único que se empregará para a votación. 

7º No caso de que o número de epitafios exceda o espazo para a exposición, realizarase unha selección previa por parte do EDLG.

8º Xunto coa exposición, instalarase unha urna de votación, así como, papeletas para que cada membro da comunidade educativa poida emitir un único voto ao que considera o mellor epitafio. No caso de que unha mesma persoa emita máis dun voto, considerarase unicamente o primeiro voto que leve o seu nome que se extraia da urna.

9º Concederanse dous premios de 10€ en vales para consumo na cafetería do instituto aos dous epitafios con máis votos antes o 31 de outubro.

Se queres, podes ver a seguinte presentación para inspirarte no teu epitafio!!


Concurso de vídeo-contos de medo

BASES DO CONCURSO DE VÍDEO-CONTOS DE MEDO

#Instacontos de medo é un concurso de vídeo-contos orais de medo organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal para a celebración do Samaín 2023, dirixido a alumnado e profesorado, co obxectivo de incentivar e normalizar o uso oral da nosa lingua na creación e recreación de historias.

1º As historias contaranse en galego.

2ºAs historias poden ser de base popular, de base literaria ou creacións propias.

3º O relato oral do conto realizarase en vídeo. Pode presentarse un vídeo persoal no que as/os participantes se caractericen e/ou editen o vídeo mediante filtros, música, etc.; ou empregar o vídeo como material de apoio para o relato oral do conto por parte das/dos participantes.

4º As/os participantes concursarán individualmente ou en grupo, pero sempre respectando o tempo máximo de participación de 3 minutos. Poderán participar cun máximo dunha historia.

5º A inscrición no concurso realizarase antes do día 29 de outubro. As/os participantes deberán:

  • -  Seguir a conta de Instagram do EDLG: @foradeportas

  • -  Subir o vídeo a través da súa conta de Instagram, etiquetar a @foradeportas e empregar o

    hastag #instacontos

  • -  Debe figurar no pé da publicación o nome e apelidos e grupo das/dos participantes.

    6º Concederanse ao alumnado dous premios de 10€ en vales para consumo na cafetería do instituto aos dous #instacontos de medo con máis gústames antes do 1 de novembro.

22 de out. de 2023

III Certame Coreografíate

Este ano o noso centro vaise presentar ao Certame Coreografíate que organiza a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) en colaboración coa Deputación da Coruña, o cal xa vai pola terceira edición. 

As Bases do Certame podes lelas AQUÍ.

O evento é un apoio á música realizada en galego como forma de comunicación e divulgación da lingua e música galega.

Os ensaios do Grupo de Baile do IES Concepción Arenal terán lugar os martes e os xoves no primeiro recreo na Aula 46.

O xénero musical é de escolla libre. A canción que bailarán nesta edición as nosas rapazas e rapaces é "Lisístrata" de Casandra, que podes escoltar no seguinte vídeo:



14 de xuño de 2023

IX Certame Literario Carmela Loureiro

Desde o ano 2014, o Concello de Ferrol, a través da área de Normalización Lingüística en coordinación cos Equipos de Normalización Lingüística (CENL) de Ferrolterra, organiza o Certame Literario "Carmela Loureiro", para alumnado dos centros escolares non universitarios da cidade.

Este certame permite concursar na modalidade de microrrelato, micropoesía ou microteatro, con catro categorías en cada modalidade: primaria, 1º e 2º de ESO, 3º e 4º de ESO e Bacharelato e Ciclos formativos. Outra vez o IES Concepción Arenal conta con alumnado premiado no certame, que este ano vai pola IX edición

Carmela Loureiro foi unha profesora en Ferrolterra, presidenta da CENL durante anos, que dedicou o seu tempo e o seu saber á lingua e aos máis novos. A súa traxectoria persoal e profesional é un exemplo do labor anónimo e xeneroso de moitos profesionais do ensino na difusión da cultura e do idioma entre a mocidade. 

A entrega de premios será o día 21 de xuño ás 19.00 h. no Centro Cultural Torrente Ballester.

ALUMNADO PREMIADO

  • 1° premio de microrrelato para Miriam Veiga Díaz (2° G bach) polo relato "Tornouse en odio"
  • Accésit de microteatro para Elliot Bouza Dopico pola peza titulada "A confesión".

A entrega de premios será o día 21 de xuño ás 19.00 h. no Centro Cultural Torrente Ballester. Parabéns aos dous! 


TEXTOS PREMIADOS


TORNOUSE EN ODIO

Ás veces é difícil dicir a verdade. Iso foi o que pensou Renato cando se achegou ao corpo da súa muller na cociña. Non quería crer que a matara, pero os feitos eran evidentes.

Oxalá puidera retroceder no tempo e evitar a discusión. Pero agora era tarde. Tiña que enfrontarse á verdade e ás consecuencias dos seus actos. A policía viría axiña e non podería ocultar o que fixera.

Xa non había marcha atrás. O seu amor tornarase en odio nun momento de rabia. Renato lamentou o que fixera, pero agora tiña que asumir a súa culpa. A verdade era cruel, pero tiña que ser honesto consigo mesmo e coa súa muller. O asasinato fora a súa tráxica verdade.

 

Miriam Veiga Díaz

 


A CONFESIÓN

Personaxes:  Brais e Adrián

Lugar: Sala de interrogatorios policiais

 

Escena 1:

(Brais, angustiado e chorando, está sentado nunha cadeira nunha sala de interrogatorios da policía. Entra Adrián, un detective e senta diante del.)

Adrián: (sentando) Ben, comecemos polo principio. Cóntame o que pasou.

Brais: (chorando) Non podo crer que o fixera. Mateino.

Adrián: (sorprendido) A quen mataches?

Brais: (bufando) Á miña exparella. Non puiden máis. Era abusivo, controlador. Un só minuto máis dese inferno e podería que atentase contra a miña vida. (Algo axitado e nervioso)

Adrián: (asentindo) Ei, tranquilo rapaz, agora estas a salvo. Comecemos polo principio. Que te levou ao asasinato?

Brais: (tremendo) Sempre estaba enfadado, sempre criticándome, facéndome sentir que nunca fun suficiente. Tentei deixalo moitas veces, pero sempre me atopou, sempre me ameazou, quería acabar comigo e coa miña familia... Non sabía que facer.

Adrián: (escéptico) E por iso o mataches?

Brais: (cos ollos baixos) Si.

Adrián: (inclinándose) Brais, por que viñeches aquí? Para confesar?

Brais: (saloucando) Xa non podía vivir coa culpa. Necesitaba dicirllo a alguén, confesar. Síntoo moito.

Adrián: (tomando notas) Vale, continuaremos esta investigación. Grazas pola túa honestidade.

 

Escena 2:

(Días despois, Brais está de volta na sala de interrogatorios, esta vez sen Adrián. Está máis tranquilo, máis composto)

Adrián: (entrando) Bos días, Brais. Como te sentes?

Brais: (asentindo) Estou ben, máis tranquilo.

Adrián: (en serio) Necesito facerche algunhas preguntas máis sobre a noite do asasinato.

Brais: (asentindo de novo) Está ben.

Adrián: (inclinándose) Necesito saber se houbo outros factores implicados na túa decisión de matar o teu ex.

Brais: (facendo unha pausa, logo falando lentamente) Descubrira que estaba a ver a outra persoa. Ameazou con matarme a min, ao meu amante e á miña familia se non volvía con el. Tiña medo. Non sabía que máis facer.

Adrián: (asentindo) Xa vexo. Podes dicirme máis sobre a persoa que estabas vendo?

Brais: (sorrindo debilmente) Era marabilloso.  Amable, cariñoso, todo o que o meu ex non era. El entendíame, tratoume como un igual. Sentín que estivese vivo por primeira vez en anos.

Adrián: (estudándoo) E como coñeciches a esta persoa?

Brais: (dubida) A través do traballo. Era o meu colega.

Adrián: (asentindo) Xa vexo, e que foi o que fixo que fósedes máis que iso?

Brais: (cun sorriso) Puiden ser sincero con el, dalgunha forma sentín que non ía xulgarme por ser quen era.  Veño dunha familia algo conservadora, os meus amigos do colexio sempre se burlaron de min e da miña orientación sexual. El facíame sentir comprendido, non me sentía inferior, non sentía que estivese mal, era un alivio pasar tempo con el e ser quen era sen que me xulgasen. Namoreime perdidamente. Saiamos ás escondidas cando rematabamos a xornada e iamos pasear onde ninguén nos fose atopar.  A adrenalina facíame sentir libre. Por primeira vez sentíame feliz, por primeira vez non tiña medo de expresarme... Todo era como eu sempre quixen que fose.

Adrián: (contaxiándose do sorriso) É unha bonita historia dende logo.

Brais: (borrando lentamente o sorriso e vendo aos ollos ao policía) Que vai pasar comigo?

Adrián: (suspira) Lamentablemente aínda que fose por motivo de defensa, non vas poder evitar o cárcere, con todo, o feito de que confesases si que vai reducir o tempo de condena. Aconsélloche conseguir un bo avogado.

Brais: (asentindo desanimado) Ben... Grazas por escoitarme, necesitaba soltalo todo.

(Adrián dedícalle un pequeno sorriso e sae da sala de interrogatorios para falar cun compañeiro.)

Adrián: A historia non é real. Este home traballa como escritor desde casa, hai alguén máis relacionado con isto e óleme a que podería ser o verdadeiro asasino.

Elliot Bouza Dopico


12 de xuño de 2023

Representación de "Quen non debe namorarse arestora"

O pasado día 9 de xuño no Salón de Actos do noso centro, o Obradoiro de Teatro do IES Concepción Arenal Bacharelato que dirixe Belén Roca Fortúnez, estreou a obra "Quen non debe enamorarse arestora".
Belén Roca, autora da obra, tomando como modelo a obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse, e empregando tamén a estrutura de tres actos e un epílogo, introdúcenos, cambiando os tempos, as idades, e sobre todo as vítimas e os verdugos, na problemática creada no mundo das conflitivas relacións entre a mocidade. 
A seguir tes distintas imaxes da representación (vista panorámica) e do grupo de teatro. As fotografías foron tiradas por Ángel Marino, Cruz Pena e Elvira Roiz. Para unha adecuada visualización pon en modo web (opción que ofrece blogger ao final de páxia) e voltea o móbil para ver a imaxe horizontal. Logo preme enriba para cambia de imaxe.

2 de xuño de 2023

Matrículas de Honra 2023

Onte xoves, dous de xuño, foron entregadas doce Matrículas de Honra de Final de Bacharelato no presente curso escolar 2022-2023. Felicitamos o alumnado premiado e tamén ás outras doce persoas que igualmente obtiveron unha media de sobresaliente, e que, por só unhas décimas, ficaron ás portas de conseguir a matrícula. 

Os nomes das destacadas alumnas (dez de doce!) e dos alumnos que obtiveron este recoñecemento son:

 

Raquel López García (Bac 2ºA)

Paula Martínez Rivera (Bac 2ºA)

Pedro Filgueiras Tenreiro (Bac 2ºC)

Alberto Soto Cantero (Bac 2ºA)

Laura Marchal da Silva (Bac 2ºG)

María Rodríguez Fuertes (Bac 2ºA)

Carmen Carracedo Fernández (Bac 2ºI)

Marina Pajón Area (Bac 2ºB)

Noa Cortizas Fernández (Bac 2ºG)

Carolina Gómez Pita (Bac 2ºA)

Lucía Oseira Amado (Bac 2ºA)

Alba Díaz-Caneja López (Bac 2ºH)

 

Parabéns por esta honra tan merecida!!! Desexámosvos un venturoso futuro e agardamos que gardedes un grato recordo do tempo que pasastes entre nós. 

 

Nas fotografías aparece o alumnado galardoado xunto a Manuel Rei Romeu, Director do IES Concepción Arenal.

 






22 de maio de 2023

Encontro con Eva Mejuto

O Equipo de Dinamización Lingüística do Centro en colaboración coa Biblioteca Saturnino Hermida organiza para o mércores 24 de maio unha charla coa escritora Eva Mejuto Rial (Sanxenxo, 1975). A autora recibiu importantes premios nas categorías infantil, xuvenil e de divulgación. Ao alumnado de 3º da ESO falarálle da súa novela Memorias do silencio, publicada por Xerais en 2019, que se desenvolve en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial.


 

16 de maio de 2023

Fernández del Riego, Letras Galegas 2023

O Día das Letras Galegas dedícase este ano a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010). O Departamento de Lingua e Literatura do centro quere honrar, como todos os anos, a figura homenaxeada coa elaboración dunha presentación didáctica que achegue a súa vida e a súa obra.

10 de abr. de 2023

Mario Brión, "Olaxonmario", padriño do Desafío galego 2023

O IES Concepción Arenal ofrece un obradoiro sobre creación cultural e dixital contemporánea en galego. A actividade está dirixida ao alumnado participante do Desafío galego co obxectivo de dar a coñecer as vantaxes e oportunidades que ofrece a creación dixital e cultural en lingua galega.

O padriño do Desafío galego 2023 e responsable de impartir o obradoiro é o youtuber Mario Brión, máis coñecido como "Olaxonmario", proposto aos premios Mestre Mateo 2023 na categoría de Mellor Comunicador e premiado no Certame Youtubeiras nos anos 2020 e 2021, así como co Premio Meendinho 2022 pola súa actividade de divulgación cultural galega na rede.

A actividade terá lugar o mércores 12 de abril, ás 11.20 h.no salón de actos do IES Concepción Arenal. As persoas que participen coñecerán a evolución da creación musical e audiovisual contemporánea en lingua galega así como os novos medios e soportes ofrecen para a creación en galego e difusión do contido, xunto cos certames e proxectos dispoñibles para a súa participación. Certame Youtubeiras, Podgalego, Twitter, Twitch...




274 alumnos do IES Concepción Arenal participan no Desafio galego


Do martes 11 ao venres 21 de abril terá lugar unha nova edición do Desafio galego. O curso pasado tivo unha grande acollida tanto no alumnado como no profesorado esta iniciativa promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal, por iso decidimos realizala en 2023.

Nesta edición apuntáronse 274 alumnos e alumnas de bacharelato e ciclos. Durante estes dez días o estudantado comprométese ao uso da lingua galega entre as persoas participantes e a galeguizar as redes sociais. Ademais son propostos uns obxectivos concretos para estenderen o idioma propio de Galicia a todos os ámbitos (escolar, familiar, virtual...). Para esta edición contaremos como padriño o youtuber Mario Brión, máis coñecido como "Olaxonmario". O mércores 12 ás 11.20h no salón de actos realizará un obradoiro sobre creación cultural e dixital contemporánea en galego denominado "Gallaecia Pop". O Desafio galego concluirá o venres 21 de abril cunha xornada de convivencia nas Fragas do Eume onde visitaremos o mosteiro de Caaveiro, un lugar privilexiado para comprendermos o vencello intrínseco entre a diversidade biolóxica e lingüística.

Dous dos carteis que visibilizan no noso centro o compromiso coa lingua do alumnado: arriba, un verso de Novoneyra; abaixo, unha frase de Castelao.

Compromiso de participación

O Desafío galego é un proxecto de innovación educativa. As persoas participantes forman unha comunidade de aprendizaxe co obxectivo de soster durante dez días un espazo seguro para lingua. O alumnado acepta de xeito voluntario e responsable un novo acordo lingüístico que o converte nun axente activo a prol do galego. Do martes 11 ao venres 21 de abril comprométese a:

1. Levar unha pulseira identificativa.
2. Empregar o galego en todo momento coas persoas participantes do Desafío galego.
3. Galeguizar as redes sociais (whatsapp, instagram, tiktok, twitter...) e divulgar contidos en galego (grupos de música, youtubeiros, filmes, publicacións, noticias...) co cancelo #DesafíoGalego.
4. Ampliar os ámbitos de uso da lingua a medida que avance o Desafío galego. A proposta de cronograma é a seguinte para os seguintes días de abril.





5. Entregar unha reflexión (mín. 300 palabras) sobre a experiencia no Desafío galego e cubrir unha enquisa de valoración.

Outro dos carteis do #DesafíoGalego: "O Futuro non é vai pasar senón o que imos
 facer", sentenza que se popularizou coas pancartas das manifestacións de Nunca máis.





13 de mar. de 2023

Nova edición do #DesafíoGalego

Do martes 11 ao venres 21 de abril terá lugar unha nova edición do #DesafíoGalego. Esta iniciativa do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro tivo o curso pasado unha grande acollida no alumnado desde o principio até o remate, no inesquecible concerto de O Rabelo. Tal foi o éxito que este curso decidimos realizar unha nova edición.

Co #Desafío Galego marcáronse uns obxectivos concretos para estenderen o idioma propio de Galicia, tan neesitado de novos azos,  a todos os ámbitos (escolar, familiar, virtual...). Trátase dun un reto que asume o alumnado voluntariamente. Durante dez días comprométese a usar a lingua galega e a galeguizar as súas redes sociais. O #DesafíoGalego concluirá o venres 21 de abril cunha xornada de convivencia no Parqque natural da Fragas do Eume onde será visitado o mosteiro de Caaveiro, fundado no século XII para acoller a relixiosos anacoretas, nun entorno paisaxístico incomparable.

28 de feb. de 2023

ALUMNADO PREMIADO NO CERTAME "POESÍA E IMAXE"

Xa temos gañadores e gañadoras do XXIII Certame POESÍA E IMAXE" en Galego sen filtro" no noso centro:

- Traballo colectivo de alumnado de 1º A ESO sobre o poema "Ollos", escrito pola mexicana Nadia López García (Tiaxiaco, Oaxaca, 1992) en mixteco, lingua indíxena de sur de México. Foi elaborado por María López Villar, Matilda Calvo Manso, Diego Barreiro Montero e Irene Piñón García.

LINGUA MIXTECA 

NTUCHINUU

Me mayu kachi ñaa naan ntuchinuuu matsa ́nu.
ntakuiniyu nishikaa ntuchinui mini katsi ñaa nuni.
Keenchua ntisiniyu ña tsaakuña kuaku,
sansoo tsaakuña ta seei ncheei
ta kata,
ta skai cafe.
Nintakatuuñaa nuvaa ¿Sakunchuaku maa?
Kasha ña sicaso yuha inikó kuaku:
yeenu kanara
nchaa ́ka kuanu yuchaku.
Vichi kuñaa nikunta ini yuu
Vichi sika yucha iniyu
ra me ntuchinuu.

 

TRADUCIÓN: OLLOS

Miña nai di que teño os ollos da miña bisavoa,
lembro os seus ollos mentres limpaba millo.
Moitas veces vina chorar,
chorar cando cociñaba,
cando cantaba,
cando poñía café.
É certo, pregunteille, por que choras tanto mamá?
E ela dicíame, así, sen deixar de chorar:
porque nosoutras temos ríos dentro
e ás veces saen,
0s teus ríos aínda non medran,
pero pronto o farán.
Agora compréndoo todo,
agora teño ríos en min
e nos meus ollos.

 

- Antonio Toval Rodríguez de 2º G foi premiado pola súa obra inspirada nun fragmento do poema "Amar é a única forma de vida" de Biaggio Guerrera (Catania, 1965), escrito en siciliano.

LINGUA SICILIANA 


Amari jè lúnica forma ri vita

 

manu, ucca

uci, bamminu

u munnu jè na cosa ca si tocca

 

isula, alivu

ventu, lumia

u munnu jè na cosa ca si ciauria

 

mari, cielu

nuvula, muntagna

rapemu i vrazza

taliamu luntanu

 

 

Tradución: 

Amar é a única forma de vida 

 

man, boca

voz, neno

o mundo é unha cousa que se toca

 

illa, oliveira

vento, limón

o mundo é unha cousa que se ole.

 

mar, ceo

nube, montaña

abramos os brazos

miremos ao lonxe


Parabéns aos artistas!  Son dous traballos fermosísimos.

 

 

19 de feb. de 2023

Día de Rosalía 2023

O Día de Rosalía de Castro, a escritora máis emblemática das nosas letras, converteuse nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego. Até o ano pasado, celebrábase o 24 de febreiro, día do seu bautismo, mais a efeméride foi adiantada ao 23 de febreiro tras a aparición de nova documentación que desvelou a data real de nacemento. Nós celebramos os dous días.

23 de febreiro

No vestíbulo: proxección de vídeos e poemas musicados de fondo.

Nas aulas: vídeos, poemas musicados, lecturas, Kahoot…


24 de febreiro

No Salón de Actos: lecturas dos seus poemas a cargo do alumnado da ESO:

9.20 h. 1° ESO (Iolanda Vila) 

10.30 h. 3° ESO (Marián Filgueiras)

11,20 h. 4° ESO (Noelia Engroba)

12.30 h. 2° ESO (Noelia Engroba)

ENLACES A POEMAS MUSICADOS

IGNOTUS (Ver animación. 15 minutos) 

Curtametraxe de animación con personaxes de plastilina inspirada nun conto orixinal de Manuel Murguía, “Un artista” (Madrid, 1853), publicado logo co título de “Ignotus” en Los Precursores (1886). Está baseado nunha historia que lle contou Rosalía ao seu marido. Dirección: Virginia Curiá e Tomás Conde. Guión: Daniel Domínguez. Música: Gastón Rodríguez. Produción: Algarabía Animación, Lúa Films e TVG. Ano: 2000. Un neno orfo consegue sobrevivir a fame negra de 1853 coa axuda de Rosalía.

ESTUDOS SOBRE A OBRA DE ROSALIA

OUTROS ENLACES:

POEMAS COMENTADOS