O mércores 14 de decembro tivemos a fortuna de contar coa presenza do profesor Francisco Rodríguez que veu ao noso centro para dar unha charla sobre "O reino medieval galego".
Francisco Rodríguez Sánchez naceu en Serantes (Ferrol) en 1945 e foi alumno do noso centro. Doutor en Filoloxía Románica e catedrático de Lingua e Literatura española, Rodríguez é un crítico literario de prestixio incontestable. Os seus ensaios sobre Rosalía, Curros Enríquez ou Blanco Amor supuxeron un fito histórico, pois marcaron un antes e un despois na visión que se tiña destes grandes escritores. Foi tamén un incansable político: un home que foi militante nacionalista clandestino durante o franquismo, que sufriu desterro e prisión, que foi deputado polo BNG no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados...
Neste ano 2022 que vai rematar, publicou dous densos e rigorosamente documentados tomos sobre o reino galego medieval. Coa vontade de combater a ignorancia colectiva sobre o noso pasado medieval e co título xenérico de Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza, tanto o tomo I: A relevancia do Reino Galego Medieval, como o tomo II, Un reino con clase dirixente, afondan no coñecemento sobre a nosa historia nos séculos XIII e XIV, e pon o acento nas deformacións e ocultacións intencionadas que sobre ese período se teñen producido.
Francisco Rodríguez, que estudou Historia e Filoloxía Románica na Universidade de Madrid, considérase, máis que filólogo, un historiador que se dedicou a aspectos relevantes da literatura galega ou á situación sociopolítica do galego. Sostén que moitas claves para explicar a situación da Galicia actual débense buscar na Baixa Idade Media, ese período crítico tan mal estudado.
A charla, seguida moi atentamente por un alumnado de Primeiro de bacharelato que enchía o Salón de Actos, aínda que ocupou o tempo de dúas clases, ficou curta. Revelou moitos datos que ignoran os nosos libros de historia; deitou luz sobre unha verdade histórica anulada, sobre a existencia dun pobo galego cunha realidade de seu, específica, con dereitos. Falou da catedral románico-gótica de Compostela, cunha localización e grandeza totalmente inexplicable sen a existencia previa dun reino importante, o galego. Falou da importancia dos reis galegos, algún dos cales, Fernando II e Afonso VIII, patrocinadores do Pórtico da Gloria e que están soterrados no Panteón Real da Catedral; falou tamén de intrigas de poder, de cronistas que ocultan datos en pro da grandeza do reino de Castela que preferiu a denominación de Reino de Asturias, aínda que todo o peso político, demográfico e cultural estivera en Galicia.
Presentaron o acto dous profesores de galego. Logo dunha breve introdución de Manuel Rei, quen tivo a sorte de ser alumno -avantaxado- de Francisco Rodríguez cando este era profesor no instituto da Estrada (Pontevedra), falou logo con máis demora, o profesor Marcos Abalde, quen fixo unha moi interesante introdución á charla.
E, ao remate, quedamos con ganas de máis. Agardamos que Francisco Rodríguez poida volver outro día para desvelarnos máis datos descoñecidos sobre o noso pasado, vítima da obstinada ocultación, da terxiversación interesada, e mesmo da ignorancia que acompaña a historiografía españolista dominante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario