21 de dec. de 2012

José Luís Allegue

RAÚL LOMBA MAROÑO (1º B Bach.)

Hoxe contamos coa presenza de José Luís Allegue. O noso ex-alumno é agora o director dunha web deportiva que recibe o nome de Tribuna Deportiva. Esta web está pensada  para os amantes do deporte en xeral, xa que dispón dunha ampla gama de información acerca de calquera tipo de deporte. Dende aquí  convidámosvos a todos  a que cando rematedes de ler esta entrevista fagades un click no seguinte link:
www.tribunadeportiva.es
e ver o traballo que fan Jose, os seus compañeiros e compañeiras.
Allegue entrevistando ao ciclista Alberto Contador
Cando paseabas polos corredores do “Masculino” xa tiñas en mente o de estudar periodismo ou foi unha decisión de última hora?
O tema do xornalismo é algo que teño en mente dende que teño memoria. Cando era moi pequeno, quería ser futbolista, como moitos, pero como sabía que a cousa estaba complicada,  dubidaba entre dúas cousas: ser xornalista, ou detective secreto, aínda que o último era máis ben por iso de ter unha opción"B", tiña claro que o que quería era comunicar. De feito, cando estaba en 6º de primaria, escribín o meu primeiro artigo para a revista do meu colexio, “Cristo Rey”. Acórdome como se fose onte, titulábase: "El Depor, un punto negro en la historia de la Champions", e trataba  da derrota dos coruñeses fronte ao Mónaco en Champions (8-3).
Como xurdiu a idea de Tribuna Deportiva?
Eu estudo  Xornalismo en Salamanca. Alí, dende que cheguei, púxenme a facer prácticas en medios de comunicación e, en segundo, comecei a traballar nun xornal dixital: www.massalamanca.es. Paralelamente, colaboraba noutra web, nunha radio dixital e un xornal mensual, pero estaba máis centrado en MÁSSalamanca, xa que, malia ser  un medio humilde, deume moitas oportunidades de crecer e cubrir grandes eventos como a Copa da Raíña de baloncesto feminino en Arganda del Rey (Madrid), La Vuelta a Castilla y León de ciclismo, ou o Campionato de España. 
Allegue e o xornalista
deportivo Tomás Guasch
 Durante este tempo, ademais de todo iso, eu tamén escribía sobre deporte (a miña paixón) no meu blogue (www.once-contra-once.blogspot.com). Cando remataba o curso, aló por maio deste ano, o meu xefe, que xa é un amigo e un socio, propúxome cambiar o deseño do blogue e facelo máis moderno. A partir de aí, a cousa desvariou, díxenlle o da páxina como por dicir e  finalmente  acabou convencéndome para levar o proxecto a cabo. Busquei colaboradores e púxenme a traballar; podemos dicir que a culpa de que Tribuna Deportiva sexa unha realidade é de 'Once Contra Once'. 
Conseguir levar adiante este proxecto e contar co apoio con que contas é un soño feito realidade?
Home,  está claro que, polo menos, é un soño feito realidade; non o único, pero si un deles. Tribuna Deportiva son moitas horas de traballo e nunca se sabe ata onde poderemos chegar, así que trataremos de "liala parda" neste mundiño. Aproveitando isto, quero agradecer a axuda desinteresada dunha enorme lista de colaboradores de gran calidade, xa que, sen eles, isto non sería posíbel.
Marcaches algún obxectivo de cara  ao futuro?
Bufff, esta é unha pregunta máis complexa do que parece. Neste tempo, e vendo como a crise afecta  o xornalismo, o único obxectivo que teño  é tratar de mellorar cada día. Eu fago isto por gusto e por pracer, vivo para o deporte e síntome moi ben tendo baixo o meu mando un sitio web como este. A curto prazo, teño unha cousa en mente, e penso que en xaneiro será unha realidade. A partir de aí, día tras día, hai que traballar para gustarlle a toda a xente posíbel. Sei que TD non vai ser o Marca nin o AS, de feito  non quero que o sexa. Para min, polo de agora, é suficiente ler comentarios e tuits que nos felicitan polo traballo. Esta entrevista é unha mostra de que estamos a facer ben as cousas dende aquel 29 de xuño de 2012.
José Luís Allegue e o músico Carlos Jean
Neste mundo das webs deportivas, ¿que cres que fai falta para triunfar?
 Eu, dende a miña humilde opinión, creo que para triunfar nesto fan falta tres cousas: traballo, especialización e sorte. Chegar  ao público cando non tes cartos nin medios de difusión é complexo, así que hai que compensalo con traballo, moitísimas horas de traballo. Por outra banda está a especialización, algo sobre o que me abriu os ollos un recoñecido xornalista da comarca, Xan Morales, a quen lle agradezo moito o tempo que desinteresadamente me dedica sempre que pode dende que o coñecín no verán de 2011 cando presentei con Óscar Martínez (o rapaz de Radio Marca Coruña) o programa de deportes de Ártabra FM. Por último, fai falta sorte, xa que, por moito que traballes, nesta profesión é necesario estar no momento e lugar axeitado para que as cousas camiñen por onde teñen que camiñar.
Ao realizar entrevistas seguro que coñeciches a moitos deportistas. Algún que te sorprendera? Cal foi o que más ilusión che fixo coñecer?
Penso que a entrevista é o xénero no que máis estou gozando  dende que estudo Xornalismo. Por sorte, e grazas ao meu traballo, xa entrevistei a moita xente á que nunca pensei que podería acceder tan rápido. A min, que son un apaixonado do ciclismo, gústame presumir de que tiven a oportunidade de entrevistar persoalmente a catro gañadores do Tour de Francia: Carlos Sastre, Perico Delgado, Óscar Pereiro (unha persoa digna de coñecer e tremendamente simpático) e Alberto Contador, quen, sen dúbida, foi o que máis me impresionou, xa que tiven a oportunidade de falar con el durante a sanción por dopaxe, e nese tempo non atendeu a moitos xornalistas. No mundo do ciclismo, entrevistei a moita máis xente, dos que tamén me gustaría destacar a homes como Francisco Ventoso, Alejandro Valverde, Luis Ángel Maté ou Luis León Sánchez, que son unhas auténticas xoias.
Fóra de aí, tamén teño grandes recordos dalgunhas entrevista a outros deportistas como Javi Gómez Noya, Iria Grandal, Isa Sánchez ou Marta Fernández, unha persoa que me sorprendeu moitísimo polo boa que é e a súa admiración por Rudy, o seu irmán. Ademais, do mundo do deporte, tamén entrevistei a xornalistas cos que teño relación e que me botan unha man sempre que poden, caso de Maldini, David Labrador, Josu Garai, Laura Meseguer...
Pero non vaias  pensar que só entrevisto a deportistas! Tamén teño grandes recordos dunha entrevista con Carlos Jean e, sobre todo, unha con Juan Miguel Montilla, 'O Langui', con quen pouco me faltou para ir tomar unhas copas.
O seleccionador da Seleccción Española de
Fútbol Vicente del Bosque e José Luís Allegue.
En Tribuna Deportiva ten Diego Rivas (nacido en Narón, actual porteiro do Elche, líder da Segunda División Española) un blogue e escribe artigos que acercan o fútbol aos afeccionados. Un pracer poder contar con xente coma Diego en TD,  non?
Está claro. Diego é un gran rapaz, e sempre que se  lle pide algo accede ao momento. No caso do blogue, falei con el e a idea entusiasmouno moitísimo; é un luxo contar con el. O mellor é que non é o único, hai moita xente ''famosa'' que xa colaborou con blogue, e iso quere dicir que lles gusta o proxecto. Non podemos esquecer o espazo que  Jorge Escorial (Cadena SER) ten na web, nin as colaboracións de periodistas como Adrián Candalou Alberto Pérez, que tamén son da Cadena Ser.

Calidades e defectos de TD
Defectos hai moitos. Somos un sitio web formado  por  xente moi nova e, a inmensa maioría de nós, non temos a experiencia que  ás veces  é necesaria. Tamén pode que non esteamos a ofrecer unha gran cantidade de contidos, pero ese é un camiño que iremos facendo co tempo. No que se refire ás calidades, penso que o deseño que temos e os contidos que ofrecemos nos diferencian do resto. Son novas ou reportaxes que tratan de desmarcarse da fervente actualidade, algo que non é moi habitual na rede. Ese é un dos nosos puntos fortes, pero temos que corrixir moitos erros.
Tribuna Deportiva ten seccións especiais de
fútbol, ciclismo, tenis, básquet e motor, pero
ocúpase de todos os deportes.
Para poder levar adiante un páxina web necesítase  moito tempo, é posíbel compaxinar  o tempo que leva dedicarse a isto cos estudos?
É posíbel, pero tes que renunciar a outras cousas. Normalmente, quitarlle horas ao sono acostuma ser una boa “solución” para termos a web ao día; aínda que é importante ter claro que,  a á fin e a o cabo, o importante son os estudos, e teñen  prioridade sobre todo. No meu caso, teño  ordenador aceso todo o día. No navega  dor, a intranet da web, as redes sociais e a propia web están todo o día funcionando e, moitas veces, teño que perder festas  ou paseos por mor de ter o portal ao día. Ademais, posto que estou de ERASMUS en Bélxica, a cousa complícase se cabe un pouco máis.
Cales foron os motivos polos que te decidiches a escribir sobre deportes e non sobre outro tema?
O deporte é a miña paixón, ese é o principal motivo. Dende pequeno, "radiaba" os partidos de fútbol que vía pola televisión e agora estudo para facelo a gran escala. Ademais, sempre xoguei ao  fútbol, primeiro no San Rosendo, logo no Rácing e, por último, no Val; non quería desvincularme deste mundiño as í que optei polo periodismo deportivo. De todas formas, non é o único que me gusta e non pecho portas, non estamos en condicións de pechalas. Este verán  traballei  nos informativos de Radio Voz  e non me desgustou, de feito, agora teño un pequeno espazo na rede paro opinar de política e actualidade social. Penso que, pese a que é importante especializarse nun tema, non debemos pecharnos portas tan pronto, hai que querer aprender e saber de todo.
Para rematar con esta entrevista propuxemos a Jose facer un pequeno test sobre o noso Instituto. Aquí tedes as respostas:
- Algún profesor  ao que destacar: Sempre me levei moi ben con Inés, a profesora de Latín. Ademais, dando clase, gustábame moito Ángeles Seoane, con quen aprendín un montón, e Chelo, que fixo que me namorase da súa materia: Historia da Arte.
- Non te cortes, algún profesor dos que non queres que che toquen: María José Leira. Non por nada, pero a súa materia (CMC), parecíame un auténtico “tostón” . Eu elixín o Bacharelato de letras puras, e non me gustou nada ter que dar esa materia.
- Materia preferida: Isto é un pouco como o dos profesores: Lingua Castelá e Historia da Arte.
- Materias que non botas de menos: Ciencias para o Mundo Contemporáneo, Historia (aínda que Conchi, a profe, si que me gustaba) e Grego.
- Levas amigos ou inimigos?  Amigos e algún que outro inimigo, pero, sobre todo, o primeiro.
- Balance positivo ou negativo? Positivo. Cheguei  ao Masculino sen coñecer  a ninguén e funme de alí con amigos, experiencias únicas, unha gran viaxe de fin de curso e moitos coñecementos novos.
- Carta branca: Graciñas por pensar en min para entrevistarme. É un pracer poder colaborar en cousas do Instituto, xa que me trae grandes recordos. Simplemente, quero desexarvos moita sorte co proxecto e invitarvos a visitar www.tribunadeportiva.es. Unha aperta!

10 de dec. de 2012

Visita a Compostela


Co motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2013 dedicado a Roberto Vidal Bolaño, o Equipo de Normalización Lingüística do IES "Concepción Arenal" organizou unha excusión á cidade do dramaturgo o pasado 25 de outubro. O alumnado de bacharelato, acompañados por varios profesores, visitou a Cidade da Cultura (polémico complexo arquitéctonico construído Monte Gaiás e deseñado por Peter Eisenman), as cubertas da Catedral (desde onde se goza dunha fermosa panorámica da capital galega) e o Museo do Pobo Galego (onde se atopa o Panteón de Galegos Ilustres, lugar onde descansan os restos, entre outros, de Rosalía de Castro).
As fotografías –algunhas moi fermosas e de grande calidade– que podes ver na seguinte presentación son de Marina Perez Zamora, Celia López Rodríguez, Ana Dopico Corral, Ánxeles Seoane Fernández e Cruz Pena Penabad.

7 de dec. de 2012

"O fútbol é así"

ESPERANZA VÁZQUEZ DOPICO. 2º F BACH.
Gozar coa obra “O Fútbol é así”, actividade organizada polo Departamento de Normalización o pasado mes de novembro, foi para min un privilexio. Poder aprender cousas novas e, sobre todo, asistir a unha representación teatral  foi algo moi especial debido ao amor que sinto polo teatro.
Unha das moitas ideas equivocadas que ten a maioría da xente sobre o prestixio da obra, é asociar o éxito ou unha grande representación  cos cartos invertidos, o número de actores, o vestiario ou os espectaculares escenarios…, algo que en moitos casos é ficticio ou pouco relevante como se demostra nesta obra montada con moi poucos medios económicos,  a cal ten como obxectivo poder transmitir ao público a mensaxe do que é o mundo do fútbol, un mundo asociado coa idea machista en moitos casos, que se sobrepón aos diferentes problemas que pode ter a sociedade  paralizándose por un encontro deportivo no que a única figura protagonista é o mellor xogador de cada equipo sen dar a oportunidade a outros xogadores menos relevantes. 
Sen dúbida somos poucos  os que valoramos a obra sen fixarnos na simple aparencia.
Unha vez vista a representación creo que hai que destacar o gran traballo que realizan os actores, posto que só dúas persoas con sinxelos cambios de vestiario son capaces de transformarse en personaxes totalmente diferentes.
Tamén penso que a idea da música para marcar o tempo de cada suceso ou cantar na maioría dos casos o ocorrido na escena fai que a obra sexa moito máis amena e capte antes a atención do público.
Por outro lado facer a obra en galego  é algo moi interesante para que a xente como nós sexa quen  de ter presente o noso o idioma, podendo asocialo tamén con aspectos cotiás e divertidos como foi este. 
En xeral opino que a representación estivo moi ben e que foron capaces de transmitir a idea proposta: ensinar como é o mundo do fútbol en clave de humor.
ANA ISABEL LÓPEZ DURÁN.  2º F BACH.

“O Fútbol é así” consiste nunha parodia do mundo do fútbol. Nela aparecen dous personaxes interpretando varios papeis á vez: fixeron de afeccionados, comentaristas e xogadores de fútbol (neste caso, Ramón era a estrela da Selección e Vicente, o eterno suplente).
As situacións dadas entran dentro do común: dous amantes do fútbol vendo o partido, os comentaristas describindo o partido, os xogadores no vestiario discutíndose e preparándose antes de saír ao campo.
Aparentemente, a obra é realmente graciosa, cumpre a súa finalidade: entreter o público. É sinxela de comprender e seguir, non usa palabras complicadas ou tecnicismos. O tema elixido é acertado, posto que, aínda que non lle gusta o fútbol a todas as persoas, é un fenómeno de grande actualidade. O ritmo das cancións tamén é axeitado, porque se poden recoñecer doadamente, e as letras inventadas polos artistas eran moi cómicas e orixinais.
Mais, por outro lado, nalgúns momentos a obra fíxose un pouco pesada, as cancións alongábanse moito e parecían interminábeis. Algúns xestos e expresións parecían fóra de lugar ou eran moi esaxerados.
En xeral a obra estivo ben, os autores desempeñaron ben os seus papeis e cos xestos e coas palabras conseguiron que o espectador vivira as situacións.

2 de dec. de 2012

Unha nova libraría

HAI COUSA DUN ANO NACEU EN FERROL UNHA NOVA LIBRARÍA, A "ESPACIO LECTOR NOBEL". RARO NOS TEMPOS QUE CORREN. OU NON TANTO: FORMA PARTE DUNHA CADEA INTERNACIONAL QUE SUPERAN XA AS 150 TENDAS ABERTAS E É TAMÉN UNHA TENDA ONLINE. A PRIMEIRA LIBRARÍA NOBEL FUNDOUSE EN SÂO PABLO, BRASIL, EN 1943. COMEZOU LOGO UN PROCESO DE INTERNACIONALIZACIÓN: PRIMEIRO PORTUGAL, LOGO MÉXICO. AGORA CHEGAN AQUÍ, UNIDAS Á CADEA DE LIBRARÍAS ESPAZO LECTOR.
MARTA CASTRO E ANDREA DEIVE (ACTUALMENTE ALUMNAS DE 2º A) ENTREVISTARON A FINAIS DO CURSO PASADO A FERNANDO RAMOS ARMESTO QUE, NESTA SÚA PRIMEIRA –E VALENTE–  AVENTURA EMPRESARIAL, ABRIU A LIBRARÍA NA CÉNTRICA RÚA GALIANO.

ANDREA DEIVE GARCÍA
MARIA CASTRO ROMANÍ
---------------------------------------

—Por que razón elixiches ser libreiro?
—A min sempre me gustaron os libros, e nun momento determinado, decidín que sería unha boa forma de ter un medio de vida, en contacto con algo que che gusta. Por que se non che gustan os libros, nin coñeces un pouco o sector do libro, unha  librería non sería algo sinxelo de levar, porque non é unha cousa tan fácil.
E esta ilusión xa a tiveches dende cativo?
—Si
Cres que estase perdendo o amor pola lectura?
—Pois non sabería dicirche, e verdade que hai bastante xente nova, ou non tan nova que non ten o habito de ler, ou que non lle gusta. Pero ao mesmo tempo sempre hai xente  que sinte amor pola lectura. O que e certo e que en España lese moito menos que noutros países europeos.
Por que razón elixiches este nome para a túa librería?
—Ben, eu non o elixín. Para meterse no sector do libro, como xa vos dixen non e algo tan doado. Entramos en contacto con unha empresa galega que nos asesorou, para comezar con bo pé. E como se chaman Nobel tivemos que poñerlle ese nome. Aínda que por outra parte  non é un nome que estea tan mal.
En que libros adoitan estar máis interesados os mozos?
— Pois agora sobre todo na literatura fantástica , habería que ver de que idades, pero sobre os trece, catorce… interésanse moito neste xénero. Especialmente nos libros que foron levados ao cine, ou ao revés.
É frecuente axudar aos teus clientes a elixir un libro?
—Si me piden axuda, si. Pero a idea desta librería era que os clientes que entrasen puideran moverse con total tranquilidade, e que ao entrar non tiveran a obriga de comprar nada.
Cal e o teu libro favorito?
—Teño moitos libros favoritos, pero se tivera que elixir un libro diría “Cuentos del Don” de  Mijaíl Shólojov. Un escritor soviético  que foi premio Nobel de literatura no ano 1956. Lino sendo moi novo, e marcoume bastante. E aínda agora o releo de vez en cando.
Algunha vez te pensaches en escribir un libro?
—Ben, algunha vez. Pero eu sei que non ía ser capaz de facer algo de calidade. A verdade e que desistín. Prefiro seguir lendo o que escriben outro, que o fan ben e contan cousas interesantes.
Cando  decidiches ser libreiro, preocupouche que por culpa do libro electrónico, os libros de papel xa non se venderan tanto e non fora unha boa forma de gañarse a vida?
—Si, claro que preocupa. Pero a asesora  fai contas de que nun período de quince a dezaseis anos, os libros virtuais, non se imporían ante os libros  de papel. O que esta claro, e que os país e nais que se criaron lendo o libro de contos en papel, quererán que o seu fillo teña contacto co mesmo libro, e non cos electrónicos.
Cal e o libro máis vendido por agora?
—Por agora o máis vendido é “El puente de los asesinos” de Reverte ou  “Prisionero del cielo” de Ruiz Zafón. Pero sempre varía, ao mellor nun espazo de tempo moi pequeno un libro vendese moito.
E, por último, poderías darnos un libropensamento?
— Vou dicir unha frase que é un clásico “ Todos os libros teñen  alma”, e unha cousa que eu creo que ten moita verdade.

1 de dec. de 2012

Sicilia, unha experiencia inolvidable.



ESPERANZA VÁZQUEZ DOPICO. 2º F Bach.



Cando o profesorado nos invitou a participar no proxecto de Comenius “WaterSpringOfLive” non podiamos imaxinar que as experiencias que iamos vivir grazas a el ían ser tan enriquecedoras e especiais para todos nós. Aceptar o compromiso de traballar nas actividades propostas polos distintos Departamentos durante todo o curso supuxo un esforzo que logo veriamos recompensado coa realización dunha viaxe a Augusta (Sicilia, Italia).

Foron cinco días moi  intensos, nos que participamos en numerosas actividades, e cargados de emocións porque volviamos ver aos rapaces e rapazas que coñeceramos cando viñeran a Ferrol en marzo.
O primeiro día e o último empregabámolos para facer a viaxe, que foi esgotadora polas numerosas horas de voo e polo tempo pasado nos aeroportos, nos cales tivemos que esperar para coller os enlaces dos distintos avións. 
O segundo día cada país expuxo o seus respectivos traballos no Liceo Clásico “Megara” (Augusta). Á hora de xantar as familias dalgúns dos alumnos preparáronos pratos típicos para que coñeceramos a súa gastronomía. Pola tarde visitamos as antigas salinas as cales están rodeadas por un entorno natural onde puidemos ver desde lonxe a cidade de Augusta.
Ao día seguinte, os alumnos anfitrións representáronos nas instalacións da Mariña un espectáculo variado formado por: un recital de poemas, unha canción, un baile…
Máis tarde fomos ver o pobo de Brucoli onde nos bañamos, tendo como paisaxe de fondo o volcán Etna. Pola noite ceamos todos xuntos nunha pizzería do centro do pobo. Foi divertido recordar as anécdotas vividas ao longo da xornada!
O último día de estancia en Augusta empregámolo en visitar Siracusa e as súas famosas ruínas romanas, a plantación de papiros, onde fomos en  barca, eo centro da cidade onde vimos unha posta de sol única. O peor deste día foi a despedida pola noite  das persoas  que xa non volveriamos ver ao día seguinte cando colléramos o autobús para ir ao aeroporto.
O día de regreso  a meirande parte tiñamos  unha sensación moi estraña no corpo: tiñamos ganas de volver ás nosas casas, coas nosas familias, e desexábamos quedarnos máis  tempo con toda a xente marabillosa que coñecéramos nesta experiencia. Como  podedes imaxinar, foi moi duro ter que despedirnos xa que neste tempo compartido sentímonos como unha grande familia. 
Para cada un de nós foi unha experiencia única que nos deu a oportunidade de coñecer  xente que xamais esqueceremos, a súa forma de valorar e vivir a vida nos respectivos  países, novas formas de comer, vestir, estudar, falar… que non poderíamos aprender de non ser polo proxecto Comenius.
 Invitamos a todo o mundo a participar nos proxectos futuros.