Este certame permite concursar na modalidade de microrrelato, micropoesía ou microteatro, con catro categorías en cada modalidade: primaria, 1º e 2º de ESO, 3º e 4º de ESO e Bacharelato e Ciclos formativos. Outra vez o IES Concepción Arenal conta con alumnado premiado no certame, que este ano vai pola IX edición.
Carmela Loureiro foi unha profesora en Ferrolterra, presidenta da CENL durante anos, que dedicou o seu tempo e o seu saber á lingua e aos máis novos. A súa traxectoria persoal e profesional é un exemplo do labor anónimo e xeneroso de moitos profesionais do ensino na difusión da cultura e do idioma entre a mocidade.
A entrega de premios será o día 21 de xuño ás 19.00 h. no Centro Cultural Torrente Ballester.
ALUMNADO PREMIADO
- 1° premio de microrrelato para Miriam Veiga Díaz (2° G bach) polo relato "Tornouse en odio"
- Accésit de microteatro para Elliot Bouza Dopico pola peza titulada "A confesión".
A entrega de premios será o día 21 de xuño ás 19.00 h. no Centro Cultural Torrente Ballester. Parabéns aos dous!
TEXTOS PREMIADOS
Ás veces é difícil dicir a verdade. Iso foi o que pensou Renato cando se achegou ao corpo da súa muller na cociña. Non quería crer que a matara, pero os feitos eran evidentes.
Oxalá puidera retroceder no tempo e evitar a discusión. Pero agora era tarde. Tiña que enfrontarse á verdade e ás consecuencias dos seus actos. A policía viría axiña e non podería ocultar o que fixera.
Xa non había marcha atrás. O seu amor tornarase en odio nun momento de rabia. Renato lamentou o que fixera, pero agora tiña que asumir a súa culpa. A verdade era cruel, pero tiña que ser honesto consigo mesmo e coa súa muller. O asasinato fora a súa tráxica verdade.
Miriam Veiga Díaz
Personaxes: Brais e AdriánLugar: Sala de interrogatorios policiais
Escena 1:
(Brais, angustiado e chorando, está sentado nunha cadeira nunha sala de interrogatorios da policía. Entra Adrián, un detective e senta diante del.)
Adrián: (sentando) Ben, comecemos polo principio. Cóntame o que pasou.
Brais: (chorando) Non podo crer que o fixera. Mateino.
Adrián: (sorprendido) A quen mataches?
Brais: (bufando) Á miña exparella. Non puiden máis. Era abusivo, controlador. Un só minuto máis dese inferno e podería que atentase contra a miña vida. (Algo axitado e nervioso)
Adrián: (asentindo) Ei, tranquilo rapaz, agora estas a salvo. Comecemos polo principio. Que te levou ao asasinato?
Brais: (tremendo) Sempre estaba enfadado, sempre criticándome, facéndome sentir que nunca fun suficiente. Tentei deixalo moitas veces, pero sempre me atopou, sempre me ameazou, quería acabar comigo e coa miña familia... Non sabía que facer.
Adrián: (escéptico) E por iso o mataches?
Brais: (cos ollos baixos) Si.
Adrián: (inclinándose) Brais, por que viñeches aquí? Para confesar?
Brais: (saloucando) Xa non podía vivir coa culpa. Necesitaba dicirllo a alguén, confesar. Síntoo moito.
Adrián: (tomando notas) Vale, continuaremos esta investigación. Grazas pola túa honestidade.
Escena 2:
(Días despois, Brais está de volta na sala de interrogatorios, esta vez sen Adrián. Está máis tranquilo, máis composto)
Adrián: (entrando) Bos días, Brais. Como te sentes?
Brais: (asentindo) Estou ben, máis tranquilo.
Adrián: (en serio) Necesito facerche algunhas preguntas máis sobre a noite do asasinato.
Brais: (asentindo de novo) Está ben.
Adrián: (inclinándose) Necesito saber se houbo outros factores implicados na túa decisión de matar o teu ex.
Brais: (facendo unha pausa, logo falando lentamente) Descubrira que estaba a ver a outra persoa. Ameazou con matarme a min, ao meu amante e á miña familia se non volvía con el. Tiña medo. Non sabía que máis facer.
Adrián: (asentindo) Xa vexo. Podes dicirme máis sobre a persoa que estabas vendo?
Brais: (sorrindo debilmente) Era marabilloso. Amable, cariñoso, todo o que o meu ex non era. El entendíame, tratoume como un igual. Sentín que estivese vivo por primeira vez en anos.
Adrián: (estudándoo) E como coñeciches a esta persoa?
Brais: (dubida) A través do traballo. Era o meu colega.
Adrián: (asentindo) Xa vexo, e que foi o que fixo que fósedes máis que iso?
Brais: (cun sorriso) Puiden ser sincero con el, dalgunha forma sentín que non ía xulgarme por ser quen era. Veño dunha familia algo conservadora, os meus amigos do colexio sempre se burlaron de min e da miña orientación sexual. El facíame sentir comprendido, non me sentía inferior, non sentía que estivese mal, era un alivio pasar tempo con el e ser quen era sen que me xulgasen. Namoreime perdidamente. Saiamos ás escondidas cando rematabamos a xornada e iamos pasear onde ninguén nos fose atopar. A adrenalina facíame sentir libre. Por primeira vez sentíame feliz, por primeira vez non tiña medo de expresarme... Todo era como eu sempre quixen que fose.
Adrián: (contaxiándose do sorriso) É unha bonita historia dende logo.
Brais: (borrando lentamente o sorriso e vendo aos ollos ao policía) Que vai pasar comigo?
Adrián: (suspira) Lamentablemente aínda que fose por motivo de defensa, non vas poder evitar o cárcere, con todo, o feito de que confesases si que vai reducir o tempo de condena. Aconsélloche conseguir un bo avogado.
Brais: (asentindo desanimado) Ben... Grazas por escoitarme, necesitaba soltalo todo.
(Adrián dedícalle un pequeno sorriso e sae da sala de interrogatorios para falar cun compañeiro.)
Adrián: A historia non é real. Este home traballa como escritor desde casa, hai alguén máis relacionado con isto e óleme a que podería ser o verdadeiro asasino.
Elliot Bouza Dopico