12 de maio de 2020

Recitado "Carvalho Calero" 2019



O 30 de outubro de 2019 na Capela do Centro Cultural Torrente Ballester, un ano máis, e para rematar o ciclo de Teatro con G, centros da comarca, levando a cabo variadas performances, recitaron versos de don Ricardo Carvalho Calero.
Participaron, nesta orde, o Colexio LudyCpi Atios, Cristo Rey, IES Saturnino Montojo, IES Canido, IES Sofía Casanova, IES Carballo Calero, e,  rematando o acto, o noso centro,  o IES Concepción Arenal (minuto 46.33').
O recitado, con posturas plásticas colectivas, foi levado a cabo polo grupo do alumnado de Artes Escénicas do centro, dirixido por Belén Roca.  Recitaron composicións que fixeron con versos de Carvalho, agás o último poema que é "María Silencio“.  

Achegamos ese fermoso poema botando man da páxina 17 do monográfico que fixemos en 2014 sobre ilustre escritor e profesor.



As pitas baixo a choiva


A Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra fíxonos chegar o enlace a un amplo e moi interesante proxecto pensado para alumnado infantil relacionado con Ricardo Carvalho Calero, Letras Galegas 2020
Moitos dos grandes e diversos proxectos que a Asociación tiña proxectado para este tan desexado maio -por fin o profesor e intelectual ferrolán era homenaxeado!-, non se puideron levar a cabo dadas as excepcionais circunstancias motivadas pola pandemia do COVID-19.
Hai un ano naceu a idea de “As Pitas Baixo a Choiva. O relato de Carvalho Calero, breve, entrañable e destinada ao público infantil, foi publicado por vez primeira en 1952 na revista Lar. En 2008, Edicións Embora fixo unha edición–agora reeditada – coas grafías do texto orixinal e engadindo fermosas acuarelas de Alberto Toval.
A peza teatral de Pepablo Patinho baseada no relato de Carvalho  As pitas baixo a choiva  estreouse con músicos ao vivo o pasado 23 de febreiro e tivo un enorme éxito. Pero a publicación e difusión do paquete integrado polo relato ilustrado de Carvalho Calero, o CD coa música e a Unidade Didáctica quedou no ar...
O CENL de Ferrolterra, de acordo con Edicións Embora decidiron compartir de balde todo este material audiovisual a través dunha plataforma creada coa finalidade de que poida ser difundida como se merece. 
Agradecemos esta xenerosa iniciativa, á cal podedes acceder aquí::http://aspitas.gal/


11 de maio de 2020

Vieiros de esperanza

Coa finalidade de divulgar a figura do escritor, lingüista e profesor  Ricardo Carvalho Calero do homenaxeado no Día das Letras Galegas, achegamos o documental Vieiros da esperanza (2014) do realizador ferrolán Antón Rodríguez. A obra formou parte do Traballo de Fin de Grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña e Antón Rodríguez contou coa colaboración técnica de Javier Gómez e Sergio Arango.

A peza audiovisual percorre, en 48 minutos de duración, diferentes etapas vitais de Carvalho e contén achegas de numerosas persoas que tiveron contacto con el ou estudaron a súa traxectoria profesional: Darío Villanueva, Xesús Alonso Montero, Víctor Freixanes, Araceli Herrero, Francisco Rodríguez e Xosé María Dobarro.


7 de ago. de 2019

Tres poemas de Carvalho Calero

Carvalho cunha alumna do colexio Fingoi (Lugo)
vestida para unha obra de teatro.
En 2010 celebrouse o centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero. Na Homenaxe que daquela tivo lugar no centro cultural ferrolán que leva o seu nome, nun acto organizado polo Concello e a Coordenadora de Equipas de Ferrolterra, o noso instituto colaborou cunha actividade que agora queremos rescatar en lembranza do ilustre escritor, por fin homenaxeado nas Letras Galegas do vindeiro ano.

Naquela ocasión, dúas alumnas que non esquecemos, as irmás Lara e Noa Castro, leron marabillosamente tres poemas de don Ricardo: "Ai, as preguntas" (do libro
Pretérito Imperfeito, 1980), "Ferrol, 1916" (de Futuro condicional, 1961- 1980) e "Calquer lugar é bo para morrer" (de Cantigas de amigo e outros poemas, 1980- 1985). Aquelas lecturas contaron co apoio audiovisual dunhas presentacións que foron elaboradas polo ENL do noso centro. Non temos aquí as fermosas voces de Lara e Noa, pero aquelas presentacións, agora pasadas a vídeo, podédelas ver a continuación.


24 de feb. de 2019

Día de Rosalía


Rosalía, con fermoso cabelo azul, debuxada 
por Teo Rodríguez Ramos, un alumno do centro.
Tal día como hoxe, un 24 de febreiro de 1837, hai 182 anos naceu nunha casa do Camiño Novo en Compostela (daquela Concello de Conxo) unha rapaciña que no seu semiclandestino bautizo no Hostal dos Reis Católicos ficou rexistrada como “María Rosalía Rita, hija de padres incógnitos”. Como ían imaxinar seus pais, unha fidalga solteira e un crego, que esa nena froito do “pecado” (como eran daquela!) ía se converter co tempo na galega máis universal, a galega máis célebre, máis admirada e máis amada de todos os tempos?

Rosalía de Castro está de aniversario, e no IES Concepción Arenal quixemos celebralo. E homenaxeámola con versos e con flores. 

O acto, que denominamos "Un libro, un caravel" foi organizado polo EDLG en colaboración coa Biblioteca.


Alumnos lectores obsequiados cunha flor.
Na imaxe, os afortunados no sorteo de tres libros de Rosalía, Cantares Gallegos.
Os caraveis obsequiados, ledas e variadas cores.

14 de xan. de 2019

V Certame literario "Carmela Loureiro"

O Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra  (CENL) convocaron o V Certame literario "Carmela Loureiro" como homenaxe a unha muller, profesora en Ferrolterra, presidenta da CENL durante anos, que dedicou o seu tempo e o seu saber á lingua e aos máis novos. A súa traxectoria persoal e profesional é un exemplo do labor anónimo e xeneroso de moitos profesionais do ensino na difusión da cultura e do idioma entre a mocidade.

Na fase interna do certame resultaron premiados os seguintes traballos:


1º CICLO----------------------------------------------------------------------------------------------------

MICROPOESÍA

AMOR?

Non  te quero, non te amo,
déixame en paz,

Non me pegues, non me mates,
déixame vivir!

Cortándome as veas, eu morro,
el contento.

 Alejandra Fernández Armada, 1ºA ESO

MICRORRELATO

“A VILA DO NECESITADO”

Largou a fume de carozo daquel lugar. Como o atoparan? Non podía seguir fuxindo toda a vida, iso tíñao claro, pero, que faría? Xa estaba escurecendo, e, sorprendentemente atopou un bo sitio onde esconderse...quedou durmido... Espertou algo canso e mareado, algo normal, porque o día anterior correra media maratón.
Cando se ergueu, mirou ao seu redor, e quedou asombrado. Xa non estaba no bosque... estaba ás portas dunha pequena aldea.
-Estou tolo -pensou– Estou remotamente tolo.
Pero non, a uns metros de alí había un home, ao que lle preguntou:
- Perdoa, onde estamos?
Ao que este contestou:
- Este non é un sitio calquera, aquí só veñen os que o precisan. Se quedas levará unha vida tranquila, pero cunha condición. se entras, non poderás volver saír....

Hugo Rodríguez Pérez.  1ºB ESO

“MALDITA ESTRADA”

Largou a fume de carozo daquel lugar, non tiña moi bos pensamentos; estaba no seu coche e viu algo moi estraño, unha persoa. Naquela estada na metade da nada onde non había civilización ningunha... unha nena pequena estaba descalza, o boneco e o pixama cheo de sangue...
Virouse, liscou e arrincou o coche a todo gas. Pasaron as horas... Chegou á casa... Eran as tres e trinta e tres da madrugada!!
Moita xente dicía que a esa hora algo maldito pasaba nos arrabaldes da vila. Saíu do coche con tino. Ela sempre lles daba creto aos contos. De súpeto, escoitou un berro, viña das entrañas da casa...
Non vivía con ninguén... Quedou paralizada, até que viu a rapaza de antes saír da súa casa, achegouse e díxolle: “Nunca debiches irte...” 
Botouse a chorar e dende entón o crime segue aberto...

A seguinte serás ti...
Ariana Domínguez Fernández. 2ºA ESO

 CICLO----------------------------------------------------------------------------------------------------

MICROPOESÍA

"QUERÍAN QUE VOASE CON ELES..."

Querían que voase con eles.

O que non sabían era
que eu xa estaba no ceo.

Nayla Abeal Fernández. 3ºC ESO


MICRORRELATO

 “FUXIDA”

Largou a fume de carozo daquel lugar, o vestido arrastraba polo chan e non lle deu tempo a sorrir. As campás xa soaban e o cardado perdera volume, só os bos perfumes seguían a cheirar. Ao noivo saíanlle as bágoas. De súpeto entrou a alegría e o alivio, non soaba música nin había noiva, pero a felicidade era inmensa.

Martina Ameneiros Barreira. 3ºC ESO


BACHARELATO---------------------------------------------------------------------------------------------

MICROPOESÍA

"O BURATO"

Camiño por un burato negro,
estou asustada e perdida,
non lembro nada, todo está escuro,
levo moito tempo, non atopo o final!
Teño morriña, quero saír!
Este é o final, pero… non é o meu lar.

Mercedes Castro Freijomil 1ºA bach

"AS MELODÍAS"

Fannos ser como somos
os bailes da vida.

Podes bailar
ou quedo podes quedar.

Non o saberás
ata que empeces a bailar.

 Candela Torrente López. 1ºD bach


"LEMBRA"

Cara adiante, si, camiña, mais de vez en cando vira; vira e lembra,
lembra os mortos, os feridos, os que levan no corpo cicatrices
lembra os ledos, canfurneiros, cantareiros, satisfeitos e por que non, fachendosos
lembra ós teus; lembra ós alleos
cara adiante, si, camiña; acouga de vez en cando
sen esquecer que lembrando, adiantamos, camiñando

María Pillado Rico. 1ºE bach

                    "A GAIOLA"

Teño medo.
Non sei como saír de aquí.

Podo morrer
ou podo vivir.

Non sei en que pensaba
cando quixen entrar aquí.

 Laura Candal Marcos. 1ºF bach.

MICRORRELATO


"TODO REMATOU..."

Largou a fume de carozo daquel lugar.
O corazón latexáballe a mil por hora, as pernas xa non lle daban máis de si, e das mans pingáballe unha mestura de suor e sangue.
Miraba cara atrás constantemente, pero a rúa seguía baleira.
Sentou nun banco no medio dun parque a respirar, e un milleiro de imaxes apiñábanse na súa mente; o son do coitelo rompendo a pel, o líquido vermello brotando da ferida aberta... agora todo rematara, porén, a sensación de afogar non cesaba, e non puido evitar cravar o coitelo, aínda na súa man, no máis fondo do seu peito.
Agora si que todo rematou...
Mirou cara ao ceo e os últimos anos de vida pasaron por diante dos seus ollos. Os berros, os golpes, as malleiras... pero agora el estaba morto, e axiña ela tamén o estaría, só pensaba non atopalo no ceo...

 Raquel Sánchez Tuero. 1º C bach.

“EPIFANÍA”

Larguei a fume de carozo daquel lugar! Xa o sei, non era o correcto pero a idea de ser pai adolescente tomoume por sorpresa, non podía pensar, así que marchei. Entrei na cafetaría da rúa Real. Sentei e comecei a mirar ao meu arredor para fuxir dos meus pensamentos e entón vina, unha nena cun vestidiño e cuns zapatiños de charón, ollándome fixamente. Un home chamouna dende a porta, ela sorriume e coma unha fantasma tomou a súa man e marcharon xuntos. Nese momento souben o que tiña que facer, volvín sobre os meus pasos e atopeina nun banco chorando, sentei ao seu carón, puxen a man sobre a súa barriga e díxenlle:
Será a nena máis fermosa do mundo!
Miroume, sorriu e fun o home máis feliz do mundo.

Ángel  Novo Barro, 1ºD bach

12 de xan. de 2019

Excursión Santiago- Soutomaior- Pontevedra

"A derradeira leición do mestre" (1945)

O día 30 de outubro e acompañados polos profesores Belén Castelao, Manuel Rei, Fernando R. Lamela, Cecilia Vigo e Ana Dopico, 90 alumnos de Segundo de Bacharelato do noso centro foron de excursión por Compostela, Soutomaior e Pontevedra, no marco dunha actividade organizado polo EDLG: "O escritor e a súa terra".

A visita tivo unha tripla finalidade: homenaxear os escritores Mª Vitoria Moreno  e Antón Fraguas (Letras Galegas 2018 e 2019, respectivamente), empregar a lingua galega e coñecer a realidade lingüística da cidade de Pontevedra. Despois da recepción por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, realizaron un percorrido literario e cultural polo centro histórico.

Aproveitando a ocasión, fíxose en Compostela unha visita a Cidade da Cultura do monte Gaiás, onde foi visitada a exposición “Castelao Maxistral”, que homenaxea o papel dos mestres e mestras na construción do ensino público no 1º terzo do século XX, até a chegada da Guerra. A exposición exhibe por primeira vez en Galicia  'A derradeira leición do mestre‘, óleo sobre tea de 2 metros de altura pintado polo rianxeiro no exilio bonaerense e considerado por moitos o 'Guernica galego'.

A excursión tamén incluíu unha visita a Soutomaior para coñecer o seu castelo medieval, construído no século XII.



Alumnos e profesores do IES Concepción Arenal na Praza Alonso de Fonseca, xunto á igrexa de Santa María a Maior. Pontevedra.


Conferencia de Núñez Singala

Manuel Núñez Singala, sempre xeneroso, volveu visitar o noso instituto, esta vez o 16 de outubro. O alumnado de Segundo de Bacharelato, que ten a súa celebrada Comedia Bífida entre as lecturas do curso, tivo ocasión de oír a súa sempre amena palabra nunha conferencia titulada “A lingua galega: unha oportunidade”. Singala, profesor, escritor e Director so Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, reflexionou sobre o tema dos prexuízos lingüísticos, os estereotipos e a súa repercusión nos usos. Este tema, ademais de formar parte da programación lectiva de Segundo, urxe ser tratado en profundidade, e máis aínda tendo en conta a preocupante realidade lingüística do alumnado do noso centro.

Singala durante a súa conferencia no Salón de Actos do centro.


Algúns alumnos acompañan a Singala e amosan o seu libro Comedia bífida (2007). A obra é unha alegoría que reflexiona sobre a nosa situación sociolingüística. Con humor e a xeito de farsa aparentemente desenfadada, afronta un tema tan serio que, no fondo, é de traxedia: nela axuíza actitudes e crenzas sociais tan estendidas que, de mantérense no tempo, conducirán á morte do noso idioma.

11 de xan. de 2019

Ferrol rebelde

0 martes 9 de outubro, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) levou a 57 alumnos e alumnas de bacharelato (1ºC e 1ªG) a unha Visita guiada polo centro histórico de Ferrol, un servizo que o Concello pon a disposición dos cidadáns con carácter gratuíto. As profesoras Belén Castelao e Ana Vizoso acompañaron a visita guiada pola mañá e, pola tarde, foron Belén Roca e Ana Dopico as encargadas.
A actividade tivo como obxectivo que o alumnado coñecese de que xeito a nosa cidade estivo na vangarda do compromiso cos movementos socio-económicos, políticos, culturais e lingüísticos no primeiro terzo do século XX.

.
Belén Roca (no centro,  con gafas) con alumnos e alumnas do centro. Foto: Ana Dopico. 


Fóra do mapa



O alumnado de Artes Escénicas do IES Concepción Arenal, acompañado pola profesora Belén Roca, que imparte esta materia no noso centro, foi partícipe, o 29 de setembro, das actividades enmarcadas no programa do III FESTIVAL DE ARTES ESCÉNICAS DE FERROL: “Fóra do mapa”. No Festival, organizado e financiado polo Concello de Ferrol, os espazos máis peculiares do barrio de A Magdalena convertéronse no escenario de orixinais representacións teatrais.

O obxectivo da actividade foi achegar o alumnado ao teatro contemporáneo representado en lugares descontextualizados, resaltando o patrimonio artístico e arquitectónico da cidade de Ferrol.


22 de dec. de 2018

Lidia González

LIDIA GONZÁLEZ TEIJIDO inesquecible alumna do noso centro e, con toda certeza, futura grande doutora obtivo o mellor expediente nas probas de Selectividade de Galicia (13,96 sobre 14). No mes de xullo, a Universidade de Santiago de Compostela organizou un acto de homenaxe e recoñecemento aos mellores alumnos galegos no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. No seu discurso en representación dos alumnos agasallados, Lidia, expuxo unhas palabras tan interesantes (a importancia dos soños, a adquisición e práctica dos valores...) que non merecen ser esquecidas. Están reproducidas na web do noso instituto, pero tamén as reproducimos aquí.

Lidia durante o seu discurso no Palacio de Congresos. Compostela.

Señor Reitor, autoridades representantes dos organismos e institucións, profesores, compañeiros e familiares, boas tardes a todos. En primeiro lugar gustaríame agradecer a vosa presenza neste día tan especial, así como o labor da Universidade de Santiago de Compostela organizando este conmemorable acto.
Hoxe teño a honra e o pracer de dirixirme a vós en nome de todos os estudantes que rematamos este ano o Bacharelato e realizamos as probas de acceso á universidade. Aínda que pode semellar unha tarefa difícil, representar un grupo tan rico e heteroxéneo, pódese dicir que todos os seus integrantes, entre os que me inclúo, compartimos nestes últimos anos experiencias que dalgunha maneira conectan as nosas historias e nos reúnen aquí hoxe. Esta viaxe, que nos levou ata este momento, parece imposible de recoller cunhas poucas palabras, pero de seguro será lembrada por todos nós coa intensidade que a caracteriza, e é que mentres tentabamos resistir esa carreira contrarreloxo, chea de nervios e tensión, semellaba que o tempo escapaba sen solución. Aínda así, non deixamos un minuto sen espremer e sen aproveitar, tendo sempre a mirada posta nas nosas esperanzas e nos nosos soños. Pero, como ben dixo o noso querido Castelao “o verdadeiro heroísmo consiste en converter os soños en realidades e as ideas en feitos”. Por iso, hoxe pódese dicir que todos nós somos heroes, experimentando as gratificantes sensacións que provoca ver os obxectivos cumpridos e obter o recoñecemento por todo o esforzo realizado, é agora cando despois de conseguir superar o desafío máis esixente, descubrimos como as nosas aspiracións cobran vida diante dos nosos ollos.
Non obstante, aínda que pareza que chegamos á meta, aínda somos pezas que se manteñen unidas grazas a todos os hoxe aquí presentes, que conseguiron que o día de mañá, antes que médicos, enxeñeiros, periodistas ou artistas, sexamos persoas. Os nosos profesores, que nos inculcaron valores coma o amor ao traballo ou a curiosidade intelectual e que nos transmitiron coñecementos para que, seguindo o exemplo da parábola dos talentos, os fagamos medrar, devolvendo á sociedade a esperanza que deposita cada día en nós. Pero tamén as nosas familias, que guiaron os nosos pasos dende o comezo desta aventura, e estiveron ao noso carón celebrando os nosos éxitos e apoiándonos nos momentos máis difíciles. Todos eles serviron de cimento para ir construíndo, pouco a pouco, esa escaleira que nos permitirá chegar a un lugar onde poderemos observar o mundo que nos rodea cunha nova visión, que nos descubra aquilo que permanecía agochado ata o de agora.
Así, imos decatándonos de que malia que despois dun duro traballo se atopa unha grata recompensa, aínda queda moito lenzo sobre o que pintar. E é que non se trata de como empeza a nosa historia, nin tampouco de como remata, é o camiño, as súas fochas e a forma en que as superamos o que nos fai medrar e ser mellores. De agora en diante tócanos loitar polo noso futuro, aquel que desexamos, sen deixar que os nosos medos ocupen o lugar das nosas ambicións.
Vivimos nun mundo no que debemos esforzarnos cada día por lograr unha sociedade que se vexa expresada nunha convivencia sa, un respecto mutuo e na cal a práctica dos valores non sexa unha casualidade. É por iso, que a educación, que comeza cunha simple pregunta, se constitúe hoxe como a arma máis poderosa, ademais de ser a mellor inversión para lograr un futuro no que non sexa suficiente con nacer persoas, senón que tamén teñamos que chegar a selo.
Así, non podo rematar doutra maneira que lembrando o meu paso polo Instituto Concepción Arenal, que ten a honra de levar o nome dunha gran muller, cunha vida protagonizada pola entrega e o compromiso que non só nos recorda a importancia de loitar por conseguir un mundo máis xusto, senón tamén o privilexio que supón poder acceder ao saber con dereito e liberdade. “Abride escolas e han de pechar os cárceres” foron algunhas das súas verbas máis célebres, palabras que sen dúbida demostran que aínda debemos seguir traballando para liberar unha sociedade prisioneira de si mesma.


(Podes ver o vídeo da súa intervención en http://tv.usc.es/mmobj/index/id/3624)