15 de out. de 2024

CONCURSO DE VIDEORRELATOS DE MEDO. Samaín 2024.

O que sempre se chamou e se segue a chamar Día de Defuntos, chamámolo agora, desde hai unhas tres décadas, Samaín. Esta palabra que procede do gaélico irlandés, Samhaim, significa "fin do verán". Trátase dunha milenaria celebración de orixe pagá que dalgún xeito seguiu arraigada en Galicia. Lástima que por culpa da adopción da versión norteamericana, Halloween, ficase xa case reducida a unha festa de disfraces, unha especie de entorilo macabro. 

Co Samaín, os antigos celtas celebraban a transición do estío ao inverno na noite que vai do 31 de outubro ao 1 de novembro. Segundo a tradición, esa noite o tempo queda abolido e o tránsito entre o mundo dos vivos e o mundo dos mortos é posible: os mortos, os heroes, e os deuses poden transitan polo noso mundo e os vivos podemos transitar polo alén.

Para a celebración do Samaín 2024, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal organizou un concurso de vídeorrelato orais de medo. Está dirixido a alumnado de todos os cursos do noso centro, co obxectivo de incentivar e normalizar o uso oral da nosa lingua na creación e recreación de historias.


Presentaránse cun título e indicando autoría e o curso e grupo ao que se pertence.

Libre formato. Pode ser unha adaptación dunha historia xa existente, popular ou literaria, ou de creación propia. O relato oral do conto realizarase en vídeo. Pode presentarse un vídeo persoal no que as/os participantes se caractericen e/ou editen o vídeo mediante filtros, música, etc.; ou empregar o vídeo como material de apoio para o relato oral do conto por parte das/dos participantes.

DURACIÓN MÁX: 5 minutos.

 PRAZO de  PRESENTACIÓN: Antes do luns 21 de outubro.

 ENTREGA: Enviar ao correo o correo do EDLG edlg.foradeportas@gmail.com

 PREMIOS: Un único premio por categoría. (Vale 25€ material escolar)

 CATEGORÍAS: Hai tres:

*   1º ESO e 2º ESO

*   3º ESO E 4º ESO

*   Bacharelato e Ciclos Formativos.

14 de mar. de 2024

Nuria Vil amadriñou o Desafío Galego e preestreou o seu videopoema "Delincuente"

Nuria Vil durante a charla, sentada xunto ao seu libro Simún

O escritor Sechu Sende foi o padriño da primeira edición do Desafío Galego; o youtuber Olaxonmario apadriñou a segunda, e nesta terceira edición do Desafío Galego foi a poeta e recitadora Nuria Vil quen veu para amadriñar esta actividade.

Nuria é unha das voces emerxentes da poesía galega, unha artista polifacética que entende a poesía como elemento integrante dun proxecto multidisciplinar e que debe achegarse á xente. 

Ela é referente en Galicia como creadora de poesía oral, do emprego da palabra falada, de relatos sonoros… Andou en grupos de teatro, tocou o saxo e a guitarra, participou en torneos de slam, desenvolveu centos de recitais, de performances… O seu libro Simún, publicado en 2021, vai xa pola cuarta edición. Moi activa no mundo das redes sociais, converteuse nunha importante instagrammer e youtuber, combatendo o machismo, o racismo, a LGTBfobia... Ademais, dá clases de galego, é monitora de ocio e tempo libre, colabora en diversas plataformas de crowfunding... Tamén se adentrou no mundo da dobraxe, e, agora, está inmersa no audiovisual. 


Non contábamos con iso, pero tivo a xenerosidade de sorprendernos coa preestrea -non está totalmente rematada- da súa curtametraxe “Delincuente”, inédita. O proxecto, un intenso videopoema, está baseado na figura de Eduarda “A Maradona”, unha delincuente xuvenil do convulso Vigo dos oitenta. Foi ideado, segundo nos contou na charla, a partir dunhas palabras da poeta Xela Arias: “Se non tivese o recurso de esparexer os pantasmas nos signos das letras, é ben seguro, sería delincuente”.  Nuria, que cre no poder transformador da poesía, recitou algúns textos seus e alentou o alumnado comprometido no Desafío no uso da nosa lingua.


Nuria contoulle á rapazada de bacharelato presente no salón de actos as súas experiencias lingüísticas- Estudou Galego e Castelán nas universidades de Vigo e Compostela. explicou que motivou seu cambio de idioma, e tamén as reaccións da xente por tal actitude. Ela, dixo, tomou dúas decisións lingüísticas na súa vida: a primeira cando con vinte anos deu o paso a falar galego, pouco usado na súa cidade natal (Vigo comparte con Ferrol o triste honor de ser o espazo urbano galego con menor número de falantes); a segunda decisión foi cando optou por incorporar ao seu galego os trazos fonéticos da súa zona: o seseo e a gheada, trazos estigmatizados do galego popular. As dúas foron decisións contracorrente, sen dúbida. 

Nuria foi escoitada por un atento alumnado, que ao remate da charla fixo diversas preguntas.

O acto foi presentado polo profesor Marcos Abalde, escritor e xefe do departamento de Lingua e Literatura Galega do noso centro.

NURIA VIL RECITA O POEMA "REZO POR TI" (FRAGMENTO)


GALERÍA DE FOTOS DA CHARLA 


NOTICIA DO ACTO en Diario de Ferrol (14/3/2024)






6 de mar. de 2024

Comeza o #DesafioGalego 2024!

“Se cambias de lingua, cambias de vida" 

(Séchu Sende).

Do luns 11 ao venres 22 de marzo terá lugar a terceira edición do Desafío galego, unha iniciativa promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal de Ferrol. Nesta edición inscribíronse 234 alumnos e alumnas de bacharelato. Durante estes dez días o estudantado comprométese ao uso da lingua galega entre as persoas participantes e a galeguizar as redes sociais. Ademais son propostos uns obxectivos concretos para estenderen o idioma propio de Galicia a todos os ámbitos (escolar, familiar, virtual...). 


Para esta edición contaremos como madriña a poeta e instagrammer Nuria Vilán Prado, máis coñecida como "Nuria Vil". Defínese como “resitadora” e busca hibridar a palabra con formas de arte experimental e performática cun discurso fortemente marcado pola vindicación social.  A súa intervención terá lugar o mércores 13 de marzo, de 10.30h a 12.10 h, no salón de actos do IES Concepción Arenal. 


Nuria Vil

O Desafío galego concluirá o venres 22 de marzo cunha excursión a Ourense, onde o profesor e investigador Manuel Rei Romeu presentará o libro “Otero Pedrayo no IES Concepción Arenal”. Neste texto recóllese o manuscrito inédito de Ramón Otero Pedrayo atopado no arquivo do centro, onde o membro da Xeración Nós recrea a súa experiencia como alumno e a motivadora influencia de certos profesores do instituto histórico de Ourense que actualmente leva o seu nome.