12 de maio de 2020

Recitado "Carvalho Calero" 2019



O 30 de outubro de 2019 na Capela do Centro Cultural Torrente Ballester, un ano máis, e para rematar o ciclo de Teatro con G, centros da comarca, levando a cabo variadas performances, recitaron versos de don Ricardo Carvalho Calero.
Participaron, nesta orde, o Colexio LudyCpi Atios, Cristo Rey, IES Saturnino Montojo, IES Canido, IES Sofía Casanova, IES Carballo Calero, e,  rematando o acto, o noso centro,  o IES Concepción Arenal (minuto 46.33').
O recitado, con posturas plásticas colectivas, foi levado a cabo polo grupo do alumnado de Artes Escénicas do centro, dirixido por Belén Roca.  Recitaron composicións que fixeron con versos de Carvalho, agás o último poema que é "María Silencio“.  

Achegamos ese fermoso poema botando man da páxina 17 do monográfico que fixemos en 2014 sobre ilustre escritor e profesor.



As pitas baixo a choiva


A Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra fíxonos chegar o enlace a un amplo e moi interesante proxecto pensado para alumnado infantil relacionado con Ricardo Carvalho Calero, Letras Galegas 2020
Moitos dos grandes e diversos proxectos que a Asociación tiña proxectado para este tan desexado maio -por fin o profesor e intelectual ferrolán era homenaxeado!-, non se puideron levar a cabo dadas as excepcionais circunstancias motivadas pola pandemia do COVID-19.
Hai un ano naceu a idea de “As Pitas Baixo a Choiva. O relato de Carvalho Calero, breve, entrañable e destinada ao público infantil, foi publicado por vez primeira en 1952 na revista Lar. En 2008, Edicións Embora fixo unha edición–agora reeditada – coas grafías do texto orixinal e engadindo fermosas acuarelas de Alberto Toval.
A peza teatral de Pepablo Patinho baseada no relato de Carvalho  As pitas baixo a choiva  estreouse con músicos ao vivo o pasado 23 de febreiro e tivo un enorme éxito. Pero a publicación e difusión do paquete integrado polo relato ilustrado de Carvalho Calero, o CD coa música e a Unidade Didáctica quedou no ar...
O CENL de Ferrolterra, de acordo con Edicións Embora decidiron compartir de balde todo este material audiovisual a través dunha plataforma creada coa finalidade de que poida ser difundida como se merece. 
Agradecemos esta xenerosa iniciativa, á cal podedes acceder aquí::http://aspitas.gal/


11 de maio de 2020

Vieiros de esperanza

Coa finalidade de divulgar a figura do escritor, lingüista e profesor  Ricardo Carvalho Calero do homenaxeado no Día das Letras Galegas, achegamos o documental Vieiros da esperanza (2014) do realizador ferrolán Antón Rodríguez. A obra formou parte do Traballo de Fin de Grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña e Antón Rodríguez contou coa colaboración técnica de Javier Gómez e Sergio Arango.

A peza audiovisual percorre, en 48 minutos de duración, diferentes etapas vitais de Carvalho e contén achegas de numerosas persoas que tiveron contacto con el ou estudaron a súa traxectoria profesional: Darío Villanueva, Xesús Alonso Montero, Víctor Freixanes, Araceli Herrero, Francisco Rodríguez e Xosé María Dobarro.