LIDIA GONZÁLEZ TEIJIDO ‒inesquecible
alumna do noso centro e, con toda certeza, futura grande doutora‒
obtivo o mellor expediente nas probas de Selectividade de Galicia (13,96 sobre
14). No mes de xullo, a Universidade de Santiago de Compostela organizou un
acto de homenaxe e recoñecemento aos mellores alumnos galegos no Palacio de
Congresos e Exposicións de Galicia. No seu discurso en representación dos
alumnos agasallados, Lidia, expuxo unhas palabras tan interesantes (a
importancia dos soños, a adquisición e práctica dos valores...) que non merecen
ser esquecidas. Están reproducidas na web do noso instituto, pero tamén as
reproducimos aquí.
Lidia durante o seu discurso no Palacio de Congresos. Compostela. |
Señor Reitor,
autoridades representantes dos organismos e institucións, profesores,
compañeiros e familiares, boas tardes a todos. En primeiro lugar gustaríame
agradecer a vosa presenza neste día tan especial, así como o labor da
Universidade de Santiago de Compostela organizando este conmemorable acto.
Hoxe teño a honra e
o pracer de dirixirme a vós en nome de todos os estudantes que rematamos este
ano o Bacharelato e realizamos as probas de acceso á universidade. Aínda que
pode semellar unha tarefa difícil, representar un grupo tan rico e heteroxéneo,
pódese dicir que todos os seus integrantes, entre os que me inclúo, compartimos
nestes últimos anos experiencias que dalgunha maneira conectan as nosas
historias e nos reúnen aquí hoxe. Esta viaxe, que nos levou ata este momento,
parece imposible de recoller cunhas poucas palabras, pero de seguro será
lembrada por todos nós coa intensidade que a caracteriza, e é que mentres
tentabamos resistir esa carreira contrarreloxo, chea de nervios e tensión,
semellaba que o tempo escapaba sen solución. Aínda así, non deixamos un minuto
sen espremer e sen aproveitar, tendo sempre a mirada posta nas nosas esperanzas
e nos nosos soños. Pero, como ben dixo o noso querido Castelao “o verdadeiro
heroísmo consiste en converter os soños en realidades e as ideas en feitos”. Por
iso, hoxe pódese dicir que todos nós somos heroes, experimentando as
gratificantes sensacións que provoca ver os obxectivos cumpridos e obter o
recoñecemento por todo o esforzo realizado, é agora cando despois de conseguir
superar o desafío máis esixente, descubrimos como as nosas aspiracións cobran
vida diante dos nosos ollos.
Non obstante, aínda
que pareza que chegamos á meta, aínda somos pezas que se manteñen unidas grazas
a todos os hoxe aquí presentes, que conseguiron que o día de mañá, antes que
médicos, enxeñeiros, periodistas ou artistas, sexamos persoas. Os nosos
profesores, que nos inculcaron valores coma o amor ao traballo ou a curiosidade
intelectual e que nos transmitiron coñecementos para que, seguindo o exemplo da
parábola dos talentos, os fagamos medrar, devolvendo á sociedade a esperanza
que deposita cada día en nós. Pero tamén as nosas familias, que guiaron os
nosos pasos dende o comezo desta aventura, e estiveron ao noso carón celebrando
os nosos éxitos e apoiándonos nos momentos máis difíciles. Todos eles serviron
de cimento para ir construíndo, pouco a pouco, esa escaleira que nos permitirá
chegar a un lugar onde poderemos observar o mundo que nos rodea cunha nova
visión, que nos descubra aquilo que permanecía agochado ata o de agora.
Así, imos
decatándonos de que malia que despois dun duro traballo se atopa unha grata
recompensa, aínda queda moito lenzo sobre o que pintar. E é que non se trata de
como empeza a nosa historia, nin tampouco de como remata, é o camiño, as súas
fochas e a forma en que as superamos o que nos fai medrar e ser mellores. De
agora en diante tócanos loitar polo noso futuro, aquel que desexamos, sen
deixar que os nosos medos ocupen o lugar das nosas ambicións.
Vivimos nun mundo
no que debemos esforzarnos cada día por lograr unha sociedade que se vexa
expresada nunha convivencia sa, un respecto mutuo e na cal a práctica dos
valores non sexa unha casualidade. É por iso, que a educación, que comeza cunha
simple pregunta, se constitúe hoxe como a arma máis poderosa, ademais de ser a
mellor inversión para lograr un futuro no que non sexa suficiente con nacer
persoas, senón que tamén teñamos que chegar a selo.
Así, non podo
rematar doutra maneira que lembrando o meu paso polo Instituto Concepción
Arenal, que ten a honra de levar o nome dunha gran muller, cunha vida
protagonizada pola entrega e o compromiso que non só nos recorda a importancia
de loitar por conseguir un mundo máis xusto, senón tamén o privilexio que supón
poder acceder ao saber con dereito e liberdade. “Abride escolas e han de pechar
os cárceres” foron algunhas das súas verbas máis célebres, palabras que sen
dúbida demostran que aínda debemos seguir traballando para liberar unha
sociedade prisioneira de si mesma.
(Podes
ver o vídeo da súa intervención en http://tv.usc.es/mmobj/index/id/3624)