14 de xan. de 2019

V Certame literario "Carmela Loureiro"

O Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra  (CENL) convocaron o V Certame literario "Carmela Loureiro" como homenaxe a unha muller, profesora en Ferrolterra, presidenta da CENL durante anos, que dedicou o seu tempo e o seu saber á lingua e aos máis novos. A súa traxectoria persoal e profesional é un exemplo do labor anónimo e xeneroso de moitos profesionais do ensino na difusión da cultura e do idioma entre a mocidade.

Na fase interna do certame resultaron premiados os seguintes traballos:


1º CICLO----------------------------------------------------------------------------------------------------

MICROPOESÍA

AMOR?

Non  te quero, non te amo,
déixame en paz,

Non me pegues, non me mates,
déixame vivir!

Cortándome as veas, eu morro,
el contento.

 Alejandra Fernández Armada, 1ºA ESO

MICRORRELATO

“A VILA DO NECESITADO”

Largou a fume de carozo daquel lugar. Como o atoparan? Non podía seguir fuxindo toda a vida, iso tíñao claro, pero, que faría? Xa estaba escurecendo, e, sorprendentemente atopou un bo sitio onde esconderse...quedou durmido... Espertou algo canso e mareado, algo normal, porque o día anterior correra media maratón.
Cando se ergueu, mirou ao seu redor, e quedou asombrado. Xa non estaba no bosque... estaba ás portas dunha pequena aldea.
-Estou tolo -pensou– Estou remotamente tolo.
Pero non, a uns metros de alí había un home, ao que lle preguntou:
- Perdoa, onde estamos?
Ao que este contestou:
- Este non é un sitio calquera, aquí só veñen os que o precisan. Se quedas levará unha vida tranquila, pero cunha condición. se entras, non poderás volver saír....

Hugo Rodríguez Pérez.  1ºB ESO

“MALDITA ESTRADA”

Largou a fume de carozo daquel lugar, non tiña moi bos pensamentos; estaba no seu coche e viu algo moi estraño, unha persoa. Naquela estada na metade da nada onde non había civilización ningunha... unha nena pequena estaba descalza, o boneco e o pixama cheo de sangue...
Virouse, liscou e arrincou o coche a todo gas. Pasaron as horas... Chegou á casa... Eran as tres e trinta e tres da madrugada!!
Moita xente dicía que a esa hora algo maldito pasaba nos arrabaldes da vila. Saíu do coche con tino. Ela sempre lles daba creto aos contos. De súpeto, escoitou un berro, viña das entrañas da casa...
Non vivía con ninguén... Quedou paralizada, até que viu a rapaza de antes saír da súa casa, achegouse e díxolle: “Nunca debiches irte...” 
Botouse a chorar e dende entón o crime segue aberto...

A seguinte serás ti...
Ariana Domínguez Fernández. 2ºA ESO

 CICLO----------------------------------------------------------------------------------------------------

MICROPOESÍA

"QUERÍAN QUE VOASE CON ELES..."

Querían que voase con eles.

O que non sabían era
que eu xa estaba no ceo.

Nayla Abeal Fernández. 3ºC ESO


MICRORRELATO

 “FUXIDA”

Largou a fume de carozo daquel lugar, o vestido arrastraba polo chan e non lle deu tempo a sorrir. As campás xa soaban e o cardado perdera volume, só os bos perfumes seguían a cheirar. Ao noivo saíanlle as bágoas. De súpeto entrou a alegría e o alivio, non soaba música nin había noiva, pero a felicidade era inmensa.

Martina Ameneiros Barreira. 3ºC ESO


BACHARELATO---------------------------------------------------------------------------------------------

MICROPOESÍA

"O BURATO"

Camiño por un burato negro,
estou asustada e perdida,
non lembro nada, todo está escuro,
levo moito tempo, non atopo o final!
Teño morriña, quero saír!
Este é o final, pero… non é o meu lar.

Mercedes Castro Freijomil 1ºA bach

"AS MELODÍAS"

Fannos ser como somos
os bailes da vida.

Podes bailar
ou quedo podes quedar.

Non o saberás
ata que empeces a bailar.

 Candela Torrente López. 1ºD bach


"LEMBRA"

Cara adiante, si, camiña, mais de vez en cando vira; vira e lembra,
lembra os mortos, os feridos, os que levan no corpo cicatrices
lembra os ledos, canfurneiros, cantareiros, satisfeitos e por que non, fachendosos
lembra ós teus; lembra ós alleos
cara adiante, si, camiña; acouga de vez en cando
sen esquecer que lembrando, adiantamos, camiñando

María Pillado Rico. 1ºE bach

                    "A GAIOLA"

Teño medo.
Non sei como saír de aquí.

Podo morrer
ou podo vivir.

Non sei en que pensaba
cando quixen entrar aquí.

 Laura Candal Marcos. 1ºF bach.

MICRORRELATO


"TODO REMATOU..."

Largou a fume de carozo daquel lugar.
O corazón latexáballe a mil por hora, as pernas xa non lle daban máis de si, e das mans pingáballe unha mestura de suor e sangue.
Miraba cara atrás constantemente, pero a rúa seguía baleira.
Sentou nun banco no medio dun parque a respirar, e un milleiro de imaxes apiñábanse na súa mente; o son do coitelo rompendo a pel, o líquido vermello brotando da ferida aberta... agora todo rematara, porén, a sensación de afogar non cesaba, e non puido evitar cravar o coitelo, aínda na súa man, no máis fondo do seu peito.
Agora si que todo rematou...
Mirou cara ao ceo e os últimos anos de vida pasaron por diante dos seus ollos. Os berros, os golpes, as malleiras... pero agora el estaba morto, e axiña ela tamén o estaría, só pensaba non atopalo no ceo...

 Raquel Sánchez Tuero. 1º C bach.

“EPIFANÍA”

Larguei a fume de carozo daquel lugar! Xa o sei, non era o correcto pero a idea de ser pai adolescente tomoume por sorpresa, non podía pensar, así que marchei. Entrei na cafetaría da rúa Real. Sentei e comecei a mirar ao meu arredor para fuxir dos meus pensamentos e entón vina, unha nena cun vestidiño e cuns zapatiños de charón, ollándome fixamente. Un home chamouna dende a porta, ela sorriume e coma unha fantasma tomou a súa man e marcharon xuntos. Nese momento souben o que tiña que facer, volvín sobre os meus pasos e atopeina nun banco chorando, sentei ao seu carón, puxen a man sobre a súa barriga e díxenlle:
Será a nena máis fermosa do mundo!
Miroume, sorriu e fun o home máis feliz do mundo.

Ángel  Novo Barro, 1ºD bach

Ningún comentario:

Publicar un comentario