Do martes 11 ao venres 21 de abril terá lugar unha nova edición do Desafio galego. O curso pasado tivo unha grande acollida tanto no alumnado como no profesorado esta iniciativa promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal, por iso decidimos realizala en 2023.
Nesta edición apuntáronse 274 alumnos e alumnas de bacharelato e ciclos. Durante estes dez días o estudantado comprométese ao uso da lingua galega entre as persoas participantes e a galeguizar as redes sociais. Ademais son propostos uns obxectivos concretos para estenderen o idioma propio de Galicia a todos os ámbitos (escolar, familiar, virtual...). Para esta edición contaremos como padriño o youtuber Mario Brión, máis coñecido como "Olaxonmario". O mércores 12 ás 11.20h no salón de actos realizará un obradoiro sobre creación cultural e dixital contemporánea en galego denominado "Gallaecia Pop". O Desafio galego concluirá o venres 21 de abril cunha xornada de convivencia nas Fragas do Eume onde visitaremos o mosteiro de Caaveiro, un lugar privilexiado para comprendermos o vencello intrínseco entre a diversidade biolóxica e lingüística.
|
Dous dos carteis que visibilizan no noso centro o compromiso coa lingua do alumnado: arriba, un verso de Novoneyra; abaixo, unha frase de Castelao. |
Compromiso de participación
O Desafío galego é un proxecto de innovación educativa. As persoas participantes forman unha comunidade de aprendizaxe co obxectivo de soster durante dez días un espazo seguro para lingua. O alumnado acepta de xeito voluntario e responsable un novo acordo lingüístico que o converte nun axente activo a prol do galego. Do martes 11 ao venres 21 de abril comprométese a:
1. Levar unha pulseira identificativa.2. Empregar o galego en todo momento coas persoas participantes do Desafío galego.3. Galeguizar as redes sociais (whatsapp, instagram, tiktok, twitter...) e divulgar contidos en galego (grupos de música, youtubeiros, filmes, publicacións, noticias...) co cancelo #DesafíoGalego.4. Ampliar os ámbitos de uso da lingua a medida que avance o Desafío galego. A proposta de cronograma é a seguinte para os seguintes días de abril.
5. Entregar unha reflexión (mín. 300 palabras) sobre a experiencia no Desafío galego e cubrir unha enquisa de valoración.
|
Outro dos carteis do #DesafíoGalego: "O Futuro non é vai pasar senón o que imos facer", sentenza que se popularizou coas pancartas das manifestacións de Nunca máis. |