27 de feb. de 2022
SÉCHU SENDE. COMEZAR A FALAR GALEGO
24 de feb. de 2022
Remata o #Desafío Galego con festa!
Fotografía de Sabrina Cobo Rey |
Velaí unha foto histórica no IES Concepción Arenal: O Rabelo e o alumnado e o profesorado implicado no Desafío Galego amosando con enerxía e forza as pulseiras do reto. Amando o galego!
Rematou o #Desafío Galego e rematou con festa!
Que gozada ver e oír O Rabelo!!! Que subidón nos deu ver unha cara nova cun discurso propio, corazón, voz e luz!
O Rabelo, Auro, fusiona tradición e modernidade, música de raíz e música electrónica, e canta muiñeira, e mazurca... e rap. Faino ao seu xeito, cunha mestura persoal de agrura e dozura, de rabia e de amor, de electricidade e lirismo. Ghasolina e ar fresco. As súas letras son reveladoras. Sábese útil e necesario, e, como Rosalía, con xenerosidade, afouteza e xenerosidade, tamén, dalgún xeito molla “no propio sangue a dura pruma / rompendo a vea inchada”. Grande Rosalía!
Fotografía de Sabrina Cobo Rey |
Fotografía de Sabrina Cobo Rey |
O Rabelo interpreta cantigas do pobo e, tamén, a ritmo de rap, dispara lume. Combate con carraxe todo o na sociedade atopa de mutilante. Con tan pouca idade, nos seus vídeos e nas súas cancións, aborda cuestións relativas á identidade individual e á identidade colectiva, os problemas do eu e os problemas de nós. Como Rosalía, si. Na fronte unha estrela no bico un cantar. Hai persoas que contan cousas porque ninguén as conta, e porque alguén ten que facelo; persoais que abren xanelas, portas e camiños, que derruban teitos e muros... e que nos sacan dos ollos as teas de araña que se nos forman, a miúdo, por estar mirando sempre o mesmo. Esas persoas saben ollar para dentro e saben ollar ao redor e na escuridade, coa visión periférica dos mouchos.
Que ben improvisa! O Rabelo, logo de anotar palabras que o público lle lanzou, meteunas habilmente nas súas rimas: desafío, toxo, Rosalía, capitalismo… até ornitorrinco!
Ao remate da actuación, ansiada por boa parte do alumnado que non puido baixar ao patio (a distancia de seguridade, xa sabedes...), todo o mundo quixo fotos co Rabelo. E as houbo. E houbo tamén quen lle agradeceu, desde o fondo da alma, como axuda á xente trans a darlle unha visibilidade que non ten.
Foi un pracer coñecer o Rabelo. Desexámoslle moita sorte na súa singular andaina.
A inesperada resposta do alumnado involucrado no Desafío e este broche final non puideron ser máis estimulantes. Hoxe, no remate do #Desafío, os chats do Departamento de Galego e do EDLG non pararon: deunos un evidente ataque de entusiasmo.
Somos followers do Rabelo. as imaxes que ilustran estta entrada son de Sabrina Cobo e dámoslle as grazas por pasárnolas.
E moitas grazas tamén a Xaime Rodríguez, que se ocupou do son... e soou moi ben!
Fotografía de Sabrina Cobo Rey |
Fotografía de Sabrina Cobo Rey |
21 de feb. de 2022
"Se cambias de lingua, cambias de vida"
"Se cambias de lingua, cambias de vida" é unha frase que Séchu Sende toma dun verso de Dereck Walkot e que nós tomamos tamén para titular esta entrada. No primeiro vídeo que podes ver abaixo destas liñas, o autor de Made in Galiza reflexiona sobre o paso de ser castelanfalante a ser galego falante. Explica todo o que iso comportou para el: provocoulle unha maneira distinta de ver o mundo e de relacionarse con el.
No segundo vídeo "Somos Legiom" podemos escoitar ao Rabelo, un artista que fai rap, música de raíz e música electrónica. Disidente, rebelde, reivindicativo, combativo e moi orixinal, O Rabelo é todo un fenómeno social. Coñecímolo como A Rabela cantando regueifas, nada menos. Podes seguilo en Youtube, onde ten moitos seguidores, e tamén na súa interesante páxina web. O Rabelo vai estar connosco para actuar no noso patio o día 23, Día de Rosalía, para o peche do Desafío Galego.
O terceiro vídeo é de Dakidarria, banda ska, reggae, ritmos urbanos e punk-rock galega, referencia da nosa música contestataria desde hai 18 anos. Xuntáronse para ensaiar en 2003 tras o desastre do Prestige e gravaron a maqueta “Diskordia nas Rías Baixas”. Logo gravaron discos en distintos selos. A maioría das súas letras comezaron sendo en castelán pero, co tempo, tomaron conciencia do problema lingüístico e comezaron a gravar en galego, ademais de teren cantado nunha decena de linguas (catalán, éuscaro, asturiano…). Nas súas letras critican o capitalismo, a globalización, o consumismo e a alienación, e defenden o internacionalismo, a liberdade dos pobos e a diversidade cultural. Na canción “Pobo de artistas”, que podes oír ao final, cantan tamén O Rabelo, Tanxugueiras e un montón de artistas máis que aparecen nos créditos do final.
No cuarto vídeo, Traumita, temos ao Rabelo falando sobre a Lingua Galega.
19 de feb. de 2022
Comezou o Desafío Galego con Séchu Sende
O pasado xoves 17 de febreiro comezou o Desafío Galego con moito éxito. A actividade, organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, involucra ao alumnado de Bacharelato a comprometerse a cumprir obxectivos co fin de empregar e divulgar o idioma galego por todos os ámbitos sociais: escolar, familiar, virtual...
Con algúns que se apuntaron a última hora, suman 223 os alumnos e alumnas dispostas!
Pulseiras que identifican aos implicados no Desafío. |
Nota de prensa que publicou La Voz de Galicia anunciando o comezo da actividade |
Foto de Sechu Sende durante a charla tirada por Jorge Meis. Acompaña a nota de prensa do Diario de Ferrol do 18 de febreiro. |
13 de feb. de 2022
14 DE FEBREIRO
Conta a lenda que Valentín era un crego cristián que na Roma do século III se dedicaba a casar en segredo a soldados nas adegas dos cárceres do Imperio. Sabedor deste feitos, o emperador Claudio II, que prohibirá as vodas dos mozos do exército por consideralas un impedimento para a eficiencia militar, mandou a captura e execución do relixioso.
Isto non é máis que unha lenda, pois non hai constancia histórica da existencia das accións deste mártir, o cal foi finalmente santificado coa finalidade de acabar coas lascivas festas Lupercais. O caso é que, desde a época medieval, ficou convertido en símbolo do amor humano. O propio papa que o santificara, Gelasius I, deixou en evidencia a súa falta de probas sobre os feitos que se lle atribuían.
Foi durante o século XIX cando, nos países anglosaxóns, comezou a tradición do intercambio de postais con mensaxes amorosas o día de San Valentín, o 14 de febreiro. Ao pouco, engadiuse o costume de agasallar a parella con rosas, bombóns e mesmo xoias. Pero non foi até ben entrado o século XX, cando as grandes empresas recolleron a figura de San Valentín e alentaron o seu padroado, pois atoparon nel un eficaz reclamo para aumentar as vendas.
A festividade foi eliminada do calendario eclesiástico en 1969, nun intento da Igrexa de eliminar do santoral católico aqueles santos de orixe lendaria. Pero aí segue a celebración ano tras ano, alentada por unha publicidade abafante.
Reutilizando parte do traballo publicado o 25N, aproveitamos a ocasión para, de novo, contribuír a desmitificar algunhas crenzas falsas sobre o amor, mitos que perpetúan os roles de xénero, fonte de desigualdade e violencia que compre neutralizar urxentemente.
4 de feb. de 2022
223 alumnos comezan a falar galego
A partir do xoves 17 de febreiro Ferrol contará con 223 galegofalantes máis. O 50% do alumnado de bacharelato do IES Concepción Arenal súmase ao #DesafíoGalego. Esta iniciativa do Equipo de Dinamización da Lingua Galega consiste en que o estudantado active a lingua e a conciencia lingüística. 140 alumnos de 1º de bacharelato e 83, de 2º de bacharelato van participar no #DesafíoGalego e comprométense a cumprir obxectivos concretos para estenderen o idioma propio de Galicia a todos os ámbitos (escolar, familiar, virtual...)
Nos días previos, o alumnado que desexe formar desta comunidade de aprendizaxe asinará un “Compromiso de participación” e seralle entregada unha pulseira identificativa do #DesafíoGalego. Profesorado, persoal non docente e ANPA están informados desta actividade e procurarán falar galego co alumnado implicado. Deste xeito procúrase normalizar todos os espazos: aulas, despachos de dirección, orientación, conserxaría, secretaría, cafetaría, biblioteca... O#DesafíoGalego foi creado para o Programa Innovative Language Teaching in a Bilingual Country, dentro do Proxecto Erasmus KA2.
Ao final do #DesafíoGalego, o alumnado participante debe entregar unha redacción (arredor de 400 palabras) ou ben un vídeo (arredor de 4 minutos) onde se recolla unha reflexión sobre a experiencia (dificultades, apoios, descubertas, valoración...). Para alén disto, terá que cubrir unha enquisa de valoración.
Para acadar o obxectivo final propóñense as seguintes metas diarias. Segundo o seu ritmo, o alumnado poderá gradualas:
Xoves, 17 de febreiro.
- Inauguración do acto a cargo de Sechu Sende; filólogo, escritor e profesor. Ademais compartir a súa experiencia como activista lingüístico é autor do célebre Made in Galiza.
- O primeiro paso é falar galego entre o alumnado que forma parte da actividade e empregalo nas redes sociais, dando a coñecer a cultura galega co hashtag #DesafíoGalego: música, filmes, vídeos, gastronomía, rutas de sendeirismo, paisaxes...
- O segundo paso sería falar sempre galego na aula e en todo o instituto.
- Na familia.
- Coas amizades que non pertenzan ao círculo escolar.
- Nas actividades extraescolares (deportivas, académicas, lúdicas)
- Vivir sempre en galego (medios de transporte, comercio, farmacia, médico, xulgado, rúa...)
Mércores, 23 de febreiro. Día de Rosalía de Castro.
- Clausura da actividade: Peche musical co Rabelo, artista trans pontevedrés que mestura o rap cos con xéneros propios da tradición galega como a regueifa.
PREMIOS:
- Mellor redacción: vale de 100 euros para mercar material nunha libraría.
- Mellor vídeo: vale de 100 euros para mercar material nunha libraría.
Os traballos entregaranse o venres, 25 de febreiro. Os premios outorgaranse á semana seguinte.
Concepción Arenal High School
O IES Concepción Arenal participa, desde hai tres anos, no Programa de Erasmus + chamado Lang Teaching in Bilingual Country ILG 2019-1-UK01-KA201-061951, proxecto de intercambio con países que posúen dúas linguas oficiais, neste caso Irlanda, Gales e Galicia.
O proxecto consiste en analizar os métodos actuais do ensino dos dous idiomas oficiais e colaborar para producir pautas que garantan a competencia lingüística nas dúas linguas por parte do alumnado. Na comarca participan como socios colaboradores o CFR, o IES As Telleiras de Narón e o CPR Plurilingüe Valle-Inclán de Ferrol.
Dentro das actividades encadradas neste grupo de traballo, o pasado 27 de Xaneiro recibimos a visita dos socios de Gales e Irlanda. No Equipo de Dinamización Lingüística do centro elaboramos unha presentación onde, logo de presentarlles as características do noso centro, nos centramos na exposición do ensino das linguas e no reparto dos usos lingüísticos. Así mesmo, recolle unha brevísisma visión panorámica da situación da nosa lingua e literatura.
Pasámolo a vídeo e podes velo aquí.