29 de nov. de 2021

25N. Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Cada 25 de novembro celébrase desde 1999 o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres para denunciar esta terrible lacra social e reclamar políticas para a súa erradicación.

Nestes días divulgáronse datos escandalosos que nos afectan de cerca: desde 2003 houbo en Galicia 63 feminicidios (catro no que vai de ano); 6000 galegas denunciaron unha agresión machista no 2021; máis de 4000 están vixiadas por alto risco de violencia; os xulgados galegos abren dezasete novos casos cada día…
E o problema vai en aumento: detéctase nas novas xeracións un preocupante retroceso, pois están a recuperar vellos estereotipos de xénero que deberían ir desaparecendo. Expertos galegos achacan isto ás mensaxes sexistas que se espallan nos medios de comunicación (nas redes, no cinema, na música…) e á pasividade das institucións. Nas escolas, faltan políticas de igualdade e actuacións educativas que axuden a previr a violencia de xénero.
No noso centro quixemos contribuír a sensibilizar sobre esta tremenda pandemia con esta presentación que podedes ver en vídeo e en pdf.


25N. Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres (vídeo)

1 de nov. de 2021

Premios Samaín 2021

As actividades do Samaín organizadas polo EDLG do centro remataron esta semana e, o venres 29, foron entregados no salón de actos os premios dos tres concursos convocados.

No concurso de microrrelatos de medo, o xurado, reunido en dobre sesión os días 26 e 27 de outubro, acordou galardonar do seguinte xeito:

  • O 1º premio do bacharelato (10  e lote de libros) levouno o relato titulado "Toc" de Melina Pardo Ramos (2ºC). Cristina Castro (2º C) mereceu un accésit (lote de libros) polo seu relato "Vilarmaior no 31 de outubro".
  • O 1º premio da ESO (10  e lote de libros) levouno o relato "O noso novo inferno" de Roi González Casal, de 3ºC. Sara López Villar (2º B) levou un accésit (lote de libros) polo seu relato "A casa encantada".
Alumnas premiadas no concurso de microrrelatos de terror.

Alumnas premiadas no concurso de calacús decorados: Sara Núñez Portela (1ºC ESO), Sara Jiménez (4ºD ESO) e Vanesa López Díaz (4ºC ESO).

Gañadores do concurso de recoñecer as Almas en pena, todos de 1º H: Sabrina Cobo Rey, Iago Dopico Orjales, Daniel Fernández Lorenzo e Sara Fontao Lorenzo.

Os protagonistas de Almas en pena, coa profesora Belén Roca, organizadora do concurso e directora da Performance.
------------------------------------------------

A continuación, podedes ler aquí os catros relatos premiados:

TOC 

A pesar da súa idade seguía conservando os rituais da superstición infantil, dándolles, co tempo, a forma dun trastorno compulsivo: comprobaba varias veces que a porta exterior tivese a chave pasada, que as ventás estivesen pechadas, que o gas quedase cerrado. As zapatillas ao pé da cama, perfectamente aliñadas. A roupa do día seguinte milimetricamente colocada.

Cando todo estaba en orde, deitábase. Na cama repasaba mentalmente todo o proceso: porta, ventás, gas… Ollar baixo a cama sería demasiado. Non puido evitalo, asomou a cabeza. Non había nada debaixo da cama.

Estaba case durmida. Pero, o gas… cerraría a panca totalmente? Parvadas! Ergueuse dun pulo para asegurarse. Quedou contrariada: as zapatillas espalladas, a roupa no chan, as ventás e a porta abertas… e ese olor a gas. Non era posible. Estaba certa de que todo quedara en orde, ou non… non sabía. Ía berrar, pero aguantouse para non espertar a ninguén. Repetiu todo o ritual.

Volveu, por fin, á cama. Tranquilizouna  o brazo do compañeiro de alcoba arredor da súa cintura e o seu alento na caluga. Pechou os ollos. Abriunos de novo. O terror apoderouse dela: acababa de caer na conta de que facía anos que vivía soa. 

Melina Pardo Ramos. 2º H BAC 



VILARMAIOR NO 31 DE OUTUBRO

Era un día normal, trinta e un de outubro dun ano coma calquera outro. Coma todos os anos, en Vilarmaior, os rapaces ás dez da noite colliamos os candís e iamos ata o cemiterio a xogar. Era costume visitar  todas as casas intentando asustar aos veciños, pero hoxe víase todo raro, a longa noite non deixaba apreciar o camiño. Ao chegar á última casa, fomos polo percorrido máis curto, e sen decatarnos xa estabamos no cemiterio. Empurrei a porta para entrar; sentina conxelada e quedei paralizada; oíase o forte vento que parecían voces, cando de súpeto se apagaron os candís dun sopro. Os rapaces empezaron a alterarse pero eu seguía paralizada, gritábanme e non reaccionaba. Pero, entre toda a escuridade apareceu un candil; estaba colgando e parecía que non o levaba ninguén. Empezaron a soar as campás da Igrexa, o candil achegábase cada vez máis a nós; e a medida que se aproximaba aumentaba o vento, malia que o seu candil non se apagaba. Eu non podía deixar de miralo, ata que meu irmán me agarrou e botamos a correr.

 Todos os rapaces din que era un veciño farto das nosas brincadeiras, pero eu sempre pensarei que esa noite xogamos coa morte.


Cristina Castro Freijomil.  2ºC BAC


O NOSO NOVO INFERNO

Todos coñecemos o clásico logo de Coca Cola, pero... alguén sabe a súa historia?

Eu fíxenme esa mesma pregunta e, despois, empecei a buscar na Rede. Descubrín varias cousas, como era de esperar: que era un símbolo antigo, algunha persoa... mais non puiden evitar fixarme nun enlace onde dicía que era un símbolo satánico, xa que nunha antiga lingua latinoamericana “Coca” significa “Noso” e “Cola”, “Inferno”. Esta teoría sostiña que a marca comercial xa nos estaba a dar certas advertencias. Seguín lendo máis sobre esta hipótese, a que por certo se chama Complectus, e continuaba dicindo que o seu slogan  deliciosa e refrescante, tamén está sacado desa lingua antiga e que quería dicir “bebe e morre”.

Despois disto, e xa canso de tanta estupidez, collín o portátil e púxenme a ver a televisión mentres tomaba unha Coca Cola, en forma de ironía á hipótese.

Nunha destas, mentres cambiaba de canle, vin unha noticia na que se dicía: “A xente morre por tomar Coca Cola”. Eu quedei abraiado e tirei o meu refresco pola ventá.

Decidín ir durmir mentres uns ollos vermellos me miraban dende un armario e se  retorcían de dor. Logo, saíu de dentro do roupeiro unha criatura semellante a un demo e díxome: “A curiosidade matou o gato, neno”, e,  acto seguido, atravesoume coas súas unllas longas e afiadas.

Roi González Casal, 3º C ESO

A CASA ENCANTADA

Era 31 de outubro e, coma calquera outro día, Xulia estaba na clase de Matemáticas. Era aburrida e púxose a falar con Carlos sobre o disfrace que levarían pola tarde. Estaban moi emocionados pensando no divertida que sería a festa de Samaín na casa de Marta, comendo doces e bailando todo o tempo. Tan contentos estaban que falaron demasiado alto e a profesora botounos fóra da aula.

Ao rematar a mañá, cada un foi á súa casa poñer o disfrace e logo ir á casa de Marta. Cando Xulia chegou estaba todo decorado con moitos adornos de Samaín, metía medo e todo! Ao entrar estaban todos os seus amigos: Marta levaba un disfrace de morcego, Carlos un de cabaza, Lois ía de momia e ela puxo o seu favorito: o de gato negro. Cando acabaron de merendar preguntáronlle á nai de Marta se podían pedir doces; dixo que si e comezaron a dar voltas polo barrio.

Despois de visitar moitas casas chegaron a unha un pouco estraña, pero decidiron chamar ao timbre igualmente. Apareceu unha señora coa cara tapada, non se podía recoñecer quen era. Preguntoulles que facían alí a esas horas da tarde cunha voz moi grave, que facía dubidar se era un home ou unha muller, e eles responderon que estaban a pedir doces. Ela díxolles que se os querían terían que acompañala ao interior da casa.

A Marta e a Xulia non lles parecía unha boa idea, pero Lois e Carlos parecían emocionados por saber que había no interior, así que decidiron seguilos. Ao entrar, a porta pechou facendo moito ruído, e a muller díxolles que como xa tiñan entrado non volverían marchar da casa, que quedarían nela o resto das súas vidas. Os nenos comezaron a pedir axuda a berros, pero ninguén os escoitaba. Entón, a muller descubriu a súa cara; era terrible, estaba desfigurada, e eles, ao vela, berraron ata quedar sen aire.

E así foi como morreron. 

Segundo din, as súas almas permanecen e permanecerán na casa por sempre. 

Sara López Villar. 2º ESO B

15 de out. de 2021

Premios "Poesía e Imaxe" 2021


Ás sete da tarde do pasado 13 de outubro no centro Cultural Torrente Ballester tivo lugar o acto de entrega de premios do XXI Certame Artístico de Poesía e Imaxe «En galegosen filtro». Resultaron seleccionados un total de 26 traballos de distintas modalidades: dez de educación primaria, cinco de ESO, catro de educación infantil, tres de bacharelato, tres da modalidade audiovisual e un de ciclo formativo. Catro dos vinte e seis traballos tiveron autoría colectiva e os demaisforos de autoría individual. Participaron no certame trece centros educativos. 


ALUMNADO PREMIADO:


Modalidade A (Debuxo, pintura, collage e fotografía)

ESO.  Gañadora: Sabrina Cobo Rey (4º B ESO). Poema en lingua castelá

BACH. Gañadora: Marta Corral Ares (2º H BACH). Poema en lingua inglesa.


 Modalidade B (Audiovisual)

Gañadores:

         ESO. Alumnado de 3º D. Lingua inventada.

         BACH. Edan Pazos Barroso (1º H BACH)


PARABÉNS A TODOS E A TODAS!

Ana Dopico, coordenadadora do Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro co alumnado premiado.

Marta Corral Ares foi a autora do debuxo elixido para o cartel do Certame deste ano.

Debuxo premiado de Sabrina Cobo Rey


Audiovisual premiado de Edan Pazos 




13 de out. de 2021

CELEBRAMOS O SAMAÍN


O Equipo de Dinamización Lingüística do centro organizou unha serie de actividades para celebrar a festa do Samaín. A macabra pero divertida noite do 31 de outubro está a chegar!

 

O tradicional Día de Defuntos desde hai tres décadas deuse en chamar co nome de Samaín, o cal procede do gaélico irlandés, Samhaim, que significa "fin do verán". Trátase dunha celebración europea milenaria de orixe pagá, arraigada no nosa Terra, e que por culpa da adopción da norteamericana, ficou xa case reducida a unha festa de disfraces. 

Co Samaín, os antigos celtas celebraban a transición do estío ao inverno na noite que vai do 31 de outubro ao 1 de novembro. Segundo a tradición, esa noite é máis fácil transitar entre os dous mundos: o dos vivos e o dos mortos. Os mortos poden transitan polo noso mundo e os vivos podemos transitar polo alén.

 

O EDNL organizou as seguintes actividades:


  • CONCURSO DE CABAZAS DECORADAS

Podedes empezar a tráelas a partir do 25 de outubro. Estarán expostas toda a semana e as tres mellores serán premiadas por un xurado con membros do profesorado e do alumnado. Sabías que a noite de Defuntos tamén se chama a noite dos Calacús, porque así se chama a variedade de cabaceira grande que se adoita empregar nesta festa?


  • CONCURSO DE RELATOS DE TERROR

Demostra o teu talento macabro e escribe un breve relato dunhas 150 ou 200 palabras. Premiaremos os tres mellores, pero seguro que todos meten medo.

 

  •  CONCURSO DE IDENTIFICACIÓN DE ÁNIMAS EN PENA

Haberá unha performance escenificada polo grupo de Artes Escénicas do instituto, dirixido por Belén Roca. Un fato de ánimas en pena percorrerán a xeito de zombis os nosos corredores no segundo recreo do venres 29 de outubro. Os primeiros e as primeiras alumnas en recoñecer os tétricos personaxes que representan (haberá pistas suficientes...) levarán un premio.

 

Animádevos e participade! 

27 de xuño de 2021

Premios Carmela Loureiro 2021

Unha vez máis, festexamos con ledicia que o noso IES Concepción Arenal ten alumnado galardoado no Certame Literario Carmela Loureiro, que este ano celebrou a súa sétima edición. 

O certame, que reúne a once centros escolares de Ferrol e comarca, está convocado polo Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra (CENL), en homenaxe a unha muller que foi docente e presidenta da CENL e que se dedicou con intensidade á promoción da nosa lingua e cultura.  

 

A entrega de premios tivo lugar onte, sábado, 26 de xuño, no patio do Centro Cultural Torrente Ballester, nun acto presidido polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato. Asistiron tamén a concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados, e os edís –e profesores do noso centro – Suso Basterrechea (FeC) e María do Mar López (BNG), así como Martina Aneiros (PP).

 

Ademais dos nove galardóns previstos, repartíronse a maiores doce accésits, o cal, segundo o alcalde, reflicte o alto nivel dos textos presentados (microrrelatos, micropoemas e pezas de microteatro).

 

Os 67 traballos entregados foron valorados por un xurado conformado por Rosa Aneiros, Manuel Rei, Cristina Prados, Beatriz Bascoy, Candela Ranhal e Jéssica Criado.

 

As alumnas premiadas do noso centro cursan primeiro de bacharelato (categoría D do certame) e son: Ana Belizón Freire, de 1ª A, que levou o primeiro premio na modalidade de micropoesía co poema “San Xoán”; Natalia Gómez García (1ª A) polo microrrelato “A vella casa familiar” e Laura Álvarez Chaos (1ª E) polo microrrelato “A nova utopía”.

 

Parabéns ás tres autoras!


Ana Belizón, primeiro premio de poesía, entre a escritora Rosa Aneiros e o profesor Manuel Rei.





Rosa Aneiros, Natalia, Gómez, Manuel Rei e a nai de Laura Álvarez. 








 Á esquerda, o alcalde Angel Mato, a nai de Laura Álvarez e María do Mar López. Á dereita Ángel Mato, Laura Álvarez e Suso Basterrechea.



9 de maio de 2021

Xela Arias. Vida e obra.

PRESENTACIÓN EN LEMBRANZA DA POETA XELA ARIAS,  LETRAS GALEGAS 2021.