30 de dec. de 2022

O reino medieval galego

O mércores 14 de decembro tivemos a fortuna de contar coa presenza do profesor Francisco Rodríguez que veu ao noso centro para dar unha charla sobre "O reino medieval galego". 

Francisco Rodríguez Sánchez naceu en Serantes (Ferrol) en 1945 e foi alumno do noso centro. Doutor en Filoloxía Románica e catedrático de Lingua e Literatura española, Rodríguez é un crítico literario de prestixio incontestable. Os seus ensaios sobre Rosalía, Curros Enríquez ou Blanco Amor  supuxeron un fito histórico, pois marcaron un antes e un despois na visión que se tiña destes grandes escritores. Foi tamén un incansable político: un home que foi militante nacionalista clandestino durante o franquismo, que sufriu desterro e prisión, que foi deputado polo BNG no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados... 
Neste ano 2022 que vai rematarpublicou dous densos e rigorosamente documentados tomos sobre o reino galego medieval. Coa vontade de combater a ignorancia colectiva sobre o noso pasado medieval e co título xenérico de Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza, tanto o  tomo I: A relevancia do Reino Galego Medieval, como o tomo II, Un reino con clase dirixente, afondan no coñecemento sobre a nosa historia nos séculos XIII e XIV, e pon o acento nas deformacións e ocultacións intencionadas que sobre ese período se teñen producido. 

Francisco Rodríguez, que estudou Historia e Filoloxía Románica na Universidade de Madrid, considérase, máis que filólogo, un historiador que se dedicou a aspectos relevantes da literatura galega ou á situación sociopolítica do galego. Sostén que moitas claves para explicar a situación da Galicia actual débense buscar na Baixa Idade Media, ese período crítico tan mal estudado. 

A charla, seguida moi atentamente por un alumnado de Primeiro de bacharelato que enchía o Salón de Actos, aínda que ocupou o tempo de dúas clases, ficou curta. Revelou moitos datos que ignoran os nosos libros de historia; deitou luz sobre unha verdade histórica anulada, sobre a existencia dun pobo galego cunha realidade de seu, específica, con dereitos. Falou da catedral románico-gótica de Compostela, cunha localización e grandeza totalmente inexplicable sen a existencia previa dun reino importante, o galego. Falou da importancia dos reis galegos, algún dos cales, Fernando II e Afonso VIII, patrocinadores do Pórtico da Gloria e que están soterrados no Panteón Real da Catedral; falou tamén de intrigas de poder, de cronistas que ocultan datos en pro da grandeza do reino de Castela que preferiu a denominación de Reino de Asturias, aínda que todo o peso político, demográfico e cultural estivera en Galicia.

Presentaron o acto dous profesores de galego. Logo dunha breve introdución de Manuel Rei, quen tivo a sorte de ser alumno -avantaxado- de Francisco Rodríguez cando este era profesor no instituto da Estrada (Pontevedra), falou logo con máis demora, o profesor Marcos Abalde, quen fixo unha moi interesante introdución á charla. 

E, ao remate, quedamos con ganas de máis. Agardamos que Francisco Rodríguez poida volver outro día para desvelarnos máis datos descoñecidos sobre o noso pasado, vítima da obstinada ocultación, da terxiversación interesada, e mesmo da ignorancia que acompaña a historiografía españolista dominante.

Francisco Rodríguez no Salón de Actos durante a charla.


29 de out. de 2022

Recitado Carvalho Calero 2022

O pasado martes, 25 de outubrotivo lugar o Recitado Carvalho Calero no Centro Cultural que leva o nome do ilustre ferrolán homenaxeado. O público, que enchía o aforo do local, puido gozar das distintas actividades organizadas en varios centros de FerrolterraAdemais do noso centro, tiveron representación alumnado dos institutos de Canido, Sofía Casanova e Saturnino Montojo de Ferrol, As Telleiras de Narón e o Carvalho Calero de Caranza; así como tamén o colexio Ludy e o CPI Atios de Valdoviño.

Despois de dous anos sen poder realizarse por mor da pandemia, volveuse deste xeito pór o colofón ao programa “Teatro con G”.  


Alumnado de Arte Escénicas antes e durante a súa actuación.

A proposta escénica que levou o alumnado de Artes Escénicas do noso centro, dirixido polo profesor Marcos Abalde, tivo unha unha grande acollida e foi moi aplaudida. 


En palabras de Belén Roca, que sabe ben disto,  "a composición foi moi delicada e natural, o texto, por suposto, extraordinario, e os artistas transmitirono con moita forza e lirismo". 

 

Traemos aquí o impoñente poema de Carvalho que interpretaron, e que poderás oír no vídeo, ao final deste texto. É pena que o son non teña unha mellor calidade da que ten. 


O texto, ben acompañado pola Sarabande de Haendel, describe maxistralmente o horror dos anos de Ditadura, un horror que non debe repetirse nunca máis.


Para rematar, damos os parabéns ao grupo, que, se ficaron impregnados dos versos de don Ricardo, de seguro procurarán "conquistar umha faísca de lume prometeico e ser

um pouco deuses".

 

COMO PUIDEMOS VIVER

 

Como pudemos

viver? Os olhos múltiplos e insones

de Medusa fixos em nós à espreita. 

As bocas das metralhetas 

apontando-nos. A censura

postal  —fatídico agoireiro— 

lendo as nossas entranhas. 

Os sacristaos passando lista

às portas das igrejas. Nos cafés,

os contertúlios anotando

as nossas reacçons perante

as notícias do rádio. 

Clitemnestra na cama. 

Na escola, os nossos filhos aprendendo

a condenar-nos, a 

desprezar-nos, a

denunciar-nos, a falarem na língua

com que insultados fomos e julgados 

réprobos, e na qual foi estendida

a acta que nos levou

ao paredom, ao cárcere, ao desterro;

a língua com que nos indultarom

para nos reinserir arrependidos 

no mundo que quigéramos 

substituir. Muitos morrerom, mas

nom falo agora desses mortos; falo 

dos que tiveron que viver morrendo 

entre os seus matadores, lendo a imprensa

que de lama os enchera, saudando

as insígnias contra as quais militaram.

Como pudemos

viver? E mais vivêmos.

E comêmos, dormímos, engendrámos

crianças: se havia quê comer, se havia 

leito para dormir ou para amar. 

E é que, assi como o home sossegado, 

bondoso e cortês, pode 

converter-se em malvado,

besta cruel; e a mulher terna e fina, 

em selvagem ouveante alimária:

assi tamém o home inquieto,

íntegro e valoroso pode 

transformar-se em sofrida

besta de carga ou tiro, e a mulher

que as teias acendia da vitória, 

em abatida fêmea

de miserenta espécie soterranha. 

Assi hienas e vermes,

formas de desumana humanidade, 

encarniçam-se, arrastram-se.

Nom haveria lobos

se nom houvesse anhos. 

Milhafre e pomba todos podemos ser. 

Isso é ser home: humilhar ao home

ou humilhar-se perante o home. Todos

podemos humilhar-nos e humilhar. 

Isso é ser home. Mister seria

para nos prevenir de sermos

bestas depredadoras ou servis, 

conquistar umha faísca 

de lume prometeico e ser

um pouco deuses, home e deus à par,

na força e na renúncia;

mas isso só é possível

sobranceando o humano,

cando águia é a hiena, e anjo o verme,

sobre a terra a voar,

segundo a desumana fórmula

de Friedrich Nietzsche ou de Cristo Jesus.



23 de out. de 2022

Samaín 2022

O Equipo de Dinamización Lingüística do centro organizou dúas actividades para celebrar a festa do Samaín

• Concurso de cabazas decoradas
• Concurso de relatos de terror (aproximadamente 150-200 palabras).

QUE É O SAMAÍN


Hai unhas tres décadas que ao tradicional Día de Defuntos, cristianizado co nome de Todos os Santos, lle chamamos Samaín. Esta palabra procede do gaélico irlandés, Samhaimque significa "fin do verán". É unha antiquísima celebración europea de orixe pagá, que conservou arraigo no nosa Terra, como tamén en Irlanda. 


Co Samaín, os antigos celtas celebraban a transición do estío ao inverno na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro. Segundo a tradición, nesa noite é máis fácil transitar entre os dous mundos: os vivos polo mundo dos mortos -o Alén-  e os mortos polo noso mundo. 


Nin truco nin trato. A adopción internacional da versión norteamericana, Halloween, ficou nun sucedáneo consumista que a deixou reducida a pouco máis que unha festa de disfraces. 


Calacús. En moitos lugares mantívose a tradición de empregar cabazas como decoración nesta festividade. A variedade de cabaza que se traballa é a Cucurbita maxima que dá un froito grande, arredondado. Chámase tamén caiotacalacú e cabaceira. En Mugardos os rapaces metíanlles unha vela no seu interior e, pola noite, percorrían a vila... Castañas non faltaban para comer.

  Fotografía de José Antonio Gil Martínez. Casa dos druidas, Vigo 2008
               



22 de out. de 2022

Charla de Séchu Sende

Séchu Sende con Marcos Abalde, quen presentou o acto.

























O Salón de actos do noso instituto ficou pequeno para albergar o alumnado o pasado día 18, onde volvemos contar coa sempre enriquecedora presenza do escritor Séchu Sende.

Séchu estivera connosco o pasado mes de febreiro e a charla fixérase curta, así que volveu este martes pola tarde e deu unha charla na que asistiu o alumnado de segundo de bacharelato, o cal está a ler o seu libro “Made in Galiza”. Ficaron sen poder asistir alumnos de 1º de Bacharelato, pero o aforo estaba completo. 

Séchu é un home polifacético. Neste enlace podes ver un vídeo que elaboramos no centro para aproximarnos á súa figura. Coñeciámolo daquela como narrador, poeta, sociolingüista, promotor cultural, dinamizador social, artista gráfico e profesor. Tamén domador de pulgas! E descoñeciamos entón que, ademais de todo o dito, é tamén regueifeiro e... mago! Séchu sempre sorprende, e tivemos a fortuna de comprobalo o pasado martes, pois adiviñou as palabras que escribiron algúns asistentes á charla.

Ao remate da charla, centrada no obxectivo da procura da concienciación lingüística, asinou libros e, xeneroso como sempre, acompañou as sinaturas con fermosos debuxos.  

Cartel co que anunciamos o acto


21 de out. de 2022

Laboratorio de Apoderamento Lingüístico

O Laboratorio de Apoderamento Lingüístico de Ferrolterra é un proxecto piloto de dinamización do uso do galego entre a mocidade, o cal foi deseñado pola asociación ferrolá Rexenerando e está financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do programa TeCe Redes.


Catro centros de Ferrolterra desenvolven neste mes de outubro e en novembro esta primeira edición: son, ademais do IES Concepción Arenal, o IES Carvalho Calero, o IES Sofía Casanova e o IES Punta Candieira de Cedeira. Haberá unha sesiónintercentros o 11 de novembro. Marcos Abalde é o profesor encargado no noso centro.


Trátase dun proxecto que aborda a cuestión lingüística dun xeito innovador, incorporando novas ferramentas e dando espazo ás emocións e á propia experiencia. Desenvólvese nos meses de outubro e novembro e esta primeira edición consta de dúas sesións de 100 minutos entre o 13 e o 27 de outubro, e unha sesión intercentros o 11 de novembro. 
O alumnado voluntario exporá as propostas e recursos recompilados previamente, unha serie de accións activadoras da lingua nos seus contextos máis próximos. 

O acto de peche celebrarase o 29 de novembro para compartir publicamente as propostas de intervención lingüística resultantes e celebrar a potencia creativa e o compromiso activo da mocidade co noso idioma. 


Queremos pór remate a esta entrada cos primeiros versos do poema “Ítaca” do poeta grego Kontantino Kavafis. Parabéns ao alumnado implicado e ao profesor Marcos Abalde. 

 

“Cando emprendas a túa viaxe cara a Ítaca 
pide que o camiño sexa longo, 
cheo de aventuras, cheo de experiencias. 
Non debes temer nin os lestrigóns nin os cíclopes, 
nin a furia do airado Poseidón. 
Nunca tales monstros acharás na túa ruta 
se o teu pensamento se mantén elevado, 

se unha exquisita emoción inunda a túa alma e o teu corpo”. 


Desexámoslles unha feliz e frutífera viaxe.

28 de maio de 2022

Once matrículas de honor!


Achegamos imaxe do alumnado cos mellores expedientes de bacharelato deste curso. Once dos titulados -oito mulleres!- obtiveron un título de honra. Catro obtiveron a máxima cualificación, un 10, en todas as materias: Nora López González, Antía López Martínez, Alejandro Lamas Martínez e Carolina Balado Puentes. Completan a listaxe: Carmen Fernández Sanjosé, Elena López-Turnes Rodríguez, Lara Lorenzo Hernández, Aitana Vázquez Martínez, Hugo Seijas Bouzamayor, María Baños Rodríguez e Hugo López Berdeal. Están todos na imaxe xunto ao Director do centro, Manuel Rei (sentado, á dereita).

Catro dos honrados queren estudar Medicina, e, os demais, Criminalística Forense, Enxeñaría Biomédica, Bioloxía ou Artes. 

Parabéns a todas e a todos, e moita sorte nas probas ABAU de acceso á universidade.

22 de maio de 2022

O #DESAFÍO GALEGO EN RADIO FILISPIM

No programa “Unha tarde no muíño” de Radio Filispim, o pasado mércores 18 de maio, Silvia Picos entrevistou dúas invitadas do noso centro que foron falar do #Desafío Galego. Ana Dopico, Coordinadora do EDLG, e Candela Pérez, de 2º D Bach, falaron deste proxecto de intercambio con Gales e Irlanda, organizado a través da CFR de Ferrol.

O proxecto comezou hai tres anos pero ficou interrompido pola pandemia. Do noso centro foron xa en 2020 a Cardiff, Gales; e este ano, tres profesoras foron a Irlanda, concretamente a Dingle, no condado de Kerry. Alí, elas comprobaron que o caso do galego non é tan dramático como o do gaélico galés e o do gaélico irlandés, que só emprega unha parte moi reducida da poboación.

Ana e Candela explicaron como resultou o #Desafío Galego: o inicio coa charla de Séchu Sende, o reto do alumnado que en distintas fases involucrou voluntariamente a máis de 200 alumnos e alumnas, o peche do reto co concerto do Rabelo, a enquisa do resultado e exposición na aula das conclusións.

Candela apuntou -nun galego magnífico que temos que aplaudir- que a experiencia foi difícil pero moi boa, polo que agradeceu ao centro que a propuxera. Explicou que ela, castelanfalante como a inmensa maioría do alumnado, falaba galego esporadicamente, pero pasar a falalo con normalidade resultáballe impensable. Explicou que a decisión de dar ese paso esixe de forte vontade, pois só intentalo resultaba complicado polo forte "aluvión en contra", que retrae as gañas de facelo. Aplaude experiencias como esta, que fortalecen a concienciación.

Grazas polo teu testemuño, Candela!

Se queredes oír o audio, tedes o podcast en Ivoox, Unha tarde no Muiño 146 https://go.ivoox.com/rf/87222134

21 de maio de 2022

Catro poemas de Florencio Delgado Gurriarán

Achegamos catro presentacións -que fixemos no EDLG do centro- con catro poemas de Delgado Gurriarán, Letras 2022, a quen vemos na imaxe coa súa filla Maruxa. Os textos representan catro rexistros distintos -dous líricos e dous satíricos- dunha voz plural. 

-"Vente, ventiño do norte", que parte, como os Cantares de Rosalía, dun cantar popular ("Vente ventiño do norte / vente ventiño norteño. /Vente ventiño do norte /serás o meu compañeiro”). 


-"Ao reiseñor", escrito en 1923, adianta en anos o neotrobadorismo, movemento poético que toma como referente e modelo as composicións medievais galego-portuguesas.


-"Opinións sobre o galego", pioneiro tamén polo seu contido sociolingüístico. É unha das súas sátiras contra os galegos que renuncian ao propio idioma, e escribiuno décadas antes do célebre “Deitado frente ao mar” de Celso Emilio Ferrero.


-"Marcha militar", sátira belixerante escrito en plena Guerra Civil que ataca os violentos golpistas falanxistas. 

A

16 de maio de 2022

Ledicia Costas no IES Concepción Arenal

Non na Biblioteca como estaba previsto pero si no Salón de Actos, o 9 de maio tivemos o gusto de ter connosco a Ledicia Costas, narradora recoñecida con importantes premios, moitos deles de literatura infantil e juvenil.

A escritora falou das súas obras, especialmente de Golpes de luz, divertida novela que está a ler parte do alumnado e que xira arredor da intrahistoria dunha familia rural, dos segredos que marcan a vida de tres xeracións.

Ao remate, asinou exemplares dos seus libros.



15 de maio de 2022

XXII Certame de Poesía e Imaxe

O venres 13 de maio entregáronse os premios do XXII Certame de Poesía e Imaxe no Centro Cívico de Canido, certame no que participou alumnado do noso centro e de varios colexios da comarca. 

Alí estaban os nosos representantes, Martín Rivas Dopico (2°C ESO) que ilustrou “Tanto te escondiche, sol” de Noriega Varela, e Andrea Pena Ramón (2º H Bac), que ilustrou un fragmento de “Engano”, de Pooyan Farmanbar.


3 de abr. de 2022

Gañadores do Certame "POESÍA E IMAXE"

O día 3 de marzo, entre os alumnos que presentaron traballos ao XXII Certame de Poesía e Imaxe, foron seleccionados os seguintes:

 

·      Martín Rivas Dopico (2° C ESO). Ilustrou “Tanto te escondiche, sol...”, un poemiña do "poeta da montaña", o mindoniense Antonio Noriega Varela (1869 - 1947).


·      Andrea Pena Ramón (2º H Bac). Ilustrou “Engano”, un poema de Pooyan Farmanbar, poeta iraniano moi novo (naceu en Rast no ano 2000) que escribe na súa lingua, o persa. A proposta é para o remate do poema, pero a nós gústanos o texto completo e achegámolo coa imaxe do traballo.


 

Parabéns aos premiados: fixeron uns traballos estupendos!

30 de mar. de 2022

Aurora Marco no IES Concepción Arenal

Aurora Marco na biblioteca do noso centro
O oito de marzo foi xornada de conmemoración: celebrouse o Día Internacional da Muller. O día anterior, o luns día 7, contamos coa presenza na nosa biblioteca da ensaísta Aurora Marco, que veu var unha charla ao alumnado de 4º da ESO sobre o seu libro Irmandiñas.  Aurora, é autora de diversas publicacións que buscan recuperar, visibilizar, valorizar e homenaxear mulleres que a historia oficial, tan androcéntrica ela, oculta, escurece e discrimina sistematicamente.

Nesta liña están:

·      As precursoras. Achegas para o estudo da escrita feminina (Galiza 1800-1936), 1993, La Voz de Galicia.

·      Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras, 2002, Edicións do Castro.

·      Dicionario de mulleres galegas. Das orixes a 1975, 2007, Edicións A Nosa Terra.

·      Mulleres na guerrilla antifranquista galega, 2011, Laiovento.

·      Elas, 2015, A Xanela Editorial.

 

O seu libro Irmandiñas, publicado por Laiovento en 2020, céntrase na presenza das mulleres no movemento galeguista xerado a partir das Irmandades da Fala (1916-1936), cuxas vidas e obras ficaron sumidas na sombra.

12 de mar. de 2022

Encontro con Antón Cortizas

O xoves 24 de febreiro contamos de novo coa presenza de Antón Cortizas. Veu á nosa biblioteca para falar da súa novela Leonel co alumnado de 1º da ESO, que está a ler o libro. 

Antón (Ferrol, 1954), ademais de mestre e escritor de literatura infantil e xuvenil, é tamén un experto en actividades lúdicas e didácticas: investiga xogos tradicionais, fai sombras chinescas, papiroflexia, etc. 

Ao remate da charla, guiou aos rapaces na confección dun avión de papel coa técnica da papiroflexia, manualidade que consiste en facer figuras decorativas de papel simplemente dobrándoo, sen cortalo nin pegalo.

O acto foi organizado polo Departamento de Lingua e e Literatura Galega e o EDLG en colaboración coa Biblioteca do centro Saturnino Hermida.









11 de mar. de 2022

ENTREGA DE PREMIOS DO #DESAFÍO GALEGO


Hoxe no primeiro recreo entregáronse no Salón de actos os premios dos concursos de redacción e de vídeos do #Desafío Galego. Repartíronse douscentos euros e uns agasallos entre os galardoados (arriba na foto).
Agasallos para os gañadores

Mellores vídeos:

-   Zaharat Essafae Mouane (1º C bach.)

-   Antía Evia Soto (1º H bach.)

 

Mellores redaccións:

-   Cecilia González Alvariño (1º A)

-   Emanuel Castillo Landázuri (1º B bach.)

-   Noa Cortizas Fernández (1º G bach.)

-   Antía López Martínez (2º A bach.)

-   Alejandro Lamas Martínez (2º B bach.)

-   Manuel Dopico Caneiro (2º C bach.)

-   Laura Álvarez Chaos (2º F bach.)

-   Andrea Pena Ramón (2º H bach.)

 

Parabéns de novo!!!