14 de mar. de 2024

Nuria Vil amadriñou o Desafío Galego e preestreou o seu videopoema "Delincuente"

Nuria Vil durante a charla, sentada xunto ao seu libro Simún

O escritor Sechu Sende foi o padriño da primeira edición do Desafío Galego; o youtuber Olaxonmario apadriñou a segunda, e nesta terceira edición do Desafío Galego foi a poeta e recitadora Nuria Vil quen veu para amadriñar esta actividade.

Nuria é unha das voces emerxentes da poesía galega, unha artista polifacética que entende a poesía como elemento integrante dun proxecto multidisciplinar e que debe achegarse á xente. 

Ela é referente en Galicia como creadora de poesía oral, do emprego da palabra falada, de relatos sonoros… Andou en grupos de teatro, tocou o saxo e a guitarra, participou en torneos de slam, desenvolveu centos de recitais, de performances… O seu libro Simún, publicado en 2021, vai xa pola cuarta edición. Moi activa no mundo das redes sociais, converteuse nunha importante instagrammer e youtuber, combatendo o machismo, o racismo, a LGTBfobia... Ademais, dá clases de galego, é monitora de ocio e tempo libre, colabora en diversas plataformas de crowfunding... Tamén se adentrou no mundo da dobraxe, e, agora, está inmersa no audiovisual. 


Non contábamos con iso, pero tivo a xenerosidade de sorprendernos coa preestrea -non está totalmente rematada- da súa curtametraxe “Delincuente”, inédita. O proxecto, un intenso videopoema, está baseado na figura de Eduarda “A Maradona”, unha delincuente xuvenil do convulso Vigo dos oitenta. Foi ideado, segundo nos contou na charla, a partir dunhas palabras da poeta Xela Arias: “Se non tivese o recurso de esparexer os pantasmas nos signos das letras, é ben seguro, sería delincuente”.  Nuria, que cre no poder transformador da poesía, recitou algúns textos seus e alentou o alumnado comprometido no Desafío no uso da nosa lingua.


Nuria contoulle á rapazada de bacharelato presente no salón de actos as súas experiencias lingüísticas- Estudou Galego e Castelán nas universidades de Vigo e Compostela. explicou que motivou seu cambio de idioma, e tamén as reaccións da xente por tal actitude. Ela, dixo, tomou dúas decisións lingüísticas na súa vida: a primeira cando con vinte anos deu o paso a falar galego, pouco usado na súa cidade natal (Vigo comparte con Ferrol o triste honor de ser o espazo urbano galego con menor número de falantes); a segunda decisión foi cando optou por incorporar ao seu galego os trazos fonéticos da súa zona: o seseo e a gheada, trazos estigmatizados do galego popular. As dúas foron decisións contracorrente, sen dúbida. 

Nuria foi escoitada por un atento alumnado, que ao remate da charla fixo diversas preguntas.

O acto foi presentado polo profesor Marcos Abalde, escritor e xefe do departamento de Lingua e Literatura Galega do noso centro.

NURIA VIL RECITA O POEMA "REZO POR TI" (FRAGMENTO)


GALERÍA DE FOTOS DA CHARLA 


NOTICIA DO ACTO en Diario de Ferrol (14/3/2024)






6 de mar. de 2024

Comeza o #DesafioGalego 2024!

“Se cambias de lingua, cambias de vida" 

(Séchu Sende).

Do luns 11 ao venres 22 de marzo terá lugar a terceira edición do Desafío galego, unha iniciativa promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal de Ferrol. Nesta edición inscribíronse 234 alumnos e alumnas de bacharelato. Durante estes dez días o estudantado comprométese ao uso da lingua galega entre as persoas participantes e a galeguizar as redes sociais. Ademais son propostos uns obxectivos concretos para estenderen o idioma propio de Galicia a todos os ámbitos (escolar, familiar, virtual...). 


Para esta edición contaremos como madriña a poeta e instagrammer Nuria Vilán Prado, máis coñecida como "Nuria Vil". Defínese como “resitadora” e busca hibridar a palabra con formas de arte experimental e performática cun discurso fortemente marcado pola vindicación social.  A súa intervención terá lugar o mércores 13 de marzo, de 10.30h a 12.10 h, no salón de actos do IES Concepción Arenal. 


Nuria Vil

O Desafío galego concluirá o venres 22 de marzo cunha excursión a Ourense, onde o profesor e investigador Manuel Rei Romeu presentará o libro “Otero Pedrayo no IES Concepción Arenal”. Neste texto recóllese o manuscrito inédito de Ramón Otero Pedrayo atopado no arquivo do centro, onde o membro da Xeración Nós recrea a súa experiencia como alumno e a motivadora influencia de certos profesores do instituto histórico de Ourense que actualmente leva o seu nome.