A partir do xoves 17 de febreiro Ferrol contará con 223 galegofalantes máis. O 50% do alumnado de bacharelato do IES Concepción Arenal súmase ao #DesafíoGalego. Esta iniciativa do Equipo de Dinamización da Lingua Galega consiste en que o estudantado active a lingua e a conciencia lingüística. 140 alumnos de 1º de bacharelato e 83, de 2º de bacharelato van participar no #DesafíoGalego e comprométense a cumprir obxectivos concretos para estenderen o idioma propio de Galicia a todos os ámbitos (escolar, familiar, virtual...)
Nos días previos, o alumnado que desexe formar desta comunidade de aprendizaxe asinará un “Compromiso de participación” e seralle entregada unha pulseira identificativa do #DesafíoGalego. Profesorado, persoal non docente e ANPA están informados desta actividade e procurarán falar galego co alumnado implicado. Deste xeito procúrase normalizar todos os espazos: aulas, despachos de dirección, orientación, conserxaría, secretaría, cafetaría, biblioteca... O#DesafíoGalego foi creado para o Programa Innovative Language Teaching in a Bilingual Country, dentro do Proxecto Erasmus KA2.
Ao final do #DesafíoGalego, o alumnado participante debe entregar unha redacción (arredor de 400 palabras) ou ben un vídeo (arredor de 4 minutos) onde se recolla unha reflexión sobre a experiencia (dificultades, apoios, descubertas, valoración...). Para alén disto, terá que cubrir unha enquisa de valoración.
Para acadar o obxectivo final propóñense as seguintes metas diarias. Segundo o seu ritmo, o alumnado poderá gradualas:
Xoves, 17 de febreiro.
- Inauguración do acto a cargo de Sechu Sende; filólogo, escritor e profesor. Ademais compartir a súa experiencia como activista lingüístico é autor do célebre Made in Galiza.
- O primeiro paso é falar galego entre o alumnado que forma parte da actividade e empregalo nas redes sociais, dando a coñecer a cultura galega co hashtag #DesafíoGalego: música, filmes, vídeos, gastronomía, rutas de sendeirismo, paisaxes...
- O segundo paso sería falar sempre galego na aula e en todo o instituto.
- Na familia.
- Coas amizades que non pertenzan ao círculo escolar.
- Nas actividades extraescolares (deportivas, académicas, lúdicas)
- Vivir sempre en galego (medios de transporte, comercio, farmacia, médico, xulgado, rúa...)
Mércores, 23 de febreiro. Día de Rosalía de Castro.
- Clausura da actividade: Peche musical co Rabelo, artista trans pontevedrés que mestura o rap cos con xéneros propios da tradición galega como a regueifa.
PREMIOS:
- Mellor redacción: vale de 100 euros para mercar material nunha libraría.
- Mellor vídeo: vale de 100 euros para mercar material nunha libraría.
Os traballos entregaranse o venres, 25 de febreiro. Os premios outorgaranse á semana seguinte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario