Páxinas

IMAXES NURIA VIL 13/3/2014

4 de feb. de 2022

223 alumnos comezan a falar galego

A partir do xoves 17 de febreiro Ferrol contará con 223 galegofalantes máis. O 50% do alumnado de bacharelato do IES Concepción Arenal súmase ao #DesafíoGalego. Esta iniciativa do Equipo de Dinamización da Lingua Galega consiste en que o estudantado active a lingua e a conciencia lingüística. 140 alumnos de 1º de bacharelato e 83, de 2º de bacharelato van participar no #DesafíoGalego e comprométense a cumprir obxectivos concretos para estenderen o idioma propio de Galicia a todos os ámbitos (escolar, familiar, virtual...)   

Nos días previos, o alumnado que desexe formar desta comunidade de aprendizaxe asinará un “Compromiso de participación” e seralle entregada unha pulseira identificativa do #DesafíoGalego. Profesorado, persoal non docente e ANPA están informados desta actividade e procurarán falar galego co alumnado implicado. Deste xeito procúrase normalizar todos os espazos: aulas, despachos de dirección, orientación, conserxaría, secretaría, cafetaría, biblioteca... O#DesafíoGalego foi creado para o Programa Innovative Language Teaching in a Bilingual Country, dentro do Proxecto Erasmus KA2.

Ao final do #DesafíoGalego, o alumnado participante debe entregar unha redacción (arredor de 400 palabras) ou ben un vídeo (arredor de 4 minutos) onde se recolla unha reflexión sobre a experiencia (dificultades, apoios, descubertas, valoración...). Para alén disto, terá que cubrir unha enquisa de valoración.

Para acadar o obxectivo final propóñense as seguintes metas diarias. Segundo o seu ritmo, o alumnado poderá gradualas:

Xoves, 17 de febreiro. 

  • Inauguración do acto a cargo de Sechu Sende; filólogo, escritor e profesor. Ademais compartir a súa experiencia como activista lingüístico é autor do célebre Made in Galiza.
  • O primeiro paso é falar galego entre o alumnado que forma parte da actividade e empregalo nas redes sociais, dando a coñecer a cultura galega co hashtag #DesafíoGalego: música, filmes, vídeos, gastronomía, rutas de sendeirismo, paisaxes...
Venres, 18 de febreiro.
  • O segundo paso sería falar sempre galego na aula e en todo o instituto.
Sábado, 19 de febreiro

  •  Na familia.
Domingo, 20 de febreiro.
  • Coas amizades que non pertenzan ao círculo escolar.page1image19292416 page1image19295296 page1image19296064 page1image19297024 page1image19294720 page1image19288768
Luns, 21 de febreiro.
  • Nas actividades extraescolares (deportivas, académicas, lúdicas)
Martes, 22 de febreiro.
  • Vivir sempre en galego (medios de transporte, comercio, farmacia, médico, xulgado, rúa...)

Mércores, 23 de febreiro. Día de Rosalía de Castro. 

  • Clausura da actividade: Peche musical co Rabelo, artista trans pontevedrés que mestura o rap cos con xéneros propios da tradición galega como a regueifa.

PREMIOS:

  • Mellor redacción: vale de 100 euros para mercar material nunha libraría.
  • Mellor vídeo: vale de 100 euros para mercar material nunha libraría.

Os traballos entregaranse o venres, 25 de febreiro. Os premios outorgaranse á semana seguinte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario