7 de dec. de 2012

"O fútbol é así"

ESPERANZA VÁZQUEZ DOPICO. 2º F BACH.
Gozar coa obra “O Fútbol é así”, actividade organizada polo Departamento de Normalización o pasado mes de novembro, foi para min un privilexio. Poder aprender cousas novas e, sobre todo, asistir a unha representación teatral  foi algo moi especial debido ao amor que sinto polo teatro.
Unha das moitas ideas equivocadas que ten a maioría da xente sobre o prestixio da obra, é asociar o éxito ou unha grande representación  cos cartos invertidos, o número de actores, o vestiario ou os espectaculares escenarios…, algo que en moitos casos é ficticio ou pouco relevante como se demostra nesta obra montada con moi poucos medios económicos,  a cal ten como obxectivo poder transmitir ao público a mensaxe do que é o mundo do fútbol, un mundo asociado coa idea machista en moitos casos, que se sobrepón aos diferentes problemas que pode ter a sociedade  paralizándose por un encontro deportivo no que a única figura protagonista é o mellor xogador de cada equipo sen dar a oportunidade a outros xogadores menos relevantes. 
Sen dúbida somos poucos  os que valoramos a obra sen fixarnos na simple aparencia.
Unha vez vista a representación creo que hai que destacar o gran traballo que realizan os actores, posto que só dúas persoas con sinxelos cambios de vestiario son capaces de transformarse en personaxes totalmente diferentes.
Tamén penso que a idea da música para marcar o tempo de cada suceso ou cantar na maioría dos casos o ocorrido na escena fai que a obra sexa moito máis amena e capte antes a atención do público.
Por outro lado facer a obra en galego  é algo moi interesante para que a xente como nós sexa quen  de ter presente o noso o idioma, podendo asocialo tamén con aspectos cotiás e divertidos como foi este. 
En xeral opino que a representación estivo moi ben e que foron capaces de transmitir a idea proposta: ensinar como é o mundo do fútbol en clave de humor.
ANA ISABEL LÓPEZ DURÁN.  2º F BACH.

“O Fútbol é así” consiste nunha parodia do mundo do fútbol. Nela aparecen dous personaxes interpretando varios papeis á vez: fixeron de afeccionados, comentaristas e xogadores de fútbol (neste caso, Ramón era a estrela da Selección e Vicente, o eterno suplente).
As situacións dadas entran dentro do común: dous amantes do fútbol vendo o partido, os comentaristas describindo o partido, os xogadores no vestiario discutíndose e preparándose antes de saír ao campo.
Aparentemente, a obra é realmente graciosa, cumpre a súa finalidade: entreter o público. É sinxela de comprender e seguir, non usa palabras complicadas ou tecnicismos. O tema elixido é acertado, posto que, aínda que non lle gusta o fútbol a todas as persoas, é un fenómeno de grande actualidade. O ritmo das cancións tamén é axeitado, porque se poden recoñecer doadamente, e as letras inventadas polos artistas eran moi cómicas e orixinais.
Mais, por outro lado, nalgúns momentos a obra fíxose un pouco pesada, as cancións alongábanse moito e parecían interminábeis. Algúns xestos e expresións parecían fóra de lugar ou eran moi esaxerados.
En xeral a obra estivo ben, os autores desempeñaron ben os seus papeis e cos xestos e coas palabras conseguiron que o espectador vivira as situacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario