Nuria Vil durante a charla, sentada xunto ao seu libro Simún |
O escritor Sechu Sende foi o padriño da primeira edición do Desafío Galego; o youtuber Olaxonmario apadriñou a segunda, e nesta terceira edición do Desafío Galego foi a poeta e recitadora Nuria Vil quen veu para amadriñar esta actividade.
Nuria é unha das voces emerxentes da poesía galega, unha artista polifacética que entende a poesía como elemento integrante dun proxecto multidisciplinar e que debe achegarse á xente.
Ela é referente en Galicia como creadora de poesía oral, do emprego da palabra falada, de relatos sonoros… Andou en grupos de teatro, tocou o saxo e a guitarra, participou en torneos de slam, desenvolveu centos de recitais, de performances… O seu libro Simún, publicado en 2021, vai xa pola cuarta edición. Moi activa no mundo das redes sociais, converteuse nunha importante instagrammer e youtuber, combatendo o machismo, o racismo, a LGTBfobia... Ademais, dá clases de galego, é monitora de ocio e tempo libre, colabora en diversas plataformas de crowfunding... Tamén se adentrou no mundo da dobraxe, e, agora, está inmersa no audiovisual.
Non contábamos con iso, pero tivo a xenerosidade de sorprendernos coa preestrea -non está totalmente rematada- da súa curtametraxe “Delincuente”, inédita. O proxecto, un intenso videopoema, está baseado na figura de Eduarda “A Maradona”, unha delincuente xuvenil do convulso Vigo dos oitenta. Foi ideado, segundo nos contou na charla, a partir dunhas palabras da poeta Xela Arias: “Se non tivese o recurso de esparexer os pantasmas nos signos das letras, é ben seguro, sería delincuente”. Nuria, que cre no poder transformador da poesía, recitou algúns textos seus e alentou o alumnado comprometido no Desafío no uso da nosa lingua.
Nuria contoulle á rapazada de bacharelato presente no salón de actos as súas experiencias lingüísticas- Estudou Galego e Castelán nas universidades de Vigo e Compostela. explicou que motivou seu cambio de idioma, e tamén as reaccións da xente por tal actitude. Ela, dixo, tomou dúas decisións lingüísticas na súa vida: a primeira cando con vinte anos deu o paso a falar galego, pouco usado na súa cidade natal (Vigo comparte con Ferrol o triste honor de ser o espazo urbano galego con menor número de falantes); a segunda decisión foi cando optou por incorporar ao seu galego os trazos fonéticos da súa zona: o seseo e a gheada, trazos estigmatizados do galego popular. As dúas foron decisións contracorrente, sen dúbida.
Nuria foi escoitada por un atento alumnado, que ao remate da charla fixo diversas preguntas.
O acto foi presentado polo profesor Marcos Abalde, escritor e xefe do departamento de Lingua e Literatura Galega do noso centro.
NURIA VIL RECITA O POEMA "REZO POR TI" (FRAGMENTO)
GALERÍA DE FOTOS DA CHARLA