MARTA CASTRO ROMANÍ
ANDREA DEIBE GARCÍA
2ºA de ESO
—Para comezar, gustaríanos coñecer un pouco en que consiste ser director e darnos unha idea do que fai. Cales son as principais funcións dun director?
—O director é o máximo responsable de todo o que pasa no instituto, realmente non fai nada concreto, xa que case todas as funcións de organización e de coordinación repártense entre os membros do equipo directivo, como os xefes de departamento e o profesorado. Digamos que o director é o maior organizador. Se ves o traballo dun director observarás que é asinar, convocar reunións e dirixilas. As funcións globais do director resúmense na coordinación de todo o equipo do Centro e a máxima responsabilidade do mesmo.
—Que pensaches cando soubeches que ías ser director?
—Realmente non mo comunicaron, xa que o proceso de ser director, excepto nalgúns casos onde ninguén quere selo, é voluntario; eu tomei a iniciativa de presentarme ao cargo, escoller un equipo, un proxecto e levalo ao Claustro e presentalo. Formouse unha comisión de selección formada por membros do centro, e esta decisión non me chegou dun día para o outro, non foi unha sorpresa.
—Pódesnos dicir o que máis che gusta de ser director?
—(Risas) É complicado. A min paréceme un traballo moi interesante, pero... non sei, tal vez as funcións que non son de día a día, non me gusta a burocracia de día a día, gústanme as tarefas de organización e de planificación do centro, pero non para resolver problemas inmediatos, senón para un futuro próximo ou para cursos vindeiros.
—Cansa moito ser director? Estás case todo o día ocupado, vémoste de aquí para alá...
—Si, ben (risas) é moi distinto ser un profesor normal e corrente como fun durante moitos anos, a túas responsabilidades limítanse a dar clases e sabes o que vai a ser o día porque planificas as túas clases e segues os teus horarios; pero cando es director isto cambia, aínda que teñas preparado o día a día nunca sabes que vai pasar, e hai días moi intensos con problemas e conflitos que non contabas que pasaran.
—Gústache máis ser director ou profesor?
—Ambas as cousas me gustan, as dúas teñen a súas vantaxes e inconvenientes, agora mesmo estou bastante motivado para a tarefa que estou desenvolvendo, é dura e complicada, é máis difícil do que parece, pero agora mesmo estou máis centrado e apetéceme máis a tarefa de director, aínda que tamén me gusta moito a de profesor.
—Pasando un pouco á parte da túa "historia" no instituto e como te sentes... desde cando levas dando clase neste Centro?
—Levo vinte anos dando clases aquí.
—É moito tempo! Non botas de menos dar clases despois de tanto tempo exercendo como profesor?
—Ben, claro, moitos días, moitas veces, sempre che vén á cabeza "Qué ben estaba eu dando clase", (risas), xa que non era tan conflitivo nin había tanta tensión como agora. Gústame ser profesor, e, evidentemente, sigo dando algunha clase, pero o que máis ocupa o meu tempo son as tarefas de director. Si que é verdade que sempre pensas, como dixen antes, "quen me mandaría a min meterme nisto", pero eu tomei unha decisión e teño moi claro as miñas tarefas e responsabilidades e os inconvenientes e vantaxes.
—Pero, estás contento neste Centro?
—Si, evidentemente podería cambiar de Centro sen problema, pero non se trata só de estar contento, trátase tamén de estar polo labor de que o centro sexa a idea que eu teño, e se o consigo vou estar máis contento. Hai que tomar parte activa nos proxectos, son só estar contento.
—Cambiou moito a túa relación cos alumnos dende que en vez de ser o profesor de Educación Física, te ven como o director?
T: Non cabe dúbida que a relación que tes cos teus alumnos cando es profesor, sobre todo de Educación Física, cambia moito cando es director. É certo que moitos alumnos, sobre todo alumnos que lles dei desde fai tempo, como por exemplo, os cursos de Bacharelato, lles é difícil asumir unha relación distinta, quizás nalgúns casos cústalles traballo asimilar o cambio de rol.
—Cres que ti cambiaches dende que eras profesor, ata agora? Fisicamente xa sabemos que si, cambiaches o teu chándal e vas moi arranxadiño, pero a túa personalidade é a mesma?
—Non, claramente, non fai falla ir de chándal cando non tes clase de Educación física, e sobre todo sendo director, sobre todo de cara a persoas do profesorado ou do Centro que non se esperan que un director vaia en chándal, ademais as clases que teño son en nocturno, así que non teño que ir con chándal pola mañá, pero ben, eu sigo sendo o mesmo, aínda que o meu comportamento é distinto, xa que non é o mesmo papel o dun profesor que o dun director, así como o seu comportamento. Cando cheguei ao Centro tiña uns pensamentos que agora xa non teño, as persoas evolucionan, pero iso non significan que sexan distintas. Posiblemente nuns anos cambie de novo os meus pensamentos, pero non dun ano a outro.
—Xa chegando ao final, queremos saber novas iniciativas. Que cousas che gustaría cambiar agora que es director?
—Loxicamente hai aspectos que hai que cambiar, ben, non tanto cambiar, senón resolver os problemas que temos no centro. O problema principal que temos é o rendemento académico, hai que buscar que titulen máis alumnos e mellorar o rendemento, non significa que o que temos agora sexa malo, pero non temos que satisfacernos con algo que podería ser moito mellor. Ese cambio sería o principal e sería moi favorable. Como conseguilo? Por agora non o sei, estamos buscando medidas, non é un concurso ou competición con outros Centros, senón que axudaríamos aos alumnos do instituto. Tamén hai outros obxectivos que teríamos que mellorar, como a resolución de conflitos entre alumnos, e outros obxectivos máis insignificantes pero tamén importantes.
—Cres que os alumnos e profesores aceptarán estes cambios?
—Si, este é un Centro con fama de arrastrar moitas inercias, e moitas veces atopámonos con medidas que sempre se fixeron dunha forma e que non se cambian porque son unha tradición, e moita xente non quere cambiar estes métodos, por iso hai algúns cambios moi ben recibidos e outros non. Aquí sempre as decisións e os cambios preséntanse nos órganos de consulta e estes cambios serán democráticos, e evidentemente sempre haberá persoas afectadas ou que non están de acordo, aínda que sempre poderemos dar marcha atrás, porque se me equivoco non teño ningún problema en rectificar ou modificar o feito.
—Xa rematamos coa entrevista, moitas grazas pola atención.
—Grazas a vós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario