ÁNXELES SEOANE
Convidada polo Departamento de Normalización e Dinamización Lingüística asistín o 28 de setembro á estrea, no Auditorio Torrente Ballester, da peza teatral Cosendo sombras, da autora Pim Patinho. Embargoume a emoción case dende o principio.
O espazo escénico é un obradoiro de costura perto do Hospital de Caridade, en Ferrol, onde se mesturan dun xeito natural, a Sra. Amelia, as súas aprendizas, clientas acomodadas e xentes de aquí e de acolá, procedentes dos barrios de fóra de portas, da propia Madalena, da outra banda e das aldeas veciñas, que coa súa presenza, directa ou indirecta no discurso teatral, van tecendo un tapiz intrahistórico da nosa Historia máis recente do século XX.
![]() |
Un momento da representación de "Recendo Sombras" |
O tempo de ambientación vai dende a 2ª República (Acto I) ate ós miserentos primeiros anos da posguerra (Acto II). Dunha situación confortable, leda e chea de ilusións no Acto I: Elvira, a moza da Madalena, quere ir a Universidade, Rosiña gosta de ir á escola de D. Amaro- mestre que segue os preceptos da Institución de Libre Enseñanza-, Irene está namorada, Carme vai casar, fan teatro, rin, recitan versos, discuten amigablemente e até se fan cóxegas. De cando en vez, pasan polo obradoiro Xurxo o mandadeiro, Manuel o mariñeiro de Mugardos e Emilio o subministrador de patacas e así progresivamente imos familiarizándonos coa veciñanza. Algúns incluso mocean ás costas de dona Amelia. Pasamos ao Acto II, estruturado en dúas partes (Febreiro 1937 e marzo de 1941), onde todo vai mudando a peor. O intuímos xa a través da linguaxe eufemística que dona Amelia e as súas aprendizas do obradoiro empregan para non asustar a Rosiña. O estoupido da guerra civil torna o acolledor obradoiro nun lugar tristeiro, preñado de medos, inseguridades, enfermidade, ausencias e morte. Malia todo iso, perdura o amor, o compromiso, a tenrura e a solidariedade.
Nas súas conversas os visitantes do obradoiro van introducindo referencias a personaxes ilustres (Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Castelao…) e outros carismáticos da contorna mais próxima como Carvalho Calero, Amadita García, Xaime Quintanilla, o mestre López Bouza, sen esquecer outros de moita sona por outras razóns: Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart . Estas referencias literarias, sociopolíticas e culturais apórtanlle á obra un valor testemuñal único.
Cosendo sombras é unha emotiva testemuña que nos fai reflexionar sobre os erros cometidos no pasado, é tamén un xeito de reivindicar a Memoria histórica do pasado: medos, denuncias sen fundamento, tortura, fusilamentos, ausencia de liberdades, perda de dereitos fundamentais, fame, enfermidade, morte de inocentes. En definitiva, miseria física e espiritual do ser humano.
Cosendo sombras ten ademais un marcado carácter didáctico. Obra pensada non só para a posta en escena, senón especialmente para traballar na aula. Concibida como unha ampla unidade didáctica, na que a súa autora Pim Patinho, vos convida a revisar o modus vivendi das xentes de entón, cos seus oficios singulares: costureiras, mariñeiros, redeiras, mandadeiros, lavandeiras, labregos, traballadores do naval. Convídavos tamén a valorar certos costumes da época: mocear, pasear o vespertino, merendar chocolate, convidar con guindas, visitar os presos, viaxar en lancha. Interesante para desenvolver na aula é o estudo da rica temática (República, Golpe de estado, Ideoloxías, Igrexa, Galeguismo, Guerra Civil, Posguerra,…). Outros aspectos salientables son os fitos históricos que atinxen máis de preto o noso Ferrol e a súa comarca, así como as diferenzas de vida entre o rural e o urbano e mesmo entre campo, industria e mar.
Dicíavos ao inicio deste comentario, que tanto a posta en escena como o seu contido, emocionáronme dende o principio. É unha obra moi pensada , cun guión moi ben artellado estruturalmente. As personaxes , polo que din e polo que fan, teñen peso e entidade psicolóxica propia, por iso son quen de engaiolarnos e conmovernos. Eu, sentinme especialmente identificada cos sucesos referidos á guerra civil acontecidos, na miña aldea (San Mateo de Trasancos, Narón), postos en boca do labrego Emilio. Estas desoladoras historias de presos, escapados, emparedados, de sindicalistas fusilados, coñecíaas dende a miña nenez, porque eran os dramáticos contos que miña avoa me contaba, nas longas noites de inverno, ao carón da lareira. Souben, ao rematar a función, que a autora empregou como fontes para a documentación da súa obra a dúas Nenas da Guerra: Juana de Segundo, natural de S.Mateo, e Antía Peña, da Graña. Para elas toda a miña admiración e homenaxe.
Pim Patinho conseguiu, dalgún xeito, que todas esas sombras esvaecidas na nosa memoria, recuperen o protagonismo merecido. Son os heroes e as heroínas anónimas, que sen transcender a Historia con maiúsculas, fixeron grande a historia do noso pobo.
Pim Patinho conseguiu, dalgún xeito, que todas esas sombras esvaecidas na nosa memoria, recuperen o protagonismo merecido. Son os heroes e as heroínas anónimas, que sen transcender a Historia con maiúsculas, fixeron grande a historia do noso pobo.
![]() |
Pim Patinho, no centro da imaxe, é profesora de Lingua e Literatura Galega do IES "Carvalho Calero" de Caranza, Ferrol. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario