Páxinas

IMAXES NURIA VIL 13/3/2014

13 de feb. de 2022

14 DE FEBREIRO

Conta a lenda que Valentín era un crego cristián que na Roma do século III se dedicaba a casar en segredo a soldados nas adegas dos cárceres do Imperio. Sabedor deste feitos, o emperador Claudio II, que prohibirá as vodas dos mozos do exército por consideralas un impedimento para a eficiencia militar, mandou a captura e execución do relixioso.

 

Isto non é máis que unha lenda, pois non hai constancia histórica da existencia das accións deste mártir, o cal foi finalmente santificado coa finalidade de acabar coas lascivas festas Lupercais. O caso é que, desde a época medieval, ficou convertido en símbolo do amor humano. O propio papa que o santificara, Gelasius I, deixou en evidencia a súa falta de probas sobre os feitos que se lle atribuían.

 

Foi durante o século XIX cando, nos países anglosaxóns, comezou a tradición do intercambio de postais con mensaxes amorosas o día de San Valentín, o 14 de febreiro. Ao pouco, engadiuse o costume de agasallar a parella con rosas, bombóns e mesmo xoias. Pero non foi até ben entrado o século XX, cando as grandes empresas recolleron a figura de San Valentín e alentaron o seu padroado, pois atoparon nel un eficaz reclamo para aumentar as vendas. 

 

A festividade foi eliminada do calendario eclesiástico en 1969, nun intento da Igrexa de eliminar do santoral católico aqueles santos de orixe lendaria. Pero aí segue a celebración ano tras ano, alentada por unha publicidade abafante.

 

Reutilizando parte do traballo publicado o 25N, aproveitamos a ocasión para, de novo, contribuír a desmitificar algunhas crenzas falsas sobre o amor, mitos que perpetúan os roles de xénero, fonte de desigualdade e violencia que compre neutralizar urxentemente.


Ningún comentario:

Publicar un comentario