Páxinas

IMAXES NURIA VIL 13/3/2014

21 de out. de 2022

Laboratorio de Apoderamento Lingüístico

O Laboratorio de Apoderamento Lingüístico de Ferrolterra é un proxecto piloto de dinamización do uso do galego entre a mocidade, o cal foi deseñado pola asociación ferrolá Rexenerando e está financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do programa TeCe Redes.


Catro centros de Ferrolterra desenvolven neste mes de outubro e en novembro esta primeira edición: son, ademais do IES Concepción Arenal, o IES Carvalho Calero, o IES Sofía Casanova e o IES Punta Candieira de Cedeira. Haberá unha sesiónintercentros o 11 de novembro. Marcos Abalde é o profesor encargado no noso centro.


Trátase dun proxecto que aborda a cuestión lingüística dun xeito innovador, incorporando novas ferramentas e dando espazo ás emocións e á propia experiencia. Desenvólvese nos meses de outubro e novembro e esta primeira edición consta de dúas sesións de 100 minutos entre o 13 e o 27 de outubro, e unha sesión intercentros o 11 de novembro. 
O alumnado voluntario exporá as propostas e recursos recompilados previamente, unha serie de accións activadoras da lingua nos seus contextos máis próximos. 

O acto de peche celebrarase o 29 de novembro para compartir publicamente as propostas de intervención lingüística resultantes e celebrar a potencia creativa e o compromiso activo da mocidade co noso idioma. 


Queremos pór remate a esta entrada cos primeiros versos do poema “Ítaca” do poeta grego Kontantino Kavafis. Parabéns ao alumnado implicado e ao profesor Marcos Abalde. 

 

“Cando emprendas a túa viaxe cara a Ítaca 
pide que o camiño sexa longo, 
cheo de aventuras, cheo de experiencias. 
Non debes temer nin os lestrigóns nin os cíclopes, 
nin a furia do airado Poseidón. 
Nunca tales monstros acharás na túa ruta 
se o teu pensamento se mantén elevado, 

se unha exquisita emoción inunda a túa alma e o teu corpo”. 


Desexámoslles unha feliz e frutífera viaxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario