Páxinas

IMAXES NURIA VIL 13/3/2014

29 de out. de 2022

Recitado Carvalho Calero 2022

O pasado martes, 25 de outubrotivo lugar o Recitado Carvalho Calero no Centro Cultural que leva o nome do ilustre ferrolán homenaxeado. O público, que enchía o aforo do local, puido gozar das distintas actividades organizadas en varios centros de FerrolterraAdemais do noso centro, tiveron representación alumnado dos institutos de Canido, Sofía Casanova e Saturnino Montojo de Ferrol, As Telleiras de Narón e o Carvalho Calero de Caranza; así como tamén o colexio Ludy e o CPI Atios de Valdoviño.

Despois de dous anos sen poder realizarse por mor da pandemia, volveuse deste xeito pór o colofón ao programa “Teatro con G”.  


Alumnado de Arte Escénicas antes e durante a súa actuación.

A proposta escénica que levou o alumnado de Artes Escénicas do noso centro, dirixido polo profesor Marcos Abalde, tivo unha unha grande acollida e foi moi aplaudida. 


En palabras de Belén Roca, que sabe ben disto,  "a composición foi moi delicada e natural, o texto, por suposto, extraordinario, e os artistas transmitirono con moita forza e lirismo". 

 

Traemos aquí o impoñente poema de Carvalho que interpretaron, e que poderás oír no vídeo, ao final deste texto. É pena que o son non teña unha mellor calidade da que ten. 


O texto, ben acompañado pola Sarabande de Haendel, describe maxistralmente o horror dos anos de Ditadura, un horror que non debe repetirse nunca máis.


Para rematar, damos os parabéns ao grupo, que, se ficaron impregnados dos versos de don Ricardo, de seguro procurarán "conquistar umha faísca de lume prometeico e ser

um pouco deuses".

 

COMO PUIDEMOS VIVER

 

Como pudemos

viver? Os olhos múltiplos e insones

de Medusa fixos em nós à espreita. 

As bocas das metralhetas 

apontando-nos. A censura

postal  —fatídico agoireiro— 

lendo as nossas entranhas. 

Os sacristaos passando lista

às portas das igrejas. Nos cafés,

os contertúlios anotando

as nossas reacçons perante

as notícias do rádio. 

Clitemnestra na cama. 

Na escola, os nossos filhos aprendendo

a condenar-nos, a 

desprezar-nos, a

denunciar-nos, a falarem na língua

com que insultados fomos e julgados 

réprobos, e na qual foi estendida

a acta que nos levou

ao paredom, ao cárcere, ao desterro;

a língua com que nos indultarom

para nos reinserir arrependidos 

no mundo que quigéramos 

substituir. Muitos morrerom, mas

nom falo agora desses mortos; falo 

dos que tiveron que viver morrendo 

entre os seus matadores, lendo a imprensa

que de lama os enchera, saudando

as insígnias contra as quais militaram.

Como pudemos

viver? E mais vivêmos.

E comêmos, dormímos, engendrámos

crianças: se havia quê comer, se havia 

leito para dormir ou para amar. 

E é que, assi como o home sossegado, 

bondoso e cortês, pode 

converter-se em malvado,

besta cruel; e a mulher terna e fina, 

em selvagem ouveante alimária:

assi tamém o home inquieto,

íntegro e valoroso pode 

transformar-se em sofrida

besta de carga ou tiro, e a mulher

que as teias acendia da vitória, 

em abatida fêmea

de miserenta espécie soterranha. 

Assi hienas e vermes,

formas de desumana humanidade, 

encarniçam-se, arrastram-se.

Nom haveria lobos

se nom houvesse anhos. 

Milhafre e pomba todos podemos ser. 

Isso é ser home: humilhar ao home

ou humilhar-se perante o home. Todos

podemos humilhar-nos e humilhar. 

Isso é ser home. Mister seria

para nos prevenir de sermos

bestas depredadoras ou servis, 

conquistar umha faísca 

de lume prometeico e ser

um pouco deuses, home e deus à par,

na força e na renúncia;

mas isso só é possível

sobranceando o humano,

cando águia é a hiena, e anjo o verme,

sobre a terra a voar,

segundo a desumana fórmula

de Friedrich Nietzsche ou de Cristo Jesus.



23 de out. de 2022

Samaín 2022

O Equipo de Dinamización Lingüística do centro organizou dúas actividades para celebrar a festa do Samaín

• Concurso de cabazas decoradas
• Concurso de relatos de terror (aproximadamente 150-200 palabras).

QUE É O SAMAÍN


Hai unhas tres décadas que ao tradicional Día de Defuntos, cristianizado co nome de Todos os Santos, lle chamamos Samaín. Esta palabra procede do gaélico irlandés, Samhaimque significa "fin do verán". É unha antiquísima celebración europea de orixe pagá, que conservou arraigo no nosa Terra, como tamén en Irlanda. 


Co Samaín, os antigos celtas celebraban a transición do estío ao inverno na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro. Segundo a tradición, nesa noite é máis fácil transitar entre os dous mundos: os vivos polo mundo dos mortos -o Alén-  e os mortos polo noso mundo. 


Nin truco nin trato. A adopción internacional da versión norteamericana, Halloween, ficou nun sucedáneo consumista que a deixou reducida a pouco máis que unha festa de disfraces. 


Calacús. En moitos lugares mantívose a tradición de empregar cabazas como decoración nesta festividade. A variedade de cabaza que se traballa é a Cucurbita maxima que dá un froito grande, arredondado. Chámase tamén caiotacalacú e cabaceira. En Mugardos os rapaces metíanlles unha vela no seu interior e, pola noite, percorrían a vila... Castañas non faltaban para comer.

  Fotografía de José Antonio Gil Martínez. Casa dos druidas, Vigo 2008
               



22 de out. de 2022

Charla de Séchu Sende

Séchu Sende con Marcos Abalde, quen presentou o acto.

























O Salón de actos do noso instituto ficou pequeno para albergar o alumnado o pasado día 18, onde volvemos contar coa sempre enriquecedora presenza do escritor Séchu Sende.

Séchu estivera connosco o pasado mes de febreiro e a charla fixérase curta, así que volveu este martes pola tarde e deu unha charla na que asistiu o alumnado de segundo de bacharelato, o cal está a ler o seu libro “Made in Galiza”. Ficaron sen poder asistir alumnos de 1º de Bacharelato, pero o aforo estaba completo. 

Séchu é un home polifacético. Neste enlace podes ver un vídeo que elaboramos no centro para aproximarnos á súa figura. Coñeciámolo daquela como narrador, poeta, sociolingüista, promotor cultural, dinamizador social, artista gráfico e profesor. Tamén domador de pulgas! E descoñeciamos entón que, ademais de todo o dito, é tamén regueifeiro e... mago! Séchu sempre sorprende, e tivemos a fortuna de comprobalo o pasado martes, pois adiviñou as palabras que escribiron algúns asistentes á charla.

Ao remate da charla, centrada no obxectivo da procura da concienciación lingüística, asinou libros e, xeneroso como sempre, acompañou as sinaturas con fermosos debuxos.  

Cartel co que anunciamos o acto


21 de out. de 2022

Laboratorio de Apoderamento Lingüístico

O Laboratorio de Apoderamento Lingüístico de Ferrolterra é un proxecto piloto de dinamización do uso do galego entre a mocidade, o cal foi deseñado pola asociación ferrolá Rexenerando e está financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do programa TeCe Redes.


Catro centros de Ferrolterra desenvolven neste mes de outubro e en novembro esta primeira edición: son, ademais do IES Concepción Arenal, o IES Carvalho Calero, o IES Sofía Casanova e o IES Punta Candieira de Cedeira. Haberá unha sesiónintercentros o 11 de novembro. Marcos Abalde é o profesor encargado no noso centro.


Trátase dun proxecto que aborda a cuestión lingüística dun xeito innovador, incorporando novas ferramentas e dando espazo ás emocións e á propia experiencia. Desenvólvese nos meses de outubro e novembro e esta primeira edición consta de dúas sesións de 100 minutos entre o 13 e o 27 de outubro, e unha sesión intercentros o 11 de novembro. 
O alumnado voluntario exporá as propostas e recursos recompilados previamente, unha serie de accións activadoras da lingua nos seus contextos máis próximos. 

O acto de peche celebrarase o 29 de novembro para compartir publicamente as propostas de intervención lingüística resultantes e celebrar a potencia creativa e o compromiso activo da mocidade co noso idioma. 


Queremos pór remate a esta entrada cos primeiros versos do poema “Ítaca” do poeta grego Kontantino Kavafis. Parabéns ao alumnado implicado e ao profesor Marcos Abalde. 

 

“Cando emprendas a túa viaxe cara a Ítaca 
pide que o camiño sexa longo, 
cheo de aventuras, cheo de experiencias. 
Non debes temer nin os lestrigóns nin os cíclopes, 
nin a furia do airado Poseidón. 
Nunca tales monstros acharás na túa ruta 
se o teu pensamento se mantén elevado, 

se unha exquisita emoción inunda a túa alma e o teu corpo”. 


Desexámoslles unha feliz e frutífera viaxe.