Páxinas

IMAXES NURIA VIL 13/3/2014

22 de maio de 2022

O #DESAFÍO GALEGO EN RADIO FILISPIM

No programa “Unha tarde no muíño” de Radio Filispim, o pasado mércores 18 de maio, Silvia Picos entrevistou dúas invitadas do noso centro que foron falar do #Desafío Galego. Ana Dopico, Coordinadora do EDLG, e Candela Pérez, de 2º D Bach, falaron deste proxecto de intercambio con Gales e Irlanda, organizado a través da CFR de Ferrol.

O proxecto comezou hai tres anos pero ficou interrompido pola pandemia. Do noso centro foron xa en 2020 a Cardiff, Gales; e este ano, tres profesoras foron a Irlanda, concretamente a Dingle, no condado de Kerry. Alí, elas comprobaron que o caso do galego non é tan dramático como o do gaélico galés e o do gaélico irlandés, que só emprega unha parte moi reducida da poboación.

Ana e Candela explicaron como resultou o #Desafío Galego: o inicio coa charla de Séchu Sende, o reto do alumnado que en distintas fases involucrou voluntariamente a máis de 200 alumnos e alumnas, o peche do reto co concerto do Rabelo, a enquisa do resultado e exposición na aula das conclusións.

Candela apuntou -nun galego magnífico que temos que aplaudir- que a experiencia foi difícil pero moi boa, polo que agradeceu ao centro que a propuxera. Explicou que ela, castelanfalante como a inmensa maioría do alumnado, falaba galego esporadicamente, pero pasar a falalo con normalidade resultáballe impensable. Explicou que a decisión de dar ese paso esixe de forte vontade, pois só intentalo resultaba complicado polo forte "aluvión en contra", que retrae as gañas de facelo. Aplaude experiencias como esta, que fortalecen a concienciación.

Grazas polo teu testemuño, Candela!

Se queredes oír o audio, tedes o podcast en Ivoox, Unha tarde no Muiño 146 https://go.ivoox.com/rf/87222134

Ningún comentario:

Publicar un comentario