Páxinas

IMAXES NURIA VIL 13/3/2014

24 de feb. de 2022

Remata o #Desafío Galego con festa!

Fotografía de Sabrina Cobo Rey

Velaí unha foto histórica no IES Concepción Arenal: O Rabelo e o alumnado e o profesorado implicado no Desafío Galego amosando con enerxía e forza as pulseiras do reto. Amando o galego! 

Rematou o #Desafío Galego e rematou con festa! 

Que gozada ver e oír O Rabelo!!! Que subidón nos deu ver unha cara nova cun discurso propio, corazón, voz e luz! 

O Rabelo, Auro, fusiona tradición e modernidade, música de raíz e música electrónica, e canta muiñeira, e mazurca... e rap. Faino ao seu xeito, cunha mestura persoal de agrura e dozura, de rabia e de amor, de electricidade e lirismo. Ghasolina e ar fresco. As súas letras son reveladoras. Sábese útil e necesario, e, como Rosalía, con xenerosidade, afouteza e xenerosidade, tamén, dalgún xeito molla “no propio sangue a dura pruma / rompendo a vea inchada”. Grande Rosalía!  

Fotografía de Sabrina Cobo Rey

Fotografía de Sabrina Cobo Rey

O Rabelo interpreta cantigas do pobo e, tamén, a ritmo de rap, dispara lume. Combate con carraxe todo o na sociedade atopa de mutilante. Con tan pouca idade, nos seus vídeos e nas súas cancións, aborda cuestións relativas á identidade individual e á identidade colectiva, os problemas do eu e os problemas de nós. Como Rosalía, si. Na fronte unha estrela no bico un cantar. Hai persoas que contan cousas porque ninguén as conta, e porque alguén ten que facelo; persoais que abren xanelas, portas e camiños, que derruban teitos e muros...  e que nos sacan dos ollos as teas de araña que se nos forman, a miúdo, por estar mirando sempre o mesmo. Esas persoas saben ollar para dentro e saben ollar ao redor e na escuridade, coa visión periférica dos mouchos.

Que ben improvisa! O Rabelo, logo de anotar palabras que o público lle lanzou, meteunas habilmente nas súas rimas: desafío, toxo, Rosalía, capitalismo… até ornitorrinco!

Ao remate da actuación, ansiada por boa parte do alumnado que non puido baixar ao patio (a distancia de seguridade, xa sabedes...), todo o mundo quixo fotos co Rabelo. E as houbo. E houbo tamén quen lle agradeceu, desde o fondo da alma, como axuda á xente trans a darlle unha visibilidade que non ten. 

Foi un pracer coñecer o Rabelo. Desexámoslle moita sorte na súa singular andaina.

A inesperada resposta do alumnado involucrado no Desafío e este broche final non puideron ser máis estimulantes. Hoxe, no remate do #Desafío, os chats do Departamento de Galego e do EDLG non pararon: deunos un evidente ataque de entusiasmo. 

Somos followers do Rabelo. as imaxes que ilustran estta entrada son de Sabrina Cobo e dámoslle as grazas por pasárnolas.

E moitas grazas tamén a Xaime Rodríguez, que se ocupou do son... e soou moi ben!

Fotografía de Sabrina Cobo Rey

Fotografía de Sabrina Cobo Rey

Ningún comentario:

Publicar un comentario