Páxinas

IMAXES NURIA VIL 13/3/2014

1 de nov. de 2021

Premios Samaín 2021

As actividades do Samaín organizadas polo EDLG do centro remataron esta semana e, o venres 29, foron entregados no salón de actos os premios dos tres concursos convocados.

No concurso de microrrelatos de medo, o xurado, reunido en dobre sesión os días 26 e 27 de outubro, acordou galardonar do seguinte xeito:

  • O 1º premio do bacharelato (10  e lote de libros) levouno o relato titulado "Toc" de Melina Pardo Ramos (2ºC). Cristina Castro (2º C) mereceu un accésit (lote de libros) polo seu relato "Vilarmaior no 31 de outubro".
  • O 1º premio da ESO (10  e lote de libros) levouno o relato "O noso novo inferno" de Roi González Casal, de 3ºC. Sara López Villar (2º B) levou un accésit (lote de libros) polo seu relato "A casa encantada".
Alumnas premiadas no concurso de microrrelatos de terror.

Alumnas premiadas no concurso de calacús decorados: Sara Núñez Portela (1ºC ESO), Sara Jiménez (4ºD ESO) e Vanesa López Díaz (4ºC ESO).

Gañadores do concurso de recoñecer as Almas en pena, todos de 1º H: Sabrina Cobo Rey, Iago Dopico Orjales, Daniel Fernández Lorenzo e Sara Fontao Lorenzo.

Os protagonistas de Almas en pena, coa profesora Belén Roca, organizadora do concurso e directora da Performance.
------------------------------------------------

A continuación, podedes ler aquí os catros relatos premiados:

TOC 

A pesar da súa idade seguía conservando os rituais da superstición infantil, dándolles, co tempo, a forma dun trastorno compulsivo: comprobaba varias veces que a porta exterior tivese a chave pasada, que as ventás estivesen pechadas, que o gas quedase cerrado. As zapatillas ao pé da cama, perfectamente aliñadas. A roupa do día seguinte milimetricamente colocada.

Cando todo estaba en orde, deitábase. Na cama repasaba mentalmente todo o proceso: porta, ventás, gas… Ollar baixo a cama sería demasiado. Non puido evitalo, asomou a cabeza. Non había nada debaixo da cama.

Estaba case durmida. Pero, o gas… cerraría a panca totalmente? Parvadas! Ergueuse dun pulo para asegurarse. Quedou contrariada: as zapatillas espalladas, a roupa no chan, as ventás e a porta abertas… e ese olor a gas. Non era posible. Estaba certa de que todo quedara en orde, ou non… non sabía. Ía berrar, pero aguantouse para non espertar a ninguén. Repetiu todo o ritual.

Volveu, por fin, á cama. Tranquilizouna  o brazo do compañeiro de alcoba arredor da súa cintura e o seu alento na caluga. Pechou os ollos. Abriunos de novo. O terror apoderouse dela: acababa de caer na conta de que facía anos que vivía soa. 

Melina Pardo Ramos. 2º H BAC 



VILARMAIOR NO 31 DE OUTUBRO

Era un día normal, trinta e un de outubro dun ano coma calquera outro. Coma todos os anos, en Vilarmaior, os rapaces ás dez da noite colliamos os candís e iamos ata o cemiterio a xogar. Era costume visitar  todas as casas intentando asustar aos veciños, pero hoxe víase todo raro, a longa noite non deixaba apreciar o camiño. Ao chegar á última casa, fomos polo percorrido máis curto, e sen decatarnos xa estabamos no cemiterio. Empurrei a porta para entrar; sentina conxelada e quedei paralizada; oíase o forte vento que parecían voces, cando de súpeto se apagaron os candís dun sopro. Os rapaces empezaron a alterarse pero eu seguía paralizada, gritábanme e non reaccionaba. Pero, entre toda a escuridade apareceu un candil; estaba colgando e parecía que non o levaba ninguén. Empezaron a soar as campás da Igrexa, o candil achegábase cada vez máis a nós; e a medida que se aproximaba aumentaba o vento, malia que o seu candil non se apagaba. Eu non podía deixar de miralo, ata que meu irmán me agarrou e botamos a correr.

 Todos os rapaces din que era un veciño farto das nosas brincadeiras, pero eu sempre pensarei que esa noite xogamos coa morte.


Cristina Castro Freijomil.  2ºC BAC


O NOSO NOVO INFERNO

Todos coñecemos o clásico logo de Coca Cola, pero... alguén sabe a súa historia?

Eu fíxenme esa mesma pregunta e, despois, empecei a buscar na Rede. Descubrín varias cousas, como era de esperar: que era un símbolo antigo, algunha persoa... mais non puiden evitar fixarme nun enlace onde dicía que era un símbolo satánico, xa que nunha antiga lingua latinoamericana “Coca” significa “Noso” e “Cola”, “Inferno”. Esta teoría sostiña que a marca comercial xa nos estaba a dar certas advertencias. Seguín lendo máis sobre esta hipótese, a que por certo se chama Complectus, e continuaba dicindo que o seu slogan  deliciosa e refrescante, tamén está sacado desa lingua antiga e que quería dicir “bebe e morre”.

Despois disto, e xa canso de tanta estupidez, collín o portátil e púxenme a ver a televisión mentres tomaba unha Coca Cola, en forma de ironía á hipótese.

Nunha destas, mentres cambiaba de canle, vin unha noticia na que se dicía: “A xente morre por tomar Coca Cola”. Eu quedei abraiado e tirei o meu refresco pola ventá.

Decidín ir durmir mentres uns ollos vermellos me miraban dende un armario e se  retorcían de dor. Logo, saíu de dentro do roupeiro unha criatura semellante a un demo e díxome: “A curiosidade matou o gato, neno”, e,  acto seguido, atravesoume coas súas unllas longas e afiadas.

Roi González Casal, 3º C ESO

A CASA ENCANTADA

Era 31 de outubro e, coma calquera outro día, Xulia estaba na clase de Matemáticas. Era aburrida e púxose a falar con Carlos sobre o disfrace que levarían pola tarde. Estaban moi emocionados pensando no divertida que sería a festa de Samaín na casa de Marta, comendo doces e bailando todo o tempo. Tan contentos estaban que falaron demasiado alto e a profesora botounos fóra da aula.

Ao rematar a mañá, cada un foi á súa casa poñer o disfrace e logo ir á casa de Marta. Cando Xulia chegou estaba todo decorado con moitos adornos de Samaín, metía medo e todo! Ao entrar estaban todos os seus amigos: Marta levaba un disfrace de morcego, Carlos un de cabaza, Lois ía de momia e ela puxo o seu favorito: o de gato negro. Cando acabaron de merendar preguntáronlle á nai de Marta se podían pedir doces; dixo que si e comezaron a dar voltas polo barrio.

Despois de visitar moitas casas chegaron a unha un pouco estraña, pero decidiron chamar ao timbre igualmente. Apareceu unha señora coa cara tapada, non se podía recoñecer quen era. Preguntoulles que facían alí a esas horas da tarde cunha voz moi grave, que facía dubidar se era un home ou unha muller, e eles responderon que estaban a pedir doces. Ela díxolles que se os querían terían que acompañala ao interior da casa.

A Marta e a Xulia non lles parecía unha boa idea, pero Lois e Carlos parecían emocionados por saber que había no interior, así que decidiron seguilos. Ao entrar, a porta pechou facendo moito ruído, e a muller díxolles que como xa tiñan entrado non volverían marchar da casa, que quedarían nela o resto das súas vidas. Os nenos comezaron a pedir axuda a berros, pero ninguén os escoitaba. Entón, a muller descubriu a súa cara; era terrible, estaba desfigurada, e eles, ao vela, berraron ata quedar sen aire.

E así foi como morreron. 

Segundo din, as súas almas permanecen e permanecerán na casa por sempre. 

Sara López Villar. 2º ESO B

Ningún comentario:

Publicar un comentario