Páxinas

IMAXES NURIA VIL 13/3/2014

24 de out. de 2013

As bruxas de Salem

Grupo Arjé Teatro

Arthur Miller (1915-2005)


O dramaturgo estadounidense Arthur Miller escribiu As bruxas de Salem (The Crucible) en 1952. A obra, estreada ao ano seguinte, está baseada nos feitos que rodearon aos xuízos de bruxas que houbo en Salem, Massachusetts, en 1692. Miller escribiu sobre o aquel feito histórico como unha alegoría do macarthismo que estaba a marcar aquela década no seus país. A particular “caza de bruxas” do senador McCarthy (da que o propio escritor foi vítima) estivo dirixida indiscriminadamente a todo aquela persoa que era sospeitosa de comunismo. Entre 1950 e 1956 houbo un longo e escandaloso proceso de delacións, acusacións infundadas, denuncias, interrogatorios, procesos irregulares e listaxes negras.
 O grupo Arjé Teatro do IES Breamo de Pontedeume, formado en 1998, da man de Fernando Querol e Javier de Melo, trouxo con éxito ao noso centro co título de As bruxas unha súa adaptación desta traxedia moderna de Miller.
  
Os alumnos de 1º B de bacharelato do noso instituto escribiron as seguintes recensións:
--------------------------------------------------

LUCÍA CASTRO e IRIA FRAGUELA
Organizada polos departamentos de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá, Equipo de Normalización Lingüística, Biblioteca e Vicedirección tivo lugar o 1 de outubro a representación de As bruxas de Salem no Salón de Actos do noso instituto. O alumnado de 1º de bacharelato ofrécenos as súas impresións sobre a mesma nesta escolma: Entramos no salón cunha grande escuridade; sentámonos e, de súpeto, vimos a unha muller no escenario preto dunha fogueira. Soaba música e comezaron a entrar outras mulleres que se puxeron a bailar como nun ritual para invocar o demo. Niso consistiu a historia, no ritual e nas súas consecuencias, rematando co aforcamento de todos os seguidores de Lucifer. Esta historia é unha traxedia baseada en feitos reais.

--------------------------------------------------

 YANGJING ZHENG
Onte, 1 de outubro, fomos todos os alumnos de primeiro de bacharelato ao Salón de Actos do Instituto a ver unha obra teatral, As bruxas de Salem, representada por mozos e mozas da nosa idade. A actuación foi espectacular, gustoume moito. Impresionoume que sexan mozos e mozas que aínda están estudando, porque parecían xa actores profesionais.
--------------------------------------------------

MARCO RODRÍGUEZ CASTRO
Comezou a obra cunha persoa no centro e unhas rapazas bailando, pedindo coma tolas estar cos seus mozos. Isto fíxome dicir: “que longo se me vai facer!” Mais, co apagado de luces e o cambio de escenario, cambiou completamente a expresión facial dos nosos rostros, xa que empezaron os berros e a posesión satánica, máis propios da nena do exorcista que dunha obra de teatro. Mantívenme atento á obra. A segunda parte foi máis lenta para min, pero era a máis curta. Un actor que interpretou a John tivo un papel de home duro e chulo, mais cun bo corazón, que fixo ganarse as simpatías de moitas rapazas do salón. A terceira parte foi a que máis me fixo pensar na obra. Imaxinaba como fora na vida real esta historia, porque aínda que tivera diálogos propios da época e pegaran ás mulleres, non o daba imaxinado.
--------------------------------------------------

LOIS RICO OCAMPO
Fomos introducidos nela cunhas prometedoras palabras de que non nos ía deixar indiferentes, o que sería todo un logro, xa que o teatro non interesa moito a rapaces de dezaseis anos. Pero así foi... Resultou incríbel como persoas da nosa mesma idade foron capaces de derrubar as fronteiras da vergoña, interpretando o seu papel, aínda a pesar dos risos momentáneos do público. Conseguiron tamén que reflexionásemos tamén sobre se nós podemos ser dalgunha forma, incluso sen decatarnos, partícipes nalgunha caza de bruxas.
 --------------------------------------------------

IRENE FILGUEIRA LOUREIRO
A historia estaba ben, pero creo que o máis interesante era a mensaxe que o texto daba. Como poden acabar as sociedades se se seguen ao pé da letra supersticións e mitos. Impactoume saber que naquela época era máis importante condenar a un posible culpable para dar exemplo que tratar de descubrir a verdade e chegar ao fondo do asunto. Considerábanse delitos cousas que non facían dano a ninguén, como por exemplo bailar.
--------------------------------------------------

EVA RODRÍGUEZ VILARIÑO
  As bruxas de Salem de Arthur Miller é unha obra ambientada na América do leste, cos primeiros colonos, e é unha denuncia á condena das mulleres da época por ser supostamente bruxas. Tamén contén unha crítica á conduta extremadamente relixiosa da xente. Ambientada nunha pequena aldea chamada Salem, unhas rapazas fan unha trasnada que lles acaba saíndo cara e acaba morrendo xente inocente pola súa culpa. A representación foi excelente, tendo en conta que se trataba de alumnado dun instituto. Incluso unha morte ao final da obra foi para quitarse o sombreiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario