Páxinas

IMAXES NURIA VIL 13/3/2014

10 de feb. de 2013

Cosendo sombras

ÁNXELES SEOANE


Convidada polo Departamento de Normalización e Dinamización Lingüística asistín o 28 de  setembro á estrea, no Auditorio Torrente Ballester, da peza teatral Cosendo sombras, da autora Pim Patinho. Embargoume a emoción case dende o principio.
         O espazo escénico é un obradoiro de costura perto do Hospital de Caridade, en Ferrol,  onde se mesturan dun xeito natural, a Sra. Amelia, as súas aprendizas, clientas acomodadas e xentes de aquí e de acolá, procedentes dos barrios de fóra de portas, da propia Madalena, da outra banda e das aldeas veciñas, que coa súa presenza, directa ou indirecta no discurso teatral, van tecendo un tapiz intrahistórico da nosa Historia máis recente do século XX.
Un momento da representación de "Recendo Sombras"
O tempo de ambientación vai dende a 2ª República (Acto I) ate ós miserentos primeiros anos da posguerra (Acto II).  Dunha situación confortable, leda e  chea de ilusións no Acto I: Elvira, a moza da Madalena,  quere  ir a Universidade, Rosiña gosta de ir á escola de D. Amaro- mestre que segue os preceptos da Institución de Libre Enseñanza-, Irene está namorada, Carme  vai casar,  fan teatro, rin,  recitan versos, discuten amigablemente e até se fan cóxegas. De cando en vez, pasan polo obradoiro Xurxo o mandadeiro, Manuel o mariñeiro de Mugardos e Emilio o subministrador de patacas e así progresivamente imos familiarizándonos coa veciñanza. Algúns incluso mocean ás costas de dona Amelia. Pasamos ao Acto II, estruturado en dúas partes (Febreiro 1937 e marzo de 1941), onde todo vai mudando a peor. O intuímos xa a través da linguaxe eufemística que dona Amelia e as súas  aprendizas  do obradoiro empregan para non asustar a Rosiña. O estoupido da guerra civil torna o acolledor obradoiro nun lugar tristeiro, preñado de medos, inseguridades, enfermidade, ausencias e morte. Malia todo iso, perdura o amor, o compromiso, a tenrura e a solidariedade.
Nas súas conversas os visitantes do obradoiro van introducindo referencias a personaxes ilustres (Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Castelao…) e outros carismáticos da contorna mais próxima como Carvalho Calero, Amadita García, Xaime Quintanilla, o mestre López Bouza, sen esquecer outros de moita sona por  outras razóns: Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart . Estas referencias literarias, sociopolíticas e culturais apórtanlle á obra un valor testemuñal  único.
      Cosendo sombras é unha emotiva testemuña que nos fai reflexionar sobre os erros cometidos no pasado, é tamén un xeito de reivindicar a Memoria histórica do pasado: medos, denuncias sen fundamento, tortura, fusilamentos, ausencia de liberdades, perda de dereitos fundamentais, fame, enfermidade, morte de inocentes. En definitiva,  miseria física e espiritual do ser humano.
Cosendo sombras ten ademais un marcado carácter didáctico. Obra pensada non só para a posta en escena, senón especialmente para traballar na aula. Concibida como unha ampla unidade didáctica, na que a  súa autora Pim Patinho, vos convida  a revisar o modus vivendi das xentes de entón, cos seus oficios singulares: costureiras, mariñeiros, redeiras, mandadeiros, lavandeiras, labregos, traballadores do naval. Convídavos  tamén a valorar certos costumes da época: mocear, pasear o vespertino, merendar chocolate, convidar con guindas, visitar os presos, viaxar en lancha. Interesante para desenvolver na aula é o estudo da rica temática (República, Golpe de estado, Ideoloxías, Igrexa, Galeguismo, Guerra Civil, Posguerra,…). Outros aspectos salientables son os fitos históricos que atinxen máis de preto o noso Ferrol e a súa comarca, así como as diferenzas de vida entre o rural e o urbano e mesmo entre campo, industria e mar.
Dicíavos ao inicio deste comentario, que tanto a  posta en escena como  o seu contido,  emocionáronme  dende o principio. É unha obra moi pensada , cun guión  moi ben artellado estruturalmente. As personaxes , polo que din e polo que fan, teñen peso e entidade psicolóxica propia, por iso son quen de engaiolarnos e conmovernos. Eu, sentinme especialmente identificada cos sucesos referidos á guerra civil acontecidos,  na miña aldea (San Mateo de Trasancos, Narón), postos en boca do labrego Emilio. Estas desoladoras historias de presos, escapados, emparedados, de sindicalistas fusilados,  coñecíaas  dende a miña nenez, porque eran os dramáticos contos que miña avoa me contaba, nas longas noites   de inverno, ao carón da lareira. Souben, ao rematar a función,  que a autora  empregou como fontes para a documentación da súa obra a  dúas Nenas da Guerra: Juana de Segundo, natural de S.Mateo, e Antía Peña, da Graña. Para elas toda a miña admiración e homenaxe.

Pim Patinho conseguiu, dalgún xeito, que todas esas sombras esvaecidas na nosa memoria, recuperen o protagonismo  merecido. Son os heroes e as heroínas anónimas, que sen transcender a Historia con maiúsculas, fixeron grande a historia do noso pobo.

Pim Patinho, no centro da imaxe, é profesora de Lingua e Literatura Galega do IES "Carvalho Calero" de Caranza, Ferrol.

Ningún comentario:

Publicar un comentario