Páxinas

IMAXES NURIA VIL 13/3/2014

22 de dec. de 2018

Lidia González

LIDIA GONZÁLEZ TEIJIDO inesquecible alumna do noso centro e, con toda certeza, futura grande doutora obtivo o mellor expediente nas probas de Selectividade de Galicia (13,96 sobre 14). No mes de xullo, a Universidade de Santiago de Compostela organizou un acto de homenaxe e recoñecemento aos mellores alumnos galegos no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. No seu discurso en representación dos alumnos agasallados, Lidia, expuxo unhas palabras tan interesantes (a importancia dos soños, a adquisición e práctica dos valores...) que non merecen ser esquecidas. Están reproducidas na web do noso instituto, pero tamén as reproducimos aquí.

Lidia durante o seu discurso no Palacio de Congresos. Compostela.

Señor Reitor, autoridades representantes dos organismos e institucións, profesores, compañeiros e familiares, boas tardes a todos. En primeiro lugar gustaríame agradecer a vosa presenza neste día tan especial, así como o labor da Universidade de Santiago de Compostela organizando este conmemorable acto.
Hoxe teño a honra e o pracer de dirixirme a vós en nome de todos os estudantes que rematamos este ano o Bacharelato e realizamos as probas de acceso á universidade. Aínda que pode semellar unha tarefa difícil, representar un grupo tan rico e heteroxéneo, pódese dicir que todos os seus integrantes, entre os que me inclúo, compartimos nestes últimos anos experiencias que dalgunha maneira conectan as nosas historias e nos reúnen aquí hoxe. Esta viaxe, que nos levou ata este momento, parece imposible de recoller cunhas poucas palabras, pero de seguro será lembrada por todos nós coa intensidade que a caracteriza, e é que mentres tentabamos resistir esa carreira contrarreloxo, chea de nervios e tensión, semellaba que o tempo escapaba sen solución. Aínda así, non deixamos un minuto sen espremer e sen aproveitar, tendo sempre a mirada posta nas nosas esperanzas e nos nosos soños. Pero, como ben dixo o noso querido Castelao “o verdadeiro heroísmo consiste en converter os soños en realidades e as ideas en feitos”. Por iso, hoxe pódese dicir que todos nós somos heroes, experimentando as gratificantes sensacións que provoca ver os obxectivos cumpridos e obter o recoñecemento por todo o esforzo realizado, é agora cando despois de conseguir superar o desafío máis esixente, descubrimos como as nosas aspiracións cobran vida diante dos nosos ollos.
Non obstante, aínda que pareza que chegamos á meta, aínda somos pezas que se manteñen unidas grazas a todos os hoxe aquí presentes, que conseguiron que o día de mañá, antes que médicos, enxeñeiros, periodistas ou artistas, sexamos persoas. Os nosos profesores, que nos inculcaron valores coma o amor ao traballo ou a curiosidade intelectual e que nos transmitiron coñecementos para que, seguindo o exemplo da parábola dos talentos, os fagamos medrar, devolvendo á sociedade a esperanza que deposita cada día en nós. Pero tamén as nosas familias, que guiaron os nosos pasos dende o comezo desta aventura, e estiveron ao noso carón celebrando os nosos éxitos e apoiándonos nos momentos máis difíciles. Todos eles serviron de cimento para ir construíndo, pouco a pouco, esa escaleira que nos permitirá chegar a un lugar onde poderemos observar o mundo que nos rodea cunha nova visión, que nos descubra aquilo que permanecía agochado ata o de agora.
Así, imos decatándonos de que malia que despois dun duro traballo se atopa unha grata recompensa, aínda queda moito lenzo sobre o que pintar. E é que non se trata de como empeza a nosa historia, nin tampouco de como remata, é o camiño, as súas fochas e a forma en que as superamos o que nos fai medrar e ser mellores. De agora en diante tócanos loitar polo noso futuro, aquel que desexamos, sen deixar que os nosos medos ocupen o lugar das nosas ambicións.
Vivimos nun mundo no que debemos esforzarnos cada día por lograr unha sociedade que se vexa expresada nunha convivencia sa, un respecto mutuo e na cal a práctica dos valores non sexa unha casualidade. É por iso, que a educación, que comeza cunha simple pregunta, se constitúe hoxe como a arma máis poderosa, ademais de ser a mellor inversión para lograr un futuro no que non sexa suficiente con nacer persoas, senón que tamén teñamos que chegar a selo.
Así, non podo rematar doutra maneira que lembrando o meu paso polo Instituto Concepción Arenal, que ten a honra de levar o nome dunha gran muller, cunha vida protagonizada pola entrega e o compromiso que non só nos recorda a importancia de loitar por conseguir un mundo máis xusto, senón tamén o privilexio que supón poder acceder ao saber con dereito e liberdade. “Abride escolas e han de pechar os cárceres” foron algunhas das súas verbas máis célebres, palabras que sen dúbida demostran que aínda debemos seguir traballando para liberar unha sociedade prisioneira de si mesma.


(Podes ver o vídeo da súa intervención en http://tv.usc.es/mmobj/index/id/3624)